Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Suspensión da presentación de “ Os nomes do terror” mañá martes 17 de outubro.

Como consecuencia da declaración polo Concello de Nigrán de tres días de loito oficial, quedan suspendidas tódalas actividades organizadas polo Concello, e polo tanto tamén a presentación de “Os nomes do terror” mañá martes 17 de outubro.

Está en:  Inicio O IEM Documento fundacional
Skip to content
Documento fundacional PDF Imprimir Correo-e

Contidos - Fundación
Escrito por IEM   
Mércores, 27 Outubro 1999 01:00
Xustificación.-

O Val Miñor é unha comarca natural integrada polos concellos que se sitúan á beira do río Miñor: Baiona, Gondomar e Nigrán. Unha unidade física marcada polo Miñor, a súa embocadura na Xunqueira da Ramallosa, e polas serras da Groba, do Galiñeiro e os montes de Priegue que a delimitan.

É unha unidade económica, historicamente formada ao longo dos séculos, dende o Paleolítico á Idade do Bronce, pasando polo poboamento castrexo, a romanización, os restos de construccións baixomedievais, o esplendor da Baiona anterior ao s. XV e a recuperación do mesmo ollando para a outra banda do Atlántico, a época do Antigo Réxime cunha notable influencia da nobreza fidalga e cortesá que deixaron mostras nas importantes e abundantes construccións pacegas, os esforzos do campesiñado por facerse donos das terras que só foi posible coa masiva emigración a América acontecida a principios do século XX.

Unha unidade física, histórica e cultural que fixo do Val Miñor unha comunidade integrada na que foi quen de coexistir a actividade agraria coa comercial ou mariñeira. Xunto a estas tense desenvolvido, nos últimos tempos, o turismo. A valoración da riqueza paisaxística e o esmero na conservación do patrimonio histórico e arquitectónico é fundamental para que esta fonte de ingresos sexa eficaz e duradeira. A estas novas necesidades debe dárselle tamén resposta dende o ámbito cultural en xeral: dar a coñecer o espacio físico para que os cidadáns o valoren e coiden como a riqueza que é; descubrir a continuidade histórica e cultural como un xeito máis de conseguir o respecto polo patrimonio arquitectónico ou cultural. En resumo, divulgar e valorar o que lles é propio e que deben conservar porque tamén é de todos.

Obxectivos.-

O Instituto de Estudios Miñoranos (IEM) fíxase como obxectivos:

Divulgar a cultura e, en xeral, todo o referente ao patrimonio natural, histórico, artístico, arquitectónico, etnográfico, lingüístico, etc. dos tres concellos do Val Miñor.Promover a realización de estudios do todo tipo sobre os ámbitos sinalados.Impulsar calquera actividade encamiñada á divulgación destes aspectos.Fomentar a conservación e respecto polo patrimonio miñorano como un ben económico e cultural actual.

Postulados.-

O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) baséase nos seguintes postulados:

Non se configura, nin pretende selo, como un Instituto oficial, senón como unha expresión independente emanada da sociedade miñorana.Está ao servicio do conxunto da sociedade, sen exclusións, propiciando desde posicións de independencia o consenso das diversas forzas sociais, culturais, económicas e políticas a prol do eixe principal da súa actuación: o estudo, divulgación e protección do patrimonio histórico, artístico, natural, arquitectónico... Nunha perspectiva decididamente humanista e universalista en ningún caso esquecerá a atención debida á salvagarda e promoción da nosa identidade, o noso idioma e a nosa cultura, entendendo a realidade miñorana como integrada no ámbito xeral da sociedade galega.Carácter pluridisciplinar, indispensable para abranguer as liñas de actuación que nos permitan acadar os obxectivos fixados.

Organización.-

O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) é unha institución aberta conformada por socios e rexida por unha Asemblea anual na que asisten os mesmos. Conta cun equipo directivo conformado polos cargos que se determinan nos Estatutos. Está organizado por seccións para a realización do seu labor en función da especialidade dos campos de traballo: historia, xeografía, arte, natureza, arquitectura, etc.

A relación cos organismos públicos é imprescindible para poder levar a bo porto estas actividades, nomeadamente cos tres concellos; neste senso contémplase a presencia dos respectivos alcaldes -ou delegados dos mesmos - na Xunta de Goberno, segundo se recolle nos Estatutos.

A colaboración coas institucións educativas é de especial importancia para a realización de cursos ou congresos, ao tempo que a relación con outras entidades públicas ou privadas é imprescindible para o financiamento das actividades que a continuación se sinalan.

Actividades.-

O Instituto de Estudios Miñoranos (IEM) ten como actividades fundamentais:

- A realización dun congreso bianual - o Congreso de Estudios Miñoranos (CEM)- que versará sobre os obxectivos do IEM determinándose en cada momento o tipo de actividades a realizar, pero na que se posibilitará a presentación de comunicacións e traballos de investigación. Procurarase o recoñecemento do CEM polas distintas institucións educativas. A Directiva do IEM poderá delegar nunha Comisión específica a preparación e realización do Congreso.

- A publicación dunha Revista de Estudios Miñoranos de carácter divulgativo-científico que responda aos criterios de actividade do IEM, ou ben traballos de creación de narradores ou poetas miñoranos. A directiva do IEM poderá delegar nun Consello de Redacción.

- A creación dunha biblioteca especializada sobre o Val Miñor. Así como a creación de Arquivos de Imaxe, Son e Documental.

- A realización de cursos específicos que se poidan determinar.

- A publicación ou reedición de estudios parciais ou xenéricos sobre o Val Miñor.

- A organización de exposicións e outras actividades sobre a realidade miñorana.

- Impulsar iniciativas encamiñadas a dotar ao Val Miñor de actividades museográficas.

- A colaboración con todo tipo de entidades de carácter cultural, centros de ensino ou outras asociacións radicadas no Val Miñor.

Gondomar, 27 de outubro de 1999.