Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XEIRA IEM-Gondomar: Polas extremas de Gondomar. Mércores 19 de xullo, ás 18:30h

O vindeiro mércores 19 de xullo gozaremos doutra nova xeira do IEM, esta vez polo concello de Gondomar "Polas extremas de Gondomar". O punto de encontro será no local do IEM (Avda. Da Feira, 10 baixo)ás 18:30H, e será guiada polos especialistas Xosé Lois Vilar Pedreira e Xosé Ramón García Martínez.


Está en:  Inicio Sala de exposicións Artigos Inaugúrase a exposición Xesús Valverde (1925/1993) na Aula de Cultura Ponte de Rosas.
Skip to content
Inaugúrase a exposición Xesús Valverde (1925/1993) na Aula de Cultura Ponte de Rosas. PDF Imprimir Correo-e

Sala exposicións - Sala Exposicions 2009 - 2016
Martes, 19 Abril 2011 22:22
Foto-Xessiem
Download this file (Expovalverde.pdf)
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Mañá mércores ás 19:30h na Aula de Cultura "Ponte de Rosas" (Avda. da Feira 10, baixo) sede do Instituto de Estudos Miñoranos inaugurarase a exposición Xesús Valverde (1925/1993). Nesta exposición retrospectiva, celebrada 18 anos despois da morte de Xesús Valverde, ademais de amosar esculturas en pequeno e mediano formato, exporanse 26 debuxos, a meirande parte inéditos, algúns deles realizados nos últimos anos da súa vida que reflicten a súa interpretación simbólica do río Miñor e da paisaxe miñorá. A exposición estará aberta ata o 26 de maio e poderá ser visitada de luns a venres de 19 a 22 horas.
Xesús Valverde, pertencente a unha familia de estirpe miñorá, desenvolveu a súa actividade profesional en Madrid, pero mantivo sempre unha vinculación especial co Val Miñor e mesmo, nos derradeiros anos da súa vida, pasaba longas tempadas na súa casa da Romana, en San Pedro da Ramallosa, e está enterrado no cemiterio parroquial.
En 1960, por primeira vez, amosa a súa obra na Sala do Prado do Ateneo de Madrid. Nos anos seguintes, na década dos sesenta, segue amosando a súa obra non só en España senón tamén no estranxeiro. En 1961 participa na Exposición "Arte Actual" da Galería Darro de Madrid e ao ano seguinte na Exposición "Petit Bronce" en París.
En 1964 acada a Segunda Medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes. Xunto aos escultores: Venancio Blanco, Joaquín García Donaire, César Montaña, e despois José Carrilero y Benjamín Mustieles, deciden unirse para amosar xuntos a súa obra e así abrirse camiño no panorama artístico madrileño. O grupo foi bautizado pola crítica como "Nueva Figuración". Con eles participa na Exposición "Seis escultores" en Madrid.
Participa na exposición "Escultura Contemporánea" (1964) en Nova York (EE.UU.) e participa, no ano 1965, na Exposición "6 Escultores" organizada pola Galería Libros de Zaragoza. Participa na "III Bienal de Zaragoza" acadando a medalla de bronce de escultura.
A Fundación Juan March concédelle unha axuda e noméao bolseiro, e a Seguridade Social encárgalle unha escultura de bronce "Maternidad", da que funde 3 pezas instalando unha delas no Hospital de Valencia.
No 1966 expón de novo en Madrid e participa na "VI Bienal de Alexandría" (Exipto). Fai unha "Maternidad" en pedra para o barrio de San Blas de Madrid. E participa na Exposición "Escultura al Aire Libre" celebrada en Madrid.
No 1967 expón na Haia (Holanda) e acada o Primeiro Premio Nacional de Escultura.
No 1968 fai exposicións en Madrid e no "I Salón de Escultura Contemporánea" de Barcelona; realiza unha "Figura" en pedra para o Museo de Escultura Contemporánea de Barcelona. Participa na "Exposición de Escultura Española" en Oslo e na "X Bienal de Middelhein" celebrada en Amberes.
A década dos 70 é de amplo traballo coa participación na "III Exposición "Pequeño Bronce Internacional" en Madrid. En 1973 encárgaselle a "Figura de atleta" para o Pavillón dos Deportes de Vigo, que foi chamada despois "VIGO Homenaxe á xuventude". Ao ano seguinte expón na "Escultura ao Aire Libre" no Club de Golf de Madrid e xunto cos tamén escultores Venancio Blanco, Joaquín García Donaire, César Montaña e os parentes mexicanos deste último, Juan García Rodes e Juan García Ponce, abren na praza Maior de Madrid a Galería Ponce cunha exposición das súas obras sendo a primeira vez que un grupo de escultores fan acto de presenza na vida cultural como galeristas. Ao tempo realiza múltiples exposicións. En 1978 expón na Caixa de Aforros de Vigo e na Clínica de la Luz (Madrid), coloca, na entrada, unha "Maternidad", que forma parte dunha edición de tres pezas iguais fundidas no ano 1966 e das que outra se instalara nun centro hospitalario de Valencia.

 En 1979 volve a expoñer na Caixa de Aforros de Vigo unha mostra de debuxos.

Comeza a década dos 80 acadando o Premio Cáceres de Escultura e realizando unha "Figura", en pedra rosa do Porriño, para o Museo Español de Arte Contemporáneo de Madrid. No 82 vólveselle a conceder o Premio Cáceres de Escultura e fai unha "Maternidad" en bronce para o Banco Urquijo. No ano 1983 instálase unha "Figura femenina" formando parte dunha serie de esculturas e mosaicos decorativos feitos no Poblado Mínimo de Vallecas (Madrid), con motivo da súa remodelación na que se puxo especial atención na creación de espazos para a convivencia.
No 84 expón no Centro Cultural Conde Duque de Madrid, e no 85 participa na exposición "Cinco Escultores" de Salamanca e Palencia amosando debuxos e seis pezas feitas o ano anterior.
En 1989 expón no Centro Cultural de Baiona e a proveitando a súa estancia na Ramallosa, fai unha figura de pedra para o IES Os Rosais de Vigo e unha de bronce para a Xunta de Obras do Porto de Vigo, que se chama "Homaxe á muller viguesa".
Participa na exposición "Madrid, el arte de los 60", organizada no ano 90 pola Consejería de Cultura da Comunidade Autónoma de Madrid. A escultura de bronce chamada "Familia" (2x2x0,90), que realizou en 1980, foi instalada na rúa Arturo Soria con motivo da Capitalidad Cultural de Madrid no ano 1992, xunta outras tres obras dos escultores do grupo Nueva Figuración -Venancio Blanco, Joaquín García Donaire e Cesar Montaña.

Attachments:
dipitico da mostra[ ]545 Kb