Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XV XEIRA ALÉN MIÑOR CERDEDO - MONTE SEIXO (5 de maio de 2018)

Percorreremos, guiados pola sensata palabra colmada de sentimento de Calros Solla, o Monte Do Seixo, mítico cimeiro da Terra de Montes, biqueira da Serra do Cando. Cos seus picoutos, encostas e bosques, con vistas maravillosas (cando o vento norte limpa de nubes o horizonte) á Ría de Pontevedra,os concellos veciños de A Lama, Beariz e Forcarei.

Unha serra parcialmente esnaquizada por un parque eólico no ano 2000, pero que todavía conserva unha forte pegada etnográfica, con moitísimas lendas e referencias prehistóricas, castrexas e de sabedoría tradicional. Esta montaña máxica que para os devanceiros era un medio de comunicación coas deidades celestes atesoura un abraiante patrimonio material, natural e inmaterial: túmulos, vereas, marcos, pedrafitas, milladoiros, foxos, neveiros, afloramentos graníticos de caprichosa feitura. A natureza exprésase nas mandas de garranos e de vacas que campan pola serra tendo conta das súas vidas cando o lobo llo permite. O vento mareiro deloura cornos e crinas nos piricotos orientados cara ó mar.

 

Está en:  Inicio Seccións
Skip to content
XIV XEIRA ALÉN MIÑOR-PONTEVEDRA 7 DE ABRIL 2018 PDF Imprimir Correo-e

Escrito por IEM -Sec   
Xoves, 08 Marzo 2018 00:19
p5180078

XIV XEIRA ALÉN MIÑOR-PONTEVEDRA

 

7 DE ABRIL 2018

Pontevedra, lugar onde se atopa unha ponte vella.

A construción arredor do século II por parte dos romanos dunha rede viaria de camiños que favorecería as vías de comunicacións e transporte de alimentos e mercadorías entre Braccara Augusta , Lucus Augusti e a Asturica Augusta, concretamente a vía XIX, favoreceu o asentamento e consolidación de pequenos núcleos de poboación que servían de apeadeiro ou lugar de descanso temporal para todo aquel que percorrese dita vía. Un destes pequenos asentamentos, localizado no que é a actual Pontevedra, chamouse Turoquia.

As orixes medievais de Pontevedra, con case total seguridade, gardan relación co reinado de Fernando II de León. A aparición dun documento, en 1163, que recolle a doazón por parte de dito rei da metade da igrexa de Santa María ao mosteiro de Poio, así o corrobora.

Pontevedra, ao igual que na época romana, ten ligado o seu destino ao Lérez, a ponte e os camiños. A vella ponte desapareceu (Vetula Ponte), dando paso, no medievo, a outra que tivese un protagonismo maior e axudase a sentar as bases dun novo núcleo que non deixou de medrar ata os nosos días.

A súa topografía no século XII vese claramente condicionada por atender a dúas funcións loxísticas: O control visual da ría e o territorio circundante e a defensa da cabeceira da ponte.

O máximo esplendor da vila acontece no sc. XV, cando se constrúen as catro igrexas medievais da cidade.

Outórganlle a capitalidade provincial en 1833.

Algunhas localizacións a visitar:

Igrexa de Santa María (Gótico Serodio): O cerne da cidade estableceuse ao redor desta igrexa. A orixinal esmoreceu a finais do sc. XV dando paso á nova construción. O gremio de mareantes foi o gran benfeitor para a súa construción. Naquel momento esta irmandade era das máis representativas na bisbarra, grazas a que conseguira que a pesca da ría se xestionase dende a vila. Foron as xentes mariñeiras as que levantaron este templo, que no sc. XX pasaría a ter a categoría de basílica.

Igrexa de San Bartolomeu O Vello: A edificación orixinal tivo igual destino ca anterior. Temos referencias da primeira construción dende o século XIII, posteriormente( sc.XV- XVI), os xesuítas edificaron a nova igrexa, baseándose no barroco romano.

No sc. XIX demoleuse e no seu lugar construíuse o Teatro Principal.

San Domingos (sc.XIV-XV): Conserva só as ábsidas e a entrada ao capítulo, aínda que na súa traza poden entreverse as cinco capelas, excepcionais na arquitectura da súa época. No seu interior estableceuse a sección lapidar do museo de Pontevedra.

 

As Murallas: Na época medieval a existencia da muralla dá titularidade a unha vila, outórgalle un status e identifica a súa poboación e as rúas. Fóra delas sitúanse moitos gremios e traballos que por determinadas características (loxísticas, saúde pública…) non poden levarse a cabo intra muros.

O primeiro recinto amurallado constrúese a carón e ao redor da Igrexa de Santa María no sc. XII. Sufriu ata tres ampliacións en diferentes períodos, a última a mediados do sc XV. A finais do sc XIX acometeuse o seu derrubamento. Aínda podemos apreciar restos e testemuñas da súa existencia. Un exemplo é a Porta da Vila (sc. XVIII).

Museo de Pontevedra: Institución dedicada á difusión da cultura e as humanidades no ámbito de interese galego, da vila, da provincia, pero tamén universal.

Visitaremos a maioría dos recintos dedicados ás exposicións e os seus fondos, a historia e o contexto cultural e arquitectónica.

Pedro Madruga, Paio Gómez, Suero Gómez e Tristán de Montenegro, persoeiros fundamentais para entender a historia desta cidade, terán protagonismo nesta xeira, retallos da súa pegada están presentes en moitos recunchos e rueiros da vila.

Pontevedra posúe uns dos conxuntos históricos máis fermosos, máis paseables e mellor conservados de Galicia . As Prazas da Ferrería, da Peregrina, da Verdura, da Leña, etc conservan infinidade de elementos arquitectónicos (pazos, casas nobres, escudos, etc) e tamén lendas e moita historia que fan desta xeira unha das imprescindibles.

CARACTERÍSTICAS DA XEIRA

DATA: 7 de Abril de 2018

GUÍA: Manuel Lourenzo González (Profesor de Lingua e Literatura Galegas, escritor)

Colaboracións: Museo de Pontevedra

HORARIO APROXIMADO

SAÍDA DO AUTOCAR Sábado: 8:30 de Gondomar, dende a explanada do Pavillón de deportes.

CHEGADA: Sábado, aproximadamente ás 21.00, ó mesmo lugar de partida.

 

Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575, de luns a venres de 18.00 a 21.00, ou escribir un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

  • PREZO SOCIOS/AS: 40 EUROS
  • PREZO NON SOCIOS/AS: 45 EUROS
  • Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164

O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar, as visitas ós museos e guía.