Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía VictorianoTaibo coa obra presentada baixo o título de A situación actual

O xurado do certame poético VictorianoTaibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición, resolveu que o libro gañador desta XIª edición era o presentado co título de A situación actual que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba.

O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén salientou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo.

Laura Ramos Cuba, é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI.

A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.

 

Está en:  Inicio Seccións
Skip to content
O IEM e o Concello de Gondomar homenaxean a María Victoria Moreno. PDF Imprimir Correo-e

Filoloxía e literatura - Destacados
Escrito por IEM -Sec   
Mércores, 09 Maio 2018 00:24
17m18

O acto terá lugar na Paradela, na praza Latino Salgueiro de Gondomar, e comezará ás 19:30 horas

Este 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, e o concello de Gondomar, a través da concellaría de Cultura, celebrarán as Letras galegas cunha homenaxe á escritora María Victoria Moreno, a quen se lle dedica a data este ano.

Os escritores Iria Misa e Miguel Anxo Mouriño lerán fragmentos da obra desta profesora estremeña que namorou da lingua galega e dedicou a súa vida a escribir en galego, especialmente para os máis novos e novas. Ese lectorado tan presente para María Victoria Moreno estará representado neste acto por alumnado do CEIP Neira Vilas e IES plurilingüe Terra de Turonio, que lerán fragmentos de Eu conto, ti cantas.

Acompañando á palabra recitada estará o grupo musical Xardín desordenado que interpretará pezas do seu último traballo, "A vitoria da luz", baseado en textos de María Victoria Moreno e pechará o acto. Tamén, durante todo o acto a pintora Irene Silva realizará un mural en directo.

Palabra, música, pintura únense así para festexar a nosa lingua, esta que tanto amou María Victoria Moreno, quen non dubidou en utilizala no ensino ou en dar aulas de lingua alí onde for requirida en tempos da ditadura franquista. Os seus versos, os seus relatos en que os animais teñen un papel principal, o seu amor pola lingua son o legado que nos deixa unha estremeña que un día namorou deste noso país.