Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XVIII XEIRA ALÉN MIÑOR A CORUÑA E A MARIÑA CORUÑESA (24-25 de novembro)

As primitivas dimensións da Coruña ocupaban o que hoxe se coñece como Cidade Vella. Era A Coruña intramuros, e tanto o seu trazado como a súa arquitectura explican a historia desta cidade.A Cidade Vella fíxose á medida humana.Pedra, vidro e madeira mesturáronse para dar acubillo a fidalgos como a artesáns ou mariñeiros. A Porta Real foi a primeira entrada á primitiva cidade.

Moito que ver ou recoñecer nesta cidade vella, acompañados por un guía que é un dos referentes da cultura contemporánea do país, Felipe Senén.

A sede oficial da Real Academia (edificio dezaoitesco), noutro tempo propiedade de Pardo Bazán, moi preto da Colexiata de Santa María (principios do sc. XIV) que foi a igrexa dos gremios do mar e do comercio

Na contorna sitúase a Praza de Azcárraga. Está trazada sobre dous planos diferentes. No máis elevado enmárcase a antiga praza da Fariña, en cuxa bonita bóveda se acubilla a fonte do Desexo; no plano inferior está o palacio neoclásico da rexión militar noroeste, que data de 1740 e que acolleu a constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, con motivo do alzamento coruñés contra as tropas napoleónicas.

O Convento de Santo Domingo levantouse a finais do século XIII, foi incendiado polos homes de Francis Drake a fins do XVII. A Igrexa data do século XVII e é de estilo barroco galego.

Moitos persoeiros, aventureiros, escritores, filósofos, científicos, ou persoas sen título como María Pita, que se enfrontou a Drake ou lideraron a resistencia ós franceses, viviron ou tiveron relación coa cidade. O Duque de Toscana, Cosme de Medicis, nunha das súas viaxes de coñecemento, o mariño Alejandro Malaspina, militares ou estadistas, como Porlier ou Melchor de Macanaz. Sir John Moore (repousa nos xardíns de San Carlos). Personaxes, espíritos da cidade ou simples cidadáns que inspiraron á Condesa de Pardo Bazán en "A Pedra Angular" ou a obra de Murguía e de Rosalía, os que xogaron co neno Pablo Picasso, que iluminaron o pensamento de Wenceslao Fernández Flórez ou de Salvador de Madariaga.

A cidade vella agocha máis recunchos queridos polos seus veciños, como o A Praza e O Convento das Bárbaras, próximos o Castelo de San Antón (hoxe Museo Arqueolóxico), antiga fortaleza do século XVI que se edificou sobre unha illa para protexer a entrada da ría dos ataques do pirata Drake. Ou o arquivo do Reino De Galicia (1775), que está encargado da recollida, custodia e posta a disposición do público da documentación de ámbito galego e provincial, xerada por diversos organismos de carácter xudicial ou administrativo con sede na provincia da Coruña.

 

Está en:  Inicio Seccións Biblioteca
Skip to content
Un refacho de esperanza PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por Xilberte Manso de la Torre   
Mércores, 26 Xaneiro 2011 21:38
cantares-do-brion
O pasado sábado día 22, ás oito do serán, adiantouse a primavera en Vincios. Un rumoroso son de ledicia encheu o Centro Cultural de Vincios para dar a benvida a un novo coro tradicional no noso país, e como un refacho de esperanza e arrecendo a primavera, sesenta mulleres e homes procedentes de Vincios e todo o Val Miñor, O Condado, Pontevedra, Vigo e outros lugares do sur das Rías Baixas, encheron o fol dos seus peitos para guindar ao ar as primeiras notas oficiais como Coro Tradicional Cantares do Brión.
Nun Centro Cultural ateigado como nunca se vira en Vincios, os que ata alí nos achegamos puidemos gozar da nosa máis fonda tradición musical da man de dous coros que xa están na historia musical do noso país, aínda que de xeitos diferentes.
Foi o case centenario Coro Cántigas da Terra, fundado o 28 de decembro de 1916 e que fixera a súa presentación no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña, coa peza A festa do Tabeirón, de Enrique Labarta Pose, o que apadriñou o novo coro miñorano. E fíxoo, dirixido nesta ocasión por César Concheiro, cunha actuación sentida e impecable.
Por méritos propios Cantares do Brión súmase tamén ao ramo que, dende o ano 1914, vén agromando e deixándonos vizosos froitos. Con ese primeiro xermolo do Real Coro Toxos e Froles, decano dos coros do noso país, dende Ferrol; a Coral De Ruada, fundada en Ourense en 1918 e con debut no día de san Xoán de 1919, e na que Prado Lameiro,Virxilio Fernández, Prieto Nespereira, ou Vicente Martínez Risco, entre outros, pulaban por levar adiante a tarefa de divulgar e recoller a nosa tradición musical e etnográfica; a Agrupación Folclórica "Cantigas e Agarimos" de Santiago de Compostela, fundada nesta cidade, no ano 1921, por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Enrique Sánchez Guerra e Camilo Díaz Baliño.
Era, polo tanto, Cantigas e Agarimos a máis nova das catro agrupacións históricas do folclore galego, ata o sábado 22 de xaneiro en que rebentou o xermolo que viña medrando en Vincios dende decembro de 2008, cando se celebraron os primeiros ensaios, con pequenas follas á vista a partir do 7 de marzo de 2010 que se constitúe a primeira Comisión do Coro presidida por Xosé Manuel García Crego e baixo a diección musical de Pablo Rial Salgueiro. No día central das Festas de Santa Mariña en Vincios en 2009, o 24 de abril de 2010 no auditorio Lois Tobío de Gondomar co gallo do 10º aniversario do IEM, en Matamá, en Valadares ou no Centro Cultural da entón Caixanova o 21 de novembro de 2010 na XXII Homenaxe ao Gaiteiro, foron os escenarios que escoitaron e viron aos nosos veciños nos primeiros pasos como agrupación coral tradicional. Dicimos o de viron porque tamén é un espectáculo visual o ver ese escenario ateigado de cores cos traxes tradicionais das mulleres e homes de Cantares do Brión, un aspecto que na nosa tradición está moi xunguido coa música e que, por desgraza, nos últimos tempos está a ser deturpado e esquecido coa incorporación de modas alleas ao que é a nosa cultura tradicional.
Se dicimos ledicia, dise pouco ao tentar explicar o que sentimos o sábado en Vincios ao escoitar esa primeira peza "Camiño de Ourense", alalá con música de Luís Correa e letra de Manolo Pipas, cun auditorio a rebentar aplaudindo e con todos os coristas deixando atrás os temores e nervos que se reflectían no escenario nun primeiro intre, cargado de seria tensión pola responsabilidade de non defraudar ao auditorio. Antes de escomenzar o concerto respirábase moita inquedanza nas mulleres e homes do coro, que vían como se ían formando ringleiras de ávidos espectadores nas escaleiras e na porta de entrada do auditorio. O traballo de meses, os esforzos persoais e colectivos, os consellos do meticuloso director que cun gran traballo foi artellando chanzo a chanzo, son a son, as voces ás veces nerviosas, outras rebeldes mais sempre entregadas á batuta sabia e teimosa de Pablo Rial, madureceu e madureceu ben. Pandeirada de Ourense, Foliada de Carril... todo o auditorio tiña algo máis que o corpo ledo, tiña ese indefinible sexto sentido que nos arreguiza a pel e nos fai inchar o peito como se fósemos membros desa especie de aves chamados perús que galanean inzando as plumas nun abano multicor que asoballa as miradas dos presentes. Asoballados polo son que encheu o adro do escenario e que ecoou en Vincios entre aturuxos espontáneos dun público entregado e orgulloso de escoitar das voces dos cantores algo máis que música. Sentimento, moito sentimento e ese orgullo que ás veces escasea noutras tarefas da vida, e que en Vincios se espallou como unha vaga teimosiña que o asolagou todo facéndonos máis felices.
Viñeron despois un canto popular Maneo de Trabazo, do repertorio de Cántigas da Terra; Muiñeira do turreiro, composta por Suso Comesaña, de Zurrumalla que se sumaron a esta posta de largo cunha gravación en directo para o seu próximo disco. Alalá nº 3, do repertorio de Aires da Terra, Canto popular, do Cancioneiro Galego de Martínez Torner e Bal y Gay, con arranxos de Pablo Rial. Troco de agallasos de lembranza, a primeira gravata para o futuro estandarte de Cantares do Brión, entregada polo presidente de Cántigas da Terra, Xosé Carlos Ponte Mecías, e palabras de alento e esperanza, pois como encabezamos nesta pequena crónica, un refacho de Esperanza asolagounos a todos co nacemento dun coro, algo que só se sente cando nace un fillo querido e desexado. Salvando as distancias lóxicas, non nos podemos sentir pais porque non formamos parte directa do grupo que enxendrou a "criatura", mais si queremos ser padriños; múltiples padriños orgullosos do bautismo musical que tanto nos gorentou.
Muiñeira de Sabaxáns, coplas tradicionais de Sabaxáns con arranxos de Pablo Rial, Foliada de Vincios, de Luís Correa, e Foliada de Cerdedo, cantiga tradicional que foi interpretada polos dous coros enchendo o escenario de xente e de talento que fixo tremer as paredes do auditorio. Se cadra non foron as paredes as que tremeron, senón os corpos dos ouvintes que fixeron que tremeran as paredes, nunha corrente continua que se desprazaba dos pés á cabeza e da cabeza aos pés, deixándonos unha pegada nos corazóns que non se nos vai quitar en moito tempo.
E como sempre fica un oco para unha ledicia máis, cando xa tiñamos o corpo cheo de boas sensacións, ao cantar o Himno Galego, co público en pé contaxiado pola maxia do día, decatámonos, de verdade, de que un pode medrar máis dunha cuarta en dúas horas, arreguizar tódolos pelos do corpo e sentirse cheo. Unha enchenta de sensacións que puxeron ramo a unha tarde noite que xa está na historia do noso país, grazas ao traballo e esforzo dun fato de homes e mulleres que sacándolle horas ao descanso, ao lecer e ás familias, se enrolan na tarefa de facer país recuperando unha das máis belas e fermosas tradicións dun pobo, a súa música e os seus cantares. Grazas amigos e amigas. Grazas de verdade, pola vosa entrega e pola vosa paixón; a historia constrúese con páxinas feitas coas vidas dos seus protagonistas, e o sábado 21 de xaneiro de 2011 vós fostes os protagonistas dunha das máis fermosas que se ten escrito en moito tempo no Val Miñor e no sur do noso país. Que a natureza e os fados vos sexan propicios e vos acompañen, como dicía Cunqueiro, mil primaveras máis, e se mil parecen moitas, mentres ides chegando aló, cando se cumpran as cen primeiras e as crónicas lembren esta data, se alguén o ten a ben, que guinde ao ar un aturuxo moi forte, vestixio ancestral da nosa estirpe que vén do fondo da alma do noso pobo, e que xente coma vós non vai deixar que esmoreza.

 

Xaneiro de 2011

Xilberte Manso de la Torre, membro da sección de Arqueoloxía e Etnografía do IEM.