Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Suspensión da presentación de “ Os nomes do terror” mañá martes 17 de outubro.

Como consecuencia da declaración polo Concello de Nigrán de tres días de loito oficial, quedan suspendidas tódalas actividades organizadas polo Concello, e polo tanto tamén a presentación de “Os nomes do terror” mañá martes 17 de outubro.

Está en:  Inicio Seccións Memoria Histórica Causas militares Historia e arquitectura da igrexa parroquial de Santa Mariña de Vincios
Skip to content
Historia e arquitectura da igrexa parroquial de Santa Mariña de Vincios PDF Imprimir Correo-e

Xeiras - Información
Luns, 27 Agosto 2012 19:06

santa-marina-iem

A igrexa parroquial de Santa Mariña de Vincios é uns dos grandes monumentos históricos que se poden atopar no antigo coto de Vincios, hoxe parroquia do Concello de Gondomar. A súa historia está vencellada á dos propios habitantes desta chan miñorana, e a persoeiros como Xoan I de Castela, Paio Sorrede de Soutomaior e Diego Sarmiento de Acuña (conde de Gondomar). Esta xoia patrimonial será visitada o vindeiro mércores 29 de agosto, nunha nova Xeira do IEM.


 

 

RESEÑA HISTÓRICA
A finais do século XIV Vincios era un couto de xurisdición real que Xoan I de Castela cede a Paio Sorrede de Soutomaior en 1386. O couto durante o século XV englobará a actual parroquia viguesa de Valadares e seguirá en propiedade dos Soutomaior, emparentados coa casa nobiliaria coruñesa dos Montaos, e a mediados do XVI, en 1555, será adquirido por D. García Sarmiento (IV), tamén da casa de Soutomaior. Este D. García herdara, en 1553, os señoríos de Morgadáns e Peitieiros, e en 1555 adquiriu o couto de Gondomar coa súa xurisdición, escribanía, xulgado e meiriñado, sobre o que funda, en 1579, na cidade de Toro, o Morgado de Gondomar, do que pasan a formar parte os citados señoríos e o couto de Vincios. Posteriormente, en 1617, o fillo de D. García, D. Diego Sarmiento de Acuña, entón propietario do citado Morgado, será nomeado Conde da vila de Gondomar por Filipe III, quedando Vincios vinculada á xurisdición do condado ata que no século XIX, coa chegada do réxime Liberal, pasa a formar parte do Concello constitucional de Gondomar.
No couto de Vincios xa existía, dende finais do século XII ou, se cadra, principios do XIII, a igrexa románica de Santa Mariña. Esta sufrirá diversas reformas e adicións ao longo do tempo, sendo as máis significativas as da ábsida, de mediados do XVI, e a ampliación da sancristía, do XVIII.
ARQUITECTURA.
A igrexa, orientada de xeito canónico segundo o eixe leste-oeste, emprázase nunha topografía de forte pendente en dirección oeste, circunstancia que obriga a que parte da construción quede enterrada. Desta condición xorde un dos maiores problemas do edificio ao longo dos séculos: as filtracións de augas freáticas e humidades.
plano-santa-marinaA edificación actual componse de tres partes: nave principal, ábsida e sancristía.
A nave é a que conserva a práctica totalidade dos restos románicos. Trátase dunha caixa de planta rectangular á que, en orixe, se accedía por tres ocos situados a norte, sur e poñente. Este último é a portada principal e, de igual xeito que todo o templo, está resolta, empregando unha sinxeleza extrema, mediante tres arquivoltas lisas para arco de medio punto apoiadas sobre xambas rectas. Non existe a máis mínima decoración. Os accesos laterais, iguais entre si, redúcense a un oco rectangular ao exterior, rematado en arco de medio punto ao interior. Na parte alta da nave, nos muros norte e sur, consérvanse dúas seteiras de fermosa austeridade resoltas con derramo interior liso. É posible que en ambos os dous muros se perderan outras dúas como consecuencia da apertura, no século XIX, de senllos ocos de maior tamaño actualmente conservados. No muro piñón, sobre o arco triunfal, puido existir outra, segundo parece indicar o tapiado exterior. A nave remata en cuberta con estrutura de madeira asentada sobre cornixa achaflanada que descansa sobre senllas liñas de canzorros a norte e sur, todos, agás dous, exentos de decoración e con forma de proa de barco ou con perfil en caveto. A fachada principal remata en espadana dobre, rematada en frontón semicircular, sobre base de volutas estilizadas punteadas, en ambos os dous extremos, por pináculos, baixo os que se atopan pequenas placas recortadas propias do barroco compostelán do XVIII. O remate da fachada descrito e o oco cadrado moldurado que aparece debaixo son probablemente consecuencia dalgunha reforma do século XVIII.
O acceso da nave á capela maior realízase a través dun arco triunfal de medio punto dobrado que descansa sobre xamba de aresta viva e arranca, na liña de impostas, dunha sinxela cornixa parcialmente rasurada, posiblemente a mediados do XIX, para acomodar a ambos os dous lados deste senllos retablos.
A ábsida, parcialmente baixo terra, constrúese, posiblemente, substituíndo a deteriorada peza románica, a mediados do século XVI, por mandato do bispo Diego de Torquemada na visita pastoral que efectúa en 1567. Era, entón, cura párroco Gonzalo de Cortiñas, cuxo apelido, e a data de remate (1568), quedou gravado nunha cartela baixo unha das ménsulas que soportan o salmer dun dos tres arcos faixóns de medio punto sobre os que descansa a bóveda de granito que a cobre. A ábsida é de planta rectangular, ten menor altura e ancho que a nave e a cuberta é a dúas augas. No vértice do muro piñón da cabeceira consérvase a cruz antefixa calada románica.
O terceiro corpo, a sancristía, foi engadido no século XVIII, en estilo barroco. É de planta practicamente cadrada, cuberta a catro augas sobre cornixa moldurada e conserva nos vértices da fachada norte senllos pináculos graníticos.
Recentemente leváronse a cabo obras de rehabilitación de todo o templo, tuteladas pola Comisión de Patrimonio, e a consecuencia destas, e doutras iniciada en 1993, descubríronse e restauraron as pinturas murais que cobren a cabeceira da ábsida, unha representación de Cristo na Cruz sobre, posiblemente, unha Última Cea, que viñeron completar as atopadas sobre o arco triunfal, unha representación de Cristo Resucitado.
Por último, é tamén salientable a métrica e materialización do antigo cemiterio, anterior á aparición dos cemiterios hixienistas, que inda se conserva ocupando a case totalidade do adro empedrado, ao que se chega a través dunha escalinata granítica de considerable ámbito e tramo único.
Xeira do IEM
O vindeiro mércores 29 de agosto de 2012 terá lugar unha Xeira do IEM que percorrerá os muíños da parroquia de Vincios (Gondomar) e visitará a igrexa de Santa Mariña. O punto de encontro será ás 18 horas na sede do IEM, Aula de Cultura Ponte de Rosas na Avda. da Feira Nº 10, baixo (Gondomar). O percorrido contará coa guía do arquitecto Antonio Soliño Troncoso e membros da Asociación Cultural Pedraghullo

Preme aquí para descargar o mapa do percorrido.


Para saber máis sobre a igrexa románica de Santa Mariña de Vincios:
• ARCIPRESTADOS DE TUI-VIGO. MIÑOR. Fuertes Palomera, Andrés; Vega López, Santi. Delegación de Patrimonio dá Diocese de Tui-Vigo. 2008.
• GONDOMAR. HISTORIA, ARTE E TERRITORIO. Soliño Troncoso, Manuel, Alfonso e Antonio; Mosquera Veleiro, José Luís. Ir Indo Edicións. Vigo 1995.
• DESCUBRIR EL ROMÁNICO POR TIERRAS DE PONTEVEDRA Y EL CAMINO DE SANTIAGO. Fontoira Suris, Rafael. Deputación Provincial de Pontevedra. Segunda edición 1996.
• CASAS Y COSAS DO VALLE MIÑOR. Espinosa Rodríguez, J. Vigo 1951.