Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Nigrán acolle a presentación de A senda de sal de Fran Fernández Davila. Xoves día 14, ás 20 horas,

A editorial Galaxia, coa colaboración do IEM, presenta esta novela que ten a Panxón como un dos seus protagonistas

Este xoves día 14, ás 20 horas, no Salón de Plenos de Nigrán, a Editorial Galaxia, coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, presentan a novela A senda de sal de Fran Fernández Davila.

Na presentación, o autor estará acompañado de Juan González, alcalde de Nigrán, e a escritora Marta Dacosta, da Xunta de goberno do IEM.

O autor, Fran Fernández Davila

Vigués residente en Panxón, enxeñeiro de Minas, nos últimos anos comezou dar a coñecer a súa obra literaria. En poesía resultou finalista do Premio Victoriano Taibo nas dúas últimas edicións, coas obras Capetón e Saint-Pierre-et-Michelon. En 2017, comezou acadar os primeiros premios en narrativa, o de Relato Curto "A Cividade" de Mos, con "O premio", e o de MicroCatrorrelatos, con "As balas de Kock". Ese mesmo ano, obtén o Premio de novela por entrega de La Voz de Galicia con A senda de sal.

A senda de sal

Intriga, segredos, poesía, mar, historia e memoria son os ingredientes cos que o autor compón esta obra que nos vai enredando nas súas redes até atraparnos. A senda de sal é unha novela ambientada no sur de Galiza, que une presente e pasado e crea un fresco literario en que Panxón, o Val de Miñor, é protagonista.

Un vello mariñeiro de Panxón, no solpor da súa vida, sente a necesidade de relatar unha serie de acontecementos da súa mocidade que se remontan á Segunda Guerra Mundial, cando Vigo e o Val Miñor xogaron un papel clandestino pero decisivo, e que tiveron un impacto histórico considerable. A senda de sal arrinca co encontro entre ese mariñeiro e unha muller en crise, a quen escolle para rescatar da

Está en:  Inicio Seccións
Skip to content
IEM - Instituto de Estudos Miñoranos
I Certame escolar de creación dramática -IEM PDF Imprimir Correo-e
Escrito por IEM -Sec   
Mércores, 06 Setembro 2017 20:54

1.1 dramatica1.2 dramatica

Desde a Sección de Teatro do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) vimos realizando nestes anos unha mostra de teatro afeccionado do Val de Miñor. Agora, co curso académico que comeza neste mes de setembro, queremos pór en marcha outro devezo: a creación dun certame de escrita dramática para o estudantado, desde 5º de Primaria, até rematar a educación secundaria, cunha idade máxima de 20 anos.

Por que crear un certame de escrita dramática dirixido á mocidade?
O teatro debería ser unha materia formativa máis. A través del non só aprendemos a interpretar, representar, crear espazos, desenvolver emocións, senón que tamén aprendemos a relacionarnos co público. Vocalizar, proxectar a voz, colocarse ante un auditorio, controlar a linguaxe corporal, empatizar ou perder o medo escénico, son ferramentas da vida diaria que calquera persoa debería coñecer e que o teatro nos dá.
O teatro é tamén unha forma de achegarse á literatura, á música ou á plástica, mesmo outra forma de se achegar á tecnoloxía e á informática. É unha disciplina e é unha técnica. É un medio de ampliar os nosos coñecementos.
A literatura dramática é a irmá desfavorecida dos xéneros literarios, por iso consideramos que crear un certame de textos dramáticos é un incentivo para achegarnos á expresión escrita e á creación literaria, ao tempo que nos dotamos do pretexto perfecto para a representación: contarmos cun texto de noso, acaído á idade do alumnado que o pode representar.

Neste primeiro proxecto temos previsto que a representación das obras premiadas sexa unha tarefa encomendada aos grupos de teatro afeccionado que forman parte da Sección de Teatro do IEM, deixando para os participantes o importantísimo reto de proporcionar as obras necesarias, reto que o seu profesorado pode aproveitar para fomentar e desenvolver as capacidades e destrezas do alumnado (creatividade, expresión e representación escrita, expresión plástica, etc.)

Estamos ilusionados e ilusionadas con esta proposta e agardamos que a acollades coa mesma emoción e a convición de que é unha ferramenta pedagóxica tradicional e modernísima que redundará exitosamente na formación do alumnado.
Animádevos a participar!!!
 
XEIRA IEM-Baiona- "Fortaleza Monte Real" Xoves, 7 de setembro, ás 18:30 h. PDF Imprimir Correo-e
O IEM - destacados
Escrito por IEM -Sec   
Venres, 01 Setembro 2017 21:35
captura de pantalla 2017-09-01 a las 23.59.46
O vindeiro xoves 7 de setembro, gozaremos dunha nova xeira polo concello de Baiona "Fortaleza Monte Real", dentro do programa das xeiras de verán 2017 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada polo especialista Anxo Rodríguez Lemos.

O punto de encontro desta xeira será na Oficina de Turismo ás 18:30 h.

Enlace ao punto de encontro:

https://drive.google.com/open?id=12vVRFVULOHlgLaEoQh-G3xASXZs&usp=sharing

 

AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2017

FORTALEZA MONTE REAL

Guía

ANXO RODRÍGUEZ LEMOS

Case tres quilómetros con triple cinturón de murallas pechan aproximadamente as 18 hectáreas centrais da península de Monte Boi en Baiona, centro da nosa vindeira xeira. Ao pé dos seus breves extramuros con pronunciadas costas ábrense as praias daCuncheira, Os Frades, A Barbeira e A Ribeira; este último areal, aberto ao Norte e protexido pola Doca, acolle o porto de Baiona, vila inmediata unida a Monteboi polo istmo da Palma.
A historia da fortaleza foi parella ó esplendor de Baiona desde que na Alta Idade Media se converte en vila urbana e principal porto das terras de Turonio. Entre os moitos fitos históricos destacables que presenciou, alén da chegada da carabela Pinta en 1493, houbo episodios claves da guerra civil do século XIV, con Suero Yañez de Parada como figura miñorana sobranceira, ou 1452, cando Juan II de Castela e León ratifica a importancia deste porto ó autorizalo para comerciar co estranxeiro xunto coa Coruña. Os dous únicos de toda Galicia con rango semellante.
En 1497, fai xa 520 anos, os Reis Católicos mudáronlle o nome de Monte do Boi polo de Monte Real ao fundar unha nova vila no interior da fortaleza baixo o amparo real. A Baiona extramuros floreceu á par da intramuros no século XVI coa reactivación da pesca e o comercio, este último, beneficiado polo favor real de comerciar coas Indias dende 1529 a 1573. Baiona crecería un 132% entre 1528 e 1591, pasando de 393 a 915 veciños e superándose os 100 hab/km2 no Val de Miñor. Entre os séculos XVI e XVIII as murallas son reforzadas e aumentadas ata a súa total ruínacando os canóns da antiga praza militar enmudecen un 24 de outubro de 1843. Coñeceremos a historia das súas portas históricas, das torres defensivas, baluartes, paisaxe da súa contorna e incluso a vida dos seus propietarios dende que, en 1874, sae tras moitos inconvintes o espazo amurallado a subasta pública. A visita será guiada polo historiador baionés Anxo Rodríguez Lemos quen, recentemente, ven de presentar na Universidade de Santiago de Compostela o seu traballo de fin de máster titulado A paisaxe cultural da fortaleza de Monte Boi: proposta didáctica aplicada no IES Primeiro de Marzo de Baiona.

 

Remataremos a xeira observando o solpor dende A Torre do Príncipe e Batería de Santiago.

 
XEIRA IEM-Baiona- "Vila Vella de Baiona." Mércores, 30 de agosto, ás 18:30 h. PDF Imprimir Correo-e
O IEM - destacados
Escrito por IEM -Sec   
Martes, 22 Agosto 2017 18:21

img_9291 5

O vindeiro mércores 30 de agosto, gozaremos dunha nova xeira polo concello de Baiona "Vila Vella de Baiona", dentro do programa das xeiras de verán 2017 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada polo especialista Antonio Soliño Troncoso.

Por problemas alleos ao IEM, informamos que o punto de encontro e inicio desta xeira múdase para o adro da ex-Colexiata de Santa María, actual parroquial de Baiona, ás 18:30 h.

Enlace ao punto de encontro:

https://drive.google.com/open?id=1wkLurqY12SgF07DDst7zM3GEkl4&usp=sharing

 

AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2017

VILA VELLA DE BAIONA

Guía

ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

A XEIRA. APROXIMACIÓN.

Erizana no século XII era un couto que pertencía ao mosteiro cisterciense de Oia tras doazón de Afonso VII. Vólveo rescatar para a causa real Afonso IX en abril de 1201. Un mes máis tarde o mesmo rei estando en Faro, actual cidade da Coruña a teor das investigacións de Gonzalo Navaza, concédelle carta foral por medio da cal a institúe vila de reguengo co novo nome de Baiona. Se damos crédito de pervivencia espacial á morfoloxía urbana, e acolléndose ao descoñecemento de estudos arqueolóxicos que deneguen a tese, entendemos que a vila naquel tempo probablemente tivo asentamento lineal entre a actual ex-colexiata e o areal do activo porto, unha localización de dificultosa defensa se se compara coa península de Monte Boi. Este promontorio, con seguridade provisto de moi cativa cerca, recibe carta de privilexio dos Reis Católicos no ano 1497. Esta carta cámbialle o antigo nome polo de Monte Real e ten por obxectivo crear unha nova vila, tamén de reguengo, igual de economicamente competitiva e cun porto de referencia, pero moito máis forte e segura dende a óptica militar que remate por substituír a Baiona, á vila mariñeira. E efectivamente, Monte Real alcanzará durante o século XVI os obxectivos para os que foi creada, non obstante nunca deixará de existir a vila medieval que co tempo, para diferencialas, pasará a ser referida como Vila Vella, sen deixar nunca de ser Baiona. En realidade a poboación efectiva pasaría a ser o sumatorio de ambos os dous asentamentos. A puxanza de Baiona e do seu porto vaise manter ata mediados do século XVII.

Esta xeira quere percorrer o espazo urbano conservado da vella vila mariñeira, rúas e prazas do ámbito non murado, e deterse nas pezas arquitectónicas de maior interese que conforman o casarío. Comentaremos as pequenas prazas asentadas ao longo do principal eixe que atravesando a Vila Vella entraba a Monte Real, os espazos abertos arredor da parroquial e repararemos nas rúas fundacionais da trama urbana. Visitaremos obras protogóticas como a ex-Colegiata, góticas como o Cruceiro Cuberto, renacentistas como a Capela do Rosario, barrocas tales que a capela de Santa Liberata, o Convento da Anunciación, o antigo Hospital Sancti Spiritus, a Casa Correa e a Casa Mendoza. Tamén veremos as achegas ao patrimonio construído da vila por parte da burguesía do XIX tras a aparición do Estado Liberal. Todo durante as tres horas que, sumando comentarios e paradas, nos levará percorrer os escasos dous quilómetros de empedrado treito urbano entre apertado casarío, cheiro a salitre e notables perspectivas mariñas.

 
"Nomes ardidos"- Xosé Lois Vilar Pedreira PDF Imprimir Correo-e
Escrito por IEM -Sec   
Luns, 28 Agosto 2017 19:55

NOMES ARDIDOS

 

A Castor Alonso Cambra

 

Hai unha ducia de anos xa miramos arder o monte de Peitieiros. E coma un reducio volveu no 2013. Este luns todo comezou na metida do sol, a iso das 10, en catro puntos distintos, a 450 metros de altura, no seo dos eucaliptos fillos dos lumes anteriores. E cos eucaliptos todo ardeu: toxo e xestas, fento seco, silvas e tamén carrasco branco.

É o monte do traballo que Rita e Jesús, membros do Instituto de Estudos Miñoráns, están sacando adiante para recoller os nomes da nosa terra, labor cada día máis difícil pola desvinculación dos veciños do monte desde hai décadas. E repoboación a eito, e emigración alén mar e transpirenaica, e unha masa de eucaliptos que non deixa ollar os cotos nunha orografía dura, pina, dificultan levar avante a investigación do IEM. Estamos falando dunha aldea emprazada nos 100 metros sobre o océano Atlántico postwürmense e un monte que roza os 600 metros no pericoto máis alto a pouco máis dun quilómetro das casas.

O problema toponímico solucionóunolo o home da beira do título. Castor Alonso fará oitenta e cinco anos no próximo outubro. Do barrio da Area. Camiñou descalzo estes montes. Gran contador. Tanto toca Suiza –foron vinte anos acolá–, como a compra e venda de burras ou as cabras e ovellas a pastar mentres xogaban ó fenete ou fuxían cara Doude do home do unto que pinchou por riba da Regueira das Chedas.

Castor, o noso informante toponímico, guiounos moitas xornadas ordenadamente polo monte de Peitieiros até achegarnos perigosamente ós dous centos de nomes, que hoxe e aquí non imos citar, pero si indicarvos as estremas do lume, os nomes queimados con premeditación e nocturnidade.

Ardeu a cara oeste do monte peitieirán. O alto que os aborixes da parroquia chaman As Gaias, os de Morgadáns, A Furna, os de Malvas, A Paraguda e para os mariñeiros de Baiona son as marcas da Alta.

As Gaias arderon, si. O Coto da Xesteira foi lambido polo lume e ladeira abaixo O Outeiro de Catro Portas e parou ós pés dos Cotos do Ulleiro de Couso. Arriba tamén as chamas “limparon” O Outeiro da Meda e O Outeiro da Bandeira e en liña deixáronas chegar pola Regueira Grande. Libraron O Boquete e O Campo do Cego onde A Parada das Burras. Aquí é un mundo de confluencias: Morgadáns chámalle Onde Nacen os Ríos que é A Regueira do Estripeiral para os de Malvas onde chega Peitieiros. É xa A Volta do Trebilladouro. O Tribilladouro do Catastro de Ensenada de 1753.

Vindo cara á ladeira norte/noroeste vemos ardidos Os Outeiros Negros e os seus cotos, A Chan das Trepiñas e o coto. Ladeira abaixo as labaradas morreron ó bordo da Chan da Valadegua (ou Vadalegua) deixando viva a foresta eucaliptal da Regueira de Miranda, O Curtiño ou a Casa do Becho. O que non ficou sen arder foron A Chan da Paraguda, regueira e fontela, incluso a ladeira até Os Porriños de Riba e Os Outeiros Negros, impoñentes formas en fervenza cara o alto. Pola beira dereita da regueira parou o lume xusto no Outeiro Rachado.

Ó pararen as chamas no Porriños libráronse A Ladeira dos Cabirtos e A Regueira do Estripeiro, pero sobor da pista continuaron até rematar na Entrada de Campo Covo, antes de chegaren á Cabeza de Seide, queimando A Chan das Pías e o senlleiro e conspicuo Coto das Pías, cunha ancha e fonda pía natural nun coto e varias coviñas noutro. Desde aquí, claro, o mundo enteiro. O Val de Miñor e o seu fillo O Val do Miño.

Unha brisiña movendo o follato, algún verde, a maioría queimado, atrás O Coto de Campo Covo ollándonos pé da chan regueira e ulleira homónima onde parou o lume.

Castor Alonso Cambra, gran contador, cando quere fala poesía. Decídenolo vós:

-”Nesa Ladeira de San Martiño tiña eu unhas eguas negras mui clineiras e cunhas sedas no rabo que parecía unha vasoura”.

Vai por el.

 

Xosé Lois Vilar Pedreira

 
Encontros con contos- Contos saharauís en galego. Xoves, 24 de agosto ás 18:00h. PDF Imprimir Correo-e
O IEM - destacados
Escrito por IEM -Sec   
Domingo, 20 Agosto 2017 23:31
captura de pantalla 2017-08-20 a las 22.48.34
O vindeiro xoves 24 de agosto os nenos e nenas saharauís e as súas familias acolledoras participarán na actividade “Encontros con contos” organizada polo IEM e no que se presentarán os contos de tradición oral saharauís dos compartidos e recollidos para posteriormente traducilos á nosa lingua galega ( “O peixiño Macarún” e “ A bolboreta e a formiga” “ O ourizo e o lobo”” A velliña e o home enfermo” “ O pantalón de Alí” ) .
Todos estes contos serán publicados na páxina web da Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos.
Dende o IEM queremos agradecer ás familias miñoranas este intercambio cultural e recibimos o seu exemplo solidario como un agasallo máis nestes tempos de crise, desexando que o próximo verán poidamos agrandar a colaboración destes nenos e nenas, que son a mellor semente dun futuro en paz.
O acto de presentación será na sede do IEM ás 18:00h.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 6 de 248