Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PROSPECCIÓN ARQUEOLÓXICA, DOCUMENTACIÓN E RESTAURACIÓN DOS PETRÓGLIFOS DE GARGAMALA (Mondariz, Pontevedra)

Este proxecto de prospección arqueolóxica, documentación e restauración dos petróglifos de Gargamala (Mondariz), promovido polo Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, será executado polo equipo técnico multidisciplinar do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) dirixido e coordinado polo historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira e do que forman parte: María Dolores Álvarez Rey, Eloy Martínez Soto, Bruno Centelles García, Xilberte Manso de la Torre, José Antonio Viña Arias, Eduardo Méndez-Quintas, Andrea Serodio Domínguez, Manuel Ledo Bernárdez e Jesús Rodríguez Diéguez coa colaboración especial, nas tarefas de prospección, de Cándido Verde e José Álvarez Alonso (O Buraco).

Nos días 5 e 6 de outubro de 2018 un incendio arrasou 150 Ha das parroquias de Sabaxáns e Gargamala (Mondariz) que afectou a área nuclear dos petróglifos de Gargamala con distinto grao de incidencia (termoclastos, ennegrecemento da superficie, arrastes de depósitos sobre as superficies) e deixando unha paisaxe depauperada e a pracer dunha forte erosión da tona terrea.

O conxunto de petróglifos obxecto desta actuación sitúase entre os 400 e os 470 m.s.n.m.. A gran maioría deles ocupando a parte alta dos outeiros (GA 36030023-18-11), as valgadas entre eles no caso do Campado (GA 36030055-14-15-54), chans como Campo Redondo (GA 36030038) cun amplísimo dominio visual ,que chega á Serra do Galiñeiro, parello ó emprazamento dos petróglifos da Coutada (Taboexa, As Neves) ou As Portaxes no Monte Tetón (Tebra, Tomiño) tamén obxecto de prospección, estudo, posta en valor e musealización por parte do Instituto de Estudos Miñoráns.

Na zona de actuación destaca a presenza dun ulleiro aproveitado polos veciños para a traída de augas doméstica e na outra vertente hai varios muíños hidráulicos.
Estamos ó redor das coordenadas 545.686/4.679.970 
(datum: ETRS 1989, fuso 29).

Esta concentración de petróglifos atópase na parroquia de Gargamala, no concello de Mondariz, composta polas aldeas de Vedrelos e O Soutiño na zona meridional e A Rúa, Mourelle, Boente e O Barro. A parroquia está rodeada por Frades, Riofrío, Sabaxáns e Toutón como freguesías do mesmo concello e polo norte polas de Traspielas e Ventín do concello de Fornelos de Montes. Estamos no sur do Suído nun mundo de serra onde as aldeas escasean e foi zona tradicional de pastoreo que deixou pegadas etnográficas nos chozos, neveiras, cerres para o gado e nos foxos de lobo.
Estamos no val medio-alto do río Tea cara o que drenan os núcleos habitados de Gargamala. A zona noroeste do Castro Chouso, O Foxo do Lobo, A Chan de Cairón... botan as augas no río Barragán que desauga no río Oitavén ó pé do castro da Cidade (Calvos, Fornelos) na mesma presa das Eiras.


Está en:  Inicio Toponimia
Skip to content
Entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns. PDF Imprimir Correo-e

Premio Victoriano Taibo - Artigos
Escrito por IEM   
Martes, 13 Novembro 2012 20:01
Cartel-taibo_2012-ENTREGA

Música, teatro e poesía tecerán unha gala cultural que lle dará marco á entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns á gañadora desta edición Conchita Álvarez Lebredo, consistente en 3000 € en efectivo, unha escultura creada para este certame polo artista Fino Lorenzo e a publicación do libro, Distancias e Simetrías, que se presentará neste acto. A cerimonia terá lugar o vindeiro sábado 17 de novembro a partir das 19:30 horas, nas instalacións da Escola de Guillufe. A guionista Araceli Gonda será a encargada de dirixir a velada.

Como é tradición, a banda de gaitas Balcón do Miñor abrirá o evento ao son da música tradicional. Posteriormente o público poderá gozar coa estrea de Os Polos de Rianxo, unha dramatización do conto de Victoriano Taibo, a cargo de Bertorella, un novo grupo de afeccionados ás táboas que farán o seu debut nesta cerimonia. A continuación a poetisa Marta Dacosta fará un breve panexírico do persoeiro que dá nome ao premio e lerá a acta do xurado como preámbulo da entrega dos premios do certame a Álvarez Lebredo. Momento no que Urbano Esmerode, presidente da ELM, dirixirá unha palabras á gañadora e asistentes.

Soño de Calíope, o afamado proxecto musical creado polo mestre e artista natural de Morgadáns, José P. Pérez, que promove novos valores da canción galega, pechará a gala cultural. Finalmente Carlos Méixome director do Instituto de Estudos Miñoranos e o alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, porán broche oficial á V edición dos premios. Un albaroque animado polas gaitas do Balcón do Miñor permitirá aos asistentes, entre viños e petiscos dialogar con Conchita Álvarez Lebredo e os artistas convidados. Como é tradicional nas cerimonias de entrega do Premio de Poesía Victoriano Taibo, a entrada é de balde.

Preme aquí para descargar o programa