Tipoloxías de topónimos da cartografía de Candeán Imprimir

Toponimia - Artigos
Escrito por IEM   
Venres, 02 Xaneiro 2015 23:44
DSCF0488-A-Casa-dos-Mouros

Agrupamos os topónimos nas seguintes tipoloxías principais:

-              Topónimos asociados a poboacións e vías de comunicación. Inclúe os lugares ou casais (pequenos núcleos de poboación orixinais, que dominaban o espazo agrícola); elementos da cultura material, como igrexas e petos de ánimas; as casas antigas (asociadas a algún antepasado e alcume familiar), e as diversas categorías de vías de comunicación: camiños, carreiros, canexas, etc.

-              Topónimos agrícolas. Aqueles que nomean as hortas, plantíos de froiteiras ou “enxidos”, prados e “seguedos”, veigas, etc. Cada un destes topónimos abranguen polo xeral varias propiedades de veciños distintos, polo que adoitan presentar dúas formas: unha en singular e a mesma forma en plural. Para mellor conservar a forma orixinal decantámonos nestes casos por rexistrar a forma en singular.

-              Hidrónimos. Incluímos aquí os distintos nomes que van adquirindo as correntes de auga ao longo do seu percorrido, os nomes de fontes e mananciais, de brañas e turbeiras, e os nomes daqueles elementos da cultura popular material vencellados á auga: regos e presas, minas, muíños de río, pontellas, etc.

-              Topónimos do ámbito forestal. Comprenden os nomes das propiedades particulares en terreo forestal (“coutadas”), os dos montes comunais, penedos, etc. Tamén incluímos aqueles elementos do patrimonio arqueolóxico integrados no ambiente forestal, como son as mámoas e os castros.