Toponimia da parroquia de Saiáns (Vigo) Imprimir

Toponimia - Artigos
Escrito por IEM   
Mércores, 14 Xaneiro 2015 22:42

portada-saians

Entre os anos 2009 e 2010 cun importante esforzo económico da Comunidade de Montes Veciñais de Saiáns, levouse a cabo unha limpeza e musealización do espazo arqueolóxico, etnográfico e ecolóxico do Alto da Medoña no barrio de Estea. Proxecto que estivo coordinado pola sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoranos e que abrangueu a posta en valor neste alto e arredores dun castro cunhas potentes defensas, catro muíños de auga con levadas e presas, pozas de regar, mina de auga, fonte e muíños naviculares de soporte fixo. A intervención coordinada polos arqueólogos Xosé Lois Vilar e Eduardo Méndez Quintas permitiu que todo o conxunto quedara limpo de mato, con vexetación de frondosas e uns carteis explicativos dos distintos elementos de interese.

libro-saiansÁ par deste proxecto de musealización fíxose un traballo de recollida de toponimia en toda a parroquia con resultado de máis de 600 nomes de lugar dende Segavivos até o Alto da Bandeira. Pescuda que estivo a cargo do técnico de campo e arqueólogo Roberto Rodríguez Álvarez, no inverno 2009-2010 .

Cos resultados da pescuda confeccionouse unha base de datos adaptada ao modelo do Proxecto Toponimia de Galicia, na que se rexistra toda a toponimia galega viva con indicación da superficie que abrangue cada topónimo coas súas coordenadas xeográficas exactas e o tipo de realidade xeográfica que designa, ademais doutros datos puramente lingüísticos e outras informacións de interese para a correcta interpretación dos topónimos. Esta recolleita esixiu recoñecer cada lugar in situ e recoller a súa denominación de boca de 13 informantes locais autóctonos.

En base a estes datos, o profesor Gonzalo Navaza desenvolveu unha investigación sobre os topónimos e microtopónimos que publicouse como Nº1 da colección O nomes dos lugares, do Instituto de Estudos Miñoranos e que contou coa colaboración da Universidade de Vigo. A mesma viña acompañada cun CD cos carteis arqueolóxicos e o mapa cos topónimos xeolocalizados que pode descargarse ao premer na imaxe inferior.

 

cd-saians

 

O Instituto de Estudos Miñoranos e a Comunidade de Montes Veciñais de Saiáns.

Son dúas institucións que levamos dende 2008 colaborando a prol do patrimonio cultural e natural da parroquia de Saiáns. Nese senso, dende os inicios acompañouse este proxecto coa realización de eventos culturais e xeiras divulgativas neste espazo natural. Primeiro cos veciños e comuneiros e logo con centos de visitantes no programa anual de visitas guiadas que desenvolve o IEM.

 

xeiras

A toponimia dun lugar, dunha parroquia, é o seu ADN histórico, é o libro no que se foron escribindo os pobos que por alí pasaron”, lembraba o reitor Salustiano Mato no prólogo que abría a colección O nomes dos lugares. Unha “memoria compartida pola colectividade”, en palabras de Gonzalo Navaza, “verdadeiros monumentos do pasado que poden achegar interesante información para a historia local”.