Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Resolución do II Certame Escolar de Creación Dramática.
Reunidos os membros do xurado integrado por Miguel Anxo Mouriño Fernández, escritor e membro do IEM, Fátima Granxa Paz, en representación dos grupos da sección de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns e Luís Carballo Moure, membro do IEM, que actuou como secretario, acordaron por unanimidade a concesión do premio do II Certame Escolar de Creación Dramática, que convoca o IEM en colaboración co concello de Gondomar ao CEIP Souto Donas (Gondomar) pola obra Día de pesadelo.

A obra foi escrita polas alumnas Carolina Figueroa Granxa, Erea Estévez Vilar e Zayra Costasde 6° curso de E.P.

O xurado, tamén acordou conceder accésit as seguintes obras:

Vaia tres na arribada! CEIP De Mallón

A casa embruxada. CEP Sabarís

Unha historia de piratas. C.E.I.P. Serra- Vincios

O premio consta de tres partes: un lote de libros, a publicación da obra na web do IEM e a súa representación polo grupo de teatro "A Moura" de Chaín, no colexio de Souto-Donas.

Ademais, o xurado decide entregar a cada participante un diploma acreditativo de participación no certame escolar de creación dramática.

Gondomar a 30 de marzo de 2019.

Está en:  Inicio Toponimia Toponimia de Panxón Caderno de Campo Caderno de Campo. Toponimia de Panxón (Nigrán), Nº7.
Skip to content
Caderno de Campo. Toponimia de Panxón (Nigrán), Nº7. PDF Imprimir Correo-e
Toponimia - Caderno de Campo
Mércores, 15 Abril 2015 21:01
panxon-antigo2

Continuamos a nosa visita desde onde a deixaramos, na Meda, subimos polo camiño até a Batería. Esta edificación militar foi construída a finais dos anos 30, concretamente no 1936, e estivo operativa ate os anos 60, denominábase Batería de Artillería J3 Monteferro. No 1938 houbo un campo de traballo de presos que se encargou de facer a estrada que sobe até o Monumento á Mariña, o campo de tiro e as instalacións da Batería.

Nesta situación, pódense ver os dous canóns que se usaban para disuadir aos inimigos de posibles ataques, houbo tres, un deles veu desde a Torre de Hércules, pero parece ser que nalgún momento, un foi “doado” polo Ministerio de Defensa ao concello de Cotobade para que os aldeáns rememoraran a historia do “Canón de Pau” co que venceron ás tropas francesas na Guerra da Independencia do século XIX.

Ademais aínda se poden ver as ruínas dos edificios auxiliares para as tropas e mandos, almacéns,  o búnker de telemetría, varias garitas e un polvorín. Un pouco mais abaixo, os soldados cultivaban unhas veigas nas que plantaban todo tipo de legumes e patacas. Cóntame Moisés do Reiro, que era el o que subía ate a Batería co seu carro de bois para labrar esas veigas.

Seguimos camiño en dirección ás Penisas Grandes, podemos ver o que deixamos atrás, A Herbeira, A Meda, e o que temos diante de nós, As Estelas. Nas Penisas, hai un mirador, que segundo Sito me conta lle chamaban A Silla da Reina, porque cando ían cos animais a pastar, sentaban nunha pedra que ten forma de cadeira e desde ese lugar podía ver toda a ría. Neste lugar, o pai de Sito ía cun carro de bois para  levar a pedra, que os canteiros sacaban das mesmas rochas graníticas, que se ía utilizar para facer o Monumento á Mariña, aínda se poden ver as rodeiras dos carros marcadas no chan.

Outro dos segredos que podemos contemplar se continuamos ate as Penisas Pequenas son o petróglifo e os muíños naviculares que se atopan nunha rocha granítica. Trátase dun grupo de coviñas, uns podomorfos e os muíños naviculares. Se vos achegades ate alí hai un panel explicativo onde reflicte as características mais salientables deste grupo.

Sito cóntame que hai unha mina en Monteferro, preto das Penisas Pequenas, que na época da guerra se escavou para atopar ferro, trátase dun burato de 12 metros de profundidade, e un túnel que chegaba ate á Area Fofa. Este foi un intento infrutuoso, xa que o ferro non apareceu por ningures. Esta mina foi tapiada polo perigo que supoñía para a xente que ía polas rutas de sendeirismo,ou para calquera que pasase polo lugar, de feito parece ser que un home caeu dentro, e a pesar de que non lle pasou nada grave, o susto foi grande.

Seguimos o camiño e atopámonos coa Mexiloeira de Terra e coa de Fóra, co Rego da Porta, Os Rapatimóns da Porta, A Praia da Porta, As Lavasas e os Patíns da Porta, Valo Grande, Portocelo (cunha fonte de auga que é unha auténtica delicia), A Ribeira de Porcas (este nome vén dado porque según parece, a esta ribeira viñan dar os bandullos dos porcos que se tiraban ó río nas festas de San Cosme e San Damián, deste xeito ás xentes de Panxón chámanlles bandulleiros, polo menos os baioneses así o fan, e pola outra banda, os panxonenses aos baioneses chámanlles micos, por tiraren os restos das ovellas ao mar), A Praia do Andarín, Feitales, Seixos Negros… ate chegar á Area Fofa, e aquí remata o noso percorrido.

Quedounos por ver o Monumento á Mariña Universal, pero esa visita deixámola para outro momento.

Foi un auténtico pracer disfrutar desta visita con Sito, moitas foron as historias que me contou, pero esas, quedan para outro día.

Até mañá.