Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Presentación da revista REM Nº18 (2019)

 

O venres 7 de xuño, ás 20:30H na Biblioteca Pública Municipal de Baiona, presentarase a revista REM nº 18 (2019) do Instituto de Estudos Miñoráns.

O acto contará con colaboración musical e as intervencións de Xulián Maure Rivas, Natalia Jorge Pereira, Xilberte Manso de la Torre, Soledad García Riveiro e Antonio Soliño Troncoso que farán unha breve presentación das súas colaboracións.

Conduce o acto María Lemos Cerqueira.

Está en:  Inicio Val Miñor Documenta Artigos
Skip to content
Artigos
Erosións de Rafa Vilar obtén o Premio de poesía VictorianoTaibo na súa Xª edición PDF Imprimir Correo-e
Premio Victoriano Taibo - Artigos
Escrito por IEM -Sec   
Luns, 18 Setembro 2017 22:48
2013112821420620036
O xurado do certame poético VictorianoTaibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, resolveu que o gañador desta Xª edición era o libro Erosións que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do poeta Rafa Vilar.
O xurado valorou nesta obra a súa unidade dentro do dobre plano de lectura que se percibe no propio título do libro. Un libro que combina a paixón e a intimidade cunha exquisita sinxeleza e intensidade lírica, froito dun coidadoso traballo de construción poética en que desaparecen as concrecións de xénero para converter os poemas na expresión total do amor. Mais o amor non pode desprenderse da realidade e, mentres o eu poético constata a erosión do paso do tempo e as feridas da vida, convida a persoa amada a crear un horizonte “a salvo de naufraxios”, a través de cen poemas breves que empregan as palabras imprescindíbeis para construír imaxes intensamente poéticas.
O xurado do certame estivo composto por Iria Misa, Gonzalo Navaza, Xulián Maure, Marta Dacosta e Xosé Iglesias, gañador da pasada edición.
Rafa Vilar é un destacado poeta da denominada promoción dos 90. A súa primeira obra: Liques da memoria, recibiu no ano 92 o premio Fermín Bouza Brey para autores novos. Recibiu tamén, entre outros, o Premio Curuxa de Humor Literario, o Premio Cómaros Verdes do concello de Vilagarcía de Arousa, o Premio de poesía Concello de Carral, o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Premio de poesía Cidade de Ourense ou o Premio Arume de poesía para nenos/as por Patente de corso que, xunto con Memoria de Ahab, Migracións, e Animalario estrafalario, son os seus últimos títulos publicados.
É licenciado en Filoloxía galego-portuguesa, escritor comprometido e moi activo socialmente, foi voceiro da plataforma Nunca Máis e parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, membro do Batallón Literario da Costa da Morte e un dos fundadores e impulsores da editora Letras de Cal.
A entrega do premio será o día 18 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.
Gondomar, 18 de setembro de 2017

 
Catro finalistas optan ao Premio de poesía Victoriano Taibo na súa Xª edición PDF Imprimir Correo-e
Premio Victoriano Taibo - Artigos
Escrito por IEM -Sec   
Martes, 12 Setembro 2017 19:52
O xurado da X edición do certame poético VictorianoTaibo que convoca o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, reunido o 11 de setembro, de entre as 49 obras presentadas, elixiu como obras finalistas, as que ostentaban os seguintes títulos por orde alfabética:

Ø As cinzas de Pasolini

Ø Erosións

Ø Laxa negra

Ø Saint Pièrre et Michelon

O veredicto definitivo darase a coñecer nos próximos días, momento en que se fará público o gañador ou gañadora desta décima edición.

A entrega do premio será o día 18 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.

 
Corenta e nove orixinais concorren á décima edición do Premio de poesía Victoriano Taibo. PDF Imprimir Correo-e
Premio Victoriano Taibo - Artigos
Escrito por IEM -Sec   
Venres, 11 Agosto 2017 00:53

O día 31 de xullo rematou o prazo de presentación ao certame poético VictorianoTaibo que convoca o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns. A esta que xa é a décima edición concorren 49 orixinais.

A decisión do xurado será dada a coñecer na segunda quincena do mes de setembro e a entrega do premio terá lugar o día 18 de novembro no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.

Nas nove edicións anteriores resultaron galardoados as e os poetas: Carlos Negro con Cultivos Transxénicos, Mª CarmenCaramés con Cuarto Minguante, Elvira Riveiro e Silvia Penas con Biografía da Multitude, Mª Goretti Fariña con Devastacións dispoñibles, Calros Solla con Holocausto Zacoe, Conchita Álvarez Lebredo con Distancias e Simetrías, Ramón Sandoval con Territorios Estraños, Lara Rozados con O caderno amarelo, Iñaki Varela con Do outro lado das portas e Xosé Iglesias con A relixión do mar.

VictorianoTaibo, poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural e foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lendas (1956); deixou inéditos dous volumes de poesía, Abicedo e Cabrinfollas, que foron publicados en 2008 pola editorial Follas Novas, edición dirixida por Armando Requeixo; ademais conta con abundante obra espallada en diversas publicacións tanto galegas como da emigración americana. No ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do mundo da cultura.

 

Gondomar, 10 de agosto de 2017

 
CONVOCATORIA X PREMIO DE POESÍA VICTORIANO TAIBO PDF Imprimir Correo-e
Premio Victoriano Taibo - Artigos
Escrito por IEM -Sec   
Domingo, 26 Marzo 2017 12:27

captura de pantalla 2017-03-26 a las 12.23.38

 

CONVOCATORIA

X PREMIO DE POESÍA VICTORIANO TAIBO

Por décimo ano consecutivo, o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, comprácese en convocar unha nova edición do premio de poesía que pretende honrar a figura de Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, mestre galeguista, creador de ducias de artigos sobre a lingua e sobre feitos e personaxes galegos, narrador, membro da Real Academia Galega e do Instituto Histórico do Minho, persoeiro, en fin, de méritos acreditados e fondamente comprometido coa lingua e a cultura galegas.

O premio instituíuse no ano 2008 co mecenado inicial da Entidade Local Menor de Morgadáns que, en 20015, a través do novo equipo de goberno resultante das últimas eleccións, eliminou unilateralmente o compromiso adquirido, e a continuidade do premio quedou garantida polo concello de Gondomar, que asumiu o mecenado a partir dese momento. Dende aquela data inicial o acervo literario galego incrementouse con 10 novos poemarios de 11 autores diversos que acadaron sempre críticas favorables.

 

Ler máis...
 
Presentación do Blog UN DÍA PARA TAIBO PDF Imprimir Correo-e
Premio Victoriano Taibo - Artigos
Escrito por IEM -Sec   
Venres, 23 Decembro 2016 14:18

O Instituto de Estudos Miñoráns está a desenvolver unha campaña para conseguir un Día das Letras Galegas para Victoriano Taibo, e nela insírese o inicio do blog que hoxe presentamos titulado, con esta intención, UN DÍA PARA TAIBO, no que iremos publicando todo tipo de documentos relacionados coas actividades que arredor da súa figura se realizasen nalgún momento pasado ou vaian realizarse no futuro. O acceso é a través do enlace existente na barra superior da páxina de Inicio:

v.t

captura de pantalla 2016-12-23 a las 13.25.56

Queremos animarvos a seguir os seus pasos e a participar, se vos apetece, achegando novas e opinións de interese para o fin que perseguimos. E queremos, tamén, someter á vosa consideración un resumo dos merecementos que adornan o noso persoeiro e que expomos a continuación:

Nacido en 1885 no seo dunha familia humilde do santiagués barrio da Algalia, Victoriano Taibo estivo dende moi novo nos principais movementos culturais e galeguistas do primeiro terzo do pasado século; este mozo comprometido participou xa activamente, seguindo o seu admirado mestre Vicente Fraiz, director da escola normal, na consecución de recursos para erguerlle un monumento a Rosalía de Castro, xestións que acadaron un importante éxito. Máis tarde tivo unha substantiva actuación na creación e posta en marcha das Irmandades da Fala ás que tanto lles debemos os galeguistas de hoxe; en efecto, participou na creación da primeira delas, na Coruña, aquel 18 de maio de 1916, ten un papel substancial na fundación, o mesmo ano, da de Santiago, da que foi secretario baixo a presidencia do seu admirado e querido Lois Porteiro, cuxa morte cantou en sentidas e acendidas estrofas, fundou pouco despois a de Ortigueira, que presidiu, asinou o manifesto nacionalista de Lugo, creou escritos divulgativos, participou na formulación dun ensino galego, escribiu poemas de loita en defensa e promoción do movemento galeguista formando con Cabanillas, Noriega Varela e López Abente a tétrade de poetas das Irmandades, ... Unha participación, pois, activa e combativa na que mesmo lle escribía a Manuel Antonio sobre unha pretendida sociedade secreta para defensa dos intereses galeguistas:

 

Esta vai a sere a primeira actuación de R. Convén que se saiba axiña que R. existe, mais nós achantados, nin unha verba. Que nos coñezan polas obras.

Despois dunha etapa de certo esmorecemento debido, entre outras cousas, ás divisións internas e á instauración da ditadura de Primo de Rivera, as ilusións renaceron co Partido Galeguista, etapa na que seguiu colaborando, mesmo con participación en mitins, ata que a rebelión militar eliminou definitivamente todas aquelas inquedanzas e el sentiu as gadoupas do estado ditatorial en forma de expediente disciplinario e desterro coa grave acusación de ser “galleguista”. Aínda así, seguiu practicando, valentemente, o seu galeguismo, esta vez estritamente cultural, durante o resto da súa vida, porque o galego que non fala / na lingua da súa terra / nin sabe o que ten de seu / nin é merecente dela.

O seu monolingüísmo habitual en galego non era, nin moito menos, norma entre os galeguistas da altura (aínda hoxe dista moito de selo); téñase en conta que o idioma de relación oral e escrita entre os membros da Real Academia Galega era o castelán, os discursos de entrada e a resposta eran en castelán, a documentación toda estaba impresa en castelán, as cartas que o presidente ou o secretario lles remitía aos académicos eran, case sempre, en castelán. Taibo, que tiña moi claro o transcendente papel do intelectual galeguista, rompeu esta tendencia cun importante discurso de entrada (Rosalía de Castro, precursora da fala) en galego. E a súa lingua de relación oral e escrita foi maioritariamente a galega.

Por outra banda, a súa obra, publicada ou non en vida do autor, en forma de libro está escrita integramente en galego: Abrente, versos galegos (1922), Da vella roseira, cántigas orixinás (1925), Da agra aberta, contos e lêndas (1956) e por último, rescatados recentemente, Abicedo e Cabrinfollas (2008), da man de Armando Requeixo en Editorial Follas Novas,Lembranza da tecedeira (2013) e Contos pequenos (2016), ambos os dous editados polo IEM. Taibo publicou tamén en corenta cabeceiras máis de cen poemas diferentes, algúns recollidos nos libros citados, en galego. Colaborou tamén con máis de cen escritos en prosa dos que non poucos están en castelán, pagando así o prezo que a época e as circunstancias impuñan a quen quixesen colaborar en xornais e revistas. Non obstante, unha ollada a estas publicacións infórmanos inmediatamente de dúas cousas: primeira, que os escritos na nosa lingua son tamén abundantes, e segundo, que os temas tratados están na súa inmensa maioría relacionados coa lingua, a cultura ou os persoeiros galegos. Non quero esquecerme da repercusión da súa personalidade no mundo literario de boa parte do século pasado, con obra recollida en, polo menos, oito antoloxías e cunha bibliografía xerada sobre el, as súas obras e o seu pensamento por medio cento de autores en máis de cen escritos en diferentes medios ou formando parte de libros. E, recentemente, foi quen de mobilizar unha morea de sensibilidades de diferentes espazos, ideoloxías e profesións e xunguilas na tarefa de rescatar o seu nome do esquecemento, facerlle unha emotiva homenaxe na Escola de Guillufe, en Morgadáns, onde impartira docencia durante tantos anos, editar ou reeditar varias das súas obras ademais dun monográfico con artigos de prestixiosas persoas do mundo da cultura sobre a súa vida e obra, instituír un importante premio de poesía que leva o seu nome e, xa na súa novena edición, é referencia obrigada para os poetas actuais...

Así as cousas, consideramos de xustiza reivindicar a necesidade de distinguir a este personaxe de tan altos merecementos coa dedicación dun Día das Letras Galegas, distinción que, estamos convencidos, se producirá máis cedo que tarde.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 2 de 14