Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo. inicio tamén da I Semana poética Victoriano Taibo.

O Auditorio Lois Tobío acolle o acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde este sábado, dá inicio tamén a I Semana poética Victoriano Taibo que enmarca a entrega do premio

 

Organizado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns.

E para achegarnos á data no ambiente poético propicio, o IEM inicia, este sábado día 10, a I Semana poética Victoriano Taibo, que encherá de versos a vila de Gondomar, unha festa poética que terá un fermoso ramo o día 17 coa entrega do premio desta décimo primeira edición a Laura Ramos Cuba.

I Semana poética Victoriano Taibo:

O sábado 10, ás 21:00 h. no Café Rañolas comeza esta celebración poética e será cun Slam poético, un recital aberto en que pode participar quen quixer co único requisito de que os textos que recite, dous, sexan de autoría propia e estean na nosa lingua. Cómpre tan só inscribirse previamente no correo electrónico do IEM (oficina@iem.gal). Un xurado escollido entre o público asistente seleccionará ao gañador ou gañadora da noite.

O luns día 12 a poesía tomará os balcóns e as fachadas de Gondomar, ondeando os seus versos en lonas que reproducirán, entre outros, poemas de autores premiados co Victoriano Taibo.

Nesa semana repartiranse tamén entre 14 establecementos hosteleiros manteis ilustrados con poemas.

E no medio da semana, nun lugar céntrico e frecuentado, podermos gozar dunha sorpresa poético-musical que non poderá ser máis anunciada para que, efectivamente, sexa unha sorpresa.

E así chegaremos ao sábado 17, data de entrega do XI Premio Victoriano Taibo.

A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, amenizará o acto en que a autora recibirá o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recitará algúns poemas da súa obra. No acto tamén intervirá o director do IEM, Xulián Maure. Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal a autora asinará libros para quen o desexe.

O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo.

Está en:  Inicio X aniversario O Instituto de Estudios Miñoranos cumpre 10 anos
Skip to content
O Instituto de Estudios Miñoranos cumpre 10 anos PDF Imprimir Correo-e

X aniversario IEM - Artigos
Escrito por IEM   
Xoves, 29 Outubro 2009 18:44
O Instituto de Estudos Miñoranos cumpre 10 anos

O 27 de outubro de 1999 constituíse o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). Naquela altura fixábase como obxectivos:

  • Divulgar a cultura e, en xeral, todo o referente ao patrimonio natural, histórico, artístico, arquitectónico, etnográfico, lingüístico, etc. dos tres concellos do Val Miñor.
  • Promover a realización de estudos de todo tipo sobre os ámbitos sinalados
  • Impulsar calquera actividade encamiñada á divulgación destes aspectos
  • Fomentar a conservación e respecto polo patrimonio miñorano como un ben económico

O documento fundacional sinalaba que o IEM baséase nos seguintes postulados:

  • Non se configura, nin pretende selo, como un Instituto oficial, senón como unha expresión independente emanada da sociedade miñorana.
  • Está ao servizo do conxunto da sociedade, sen exclusións, propiciando desde posicións de independencia o consenso das diversas forzas sociais, culturais, económicas e políticas a prol do eixe principal da súa actuación: o estudo, a divulgación e protección do patrimonio histórico, artístico, natural, arquitectónico...
  • Nunha perspectiva decididamente humanista e universalista en ningún caso esquecerá a atención debida á salvagarda e promoción da nosa identidade, o noso idioma e a nosa cultura, entendendo a realidade miñorana como integrada no ámbito xeral da sociedade galega.
  • Carácter pluridisciplinar, indispensable para abranguer as liñas de actuación que nos permitan acadar os obxectivos fixados.

Despois de dez anos de intenso traballo consideramos que os obxectivos fundacionais foron acadados e a actividade desenvolvida polo Instituto de Estudos Miñoranos nesta década deixou xa a súa pegada sobre a sociedade miñorana e, mesmo, sobre a galega.

Así mesmo consideramos que os postulados básicos indicados no documento fundacional foron a guía permanente de actuación do IEM nestes dez anos pasados.

Non é a nosa intención facer un reconto das actividades desenvolvidas polo IEM dende a súa fundación, senón simplemente lembrar un traballo que deu o froito desexado e animar a sociedade miñorana a achegarse a este proxecto cultural para que, cando menos, perdura dez anos máis.

Nos vindeiros meses de xaneiro e febreiro a Xunta de Goberno do IEM desenvolverá unha serie de actos en lembranza destes dez anos de actividade ininterrompida. Será daquela o momento de facer reconto. Agora só se trata de congratularnos por este décimo aniversario.

Val Miñor 29 de outubro de 2009

Asdo: Carlos Méixome Quinteiro

Director do IEM