Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PRESENTACIÓN EN PONTEVEDRA D’A RELIXIÓN DO MAR o venres día 26 ás 20:00 horas.

PRESENTACIÓN EN PONTEVEDRA D'A RELIXIÓN DO MAR

O Ateneo de Pontevedra organiza a presentación, na libraría Paz desta cidade, do poemario A relixión do mar, de Xosé Iglesias Lamela, que obtivo en 2016 o IX Premio de Poesía Victoriano Taibo convocado polo concello de Gondomar e xestionado polo Instituto de Estudos Miñoráns.

O autor, mariñeiro en activo, rende neste libro unha homenaxe ao mar en todas as facetas con el relacionadas e faino coa forza, a autenticidade e a creatividade de quen ama profundamente o que fai e o que di; talvez por iso o poemario tivo unha traxectoria tan afortunada con abundancia de críticas favorables e presentacións en moitos lugares de Galicia. Agora tócalle recibilo a Pontevedra da man do tamén poeta (e máis cousas: profesor, etnógrafo, activista cultural) Calros Solla, gañador en 2011 do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo coa obra Holocausto zacoe, que compite con esta en forza, creatividade e orixinalidade, aínda que nun rexistro totalmente distinto.

O acto terá lugar o venres día 26 ás 20:00 horas na Libraría Paz, situada en rúa Peregrina nº 29 de Pontevedra.

Está en:  Inicio X aniversario Carta aos amigos e amigas do IEM
Skip to content
Carta aos amigos e amigas do IEM PDF Imprimir Correo-e

X aniversario IEM - Artigos
Escrito por IEM   
Luns, 19 Abril 2010 18:31
10 anos

 

Como ben sabedes no pasado mes de outubro o Instituto de Estudos Miñoranos cumpriu dez anos de andaina e troupeleo polo Val de Miñor e polo país adiante. Dez anos de reunións e proxectos, de entrevistas solicitando recursos, un local, apoio institucional,... para divulgar e impulsar a cultura e o patrimonio natural, histórico, artístico, arquitectónico, etnográfico, lingüístico… dos tres concellos do Val de Miñor, para promover a realización e publicación de estudos, para fomentar a conservación e o respecto polo patrimonio miñorano, fondamente inmersos, dende unha perspectiva humanista e universalista, na defensa e promoción da nosa identidade, do noso idioma e da nosa cultura.

 

Dez anos de ideas que medran e ideas que morren, proxectos que conseguen ver a luz e proxectos que dormen hibernados. Dez anos de erros involuntarios e sobre todo de moita vontade e esforzo.

Chegou o momento de celebralo. Por iso, no nome da Xunta de Goberno do Instituto de Estudos Miñoranos, diríxome a ti para convidarte ao acto poético-musical, a unha festa de aniversario, que terá lugar o próximo sábado 24 de abril ás 20h. no Auditorio Municipal “Lois Tobío” de Gondomar. Estarán con nós as voces poéticas de Anxo Angueira, Anxo Ratel, Maricarmen Caramés, Silvia Penas, Elvira Riveiro, Marta Dacosta, Carlos Negro, Miguel Anxo Mouriño..., os acordes sonoros do grupo de ska Kogito, do cantautor César Morán e as voces musicais de Coro Tradicional “Cantares do Brión”. Haberá tamén nesta acto algún momento para lembrar, sen nostalxia, as actividades realizadas ao longo destes dez anos.

Ao remate deste acto aberto ao público en xeral teremos unha cea de irmandade e aniversario no Restaurante “Rocamar” de Baiona. O prezo é de 25€ e precisamos confirmar o xoves 22, polo que antes desa data podedes facer a reserva no correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben nos teléfonos 680 644 490 ou no 986 36 05 75 (polas tardes).                      

Como vos dicía queremos lembrar este décimo aniversario co ánimo afouto para que na próxima década o IEM se consolide como entidade capaz de manter unha actividade cultural permanente. Todos e todas vós sodes conscientes do difícil que é logralo sen a vosa desinteresada colaboración a que, como sabedes, estamos sempre abertos; máis tamén hai momentos en que a acción voluntaria precisa duns mínimos recursos económicos, nada doados de lograr e moito menos cando, empoleiradas na “crise”, as institucións reducen gastos e, como tamén coñecedes, comezan sempre polos xa cativos orzamentos dedicados a “cultura”. É por iso polo que me atrevo a pedirvos a vosa colaboración económica de dous xeitos. Primeiro facéndovos socios ou socias do IEM, polo que achego un .pdf coa ficha de inscrición, e en segundo lugar anunciándovos que temos en marcha o proxecto, coa xenerosa colaboración de cinco artistas, entre os que están confirmados Armando Guerra, Berta Cáccamo e Din Matamoro, de preparar unha carpeta de cinco serigrafías que tería un custe aproximado de 1.000€, aínda que tamén poderán ser adquiridas individualmente. Fágovos este adianto porque necesitamos ter unha certa seguridade, pos iso agradeceríavos que todas aquelas persoas interesadas en facerse co conxunto das serigrafías ou ben con algunha delas nolo comunicasedes para facer a correspondente reserva.

Agradecendo unha vez máis a vosa colaboración e agardando poder contar coa vosa presenza nesta festa de aniversario.

Cos mellores cumprimentos

Carlos Méixome

Director do IEM