Skip to content
É tempo de cogomelos PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Martes, 23 Outubro 2012 18:57
DSC09774
DSC09775
DSC09778
  • Anterior
  • 1 of 3
  • Seguinte

Xa chegou o outono e con el as choivas tan desexadas. A auga que comeza a encher os regatos e os ríos, baixa xa polos camiños e corredoiras e molla os lameiros e os campos onde comezan a aparecer os cogomelos e fungos, como se fosen habitantes subterráneos que estiveron agochados nas profundidades agardando pola humidade que os fai renacer. Como nos contos infantís, as casiñas dos trasnos aparecen cheas de cores e formas e, moitas veces, o trasno non se ve pero a imaxinación lévanos a imaxinalo habitando un fermoso choupín, zarrote ou cogordo (que todo é o mesmo) que se vai abrindo como un parachoivas máxico. As lesmas e babosas alédanse pois estas casiñas dos trasnos son un gorentoso alimento que devoran paseniñamente ata rematar con elas.
Nos que gustamos de pasear e gozar da paisaxe e da contorna miñorá, tamén nos aledamos pola chegada do tempo dos cogomelos e saímos aos campos na procura dos máis coñecidos e que sabemos de certo que son comestibles.


Queremos convidar a todo o mundo que sae na procura dos cogomelos, e non é moi coñecedor ou especialista, a seguir unhas mínimas normas de seguridade e de prevención , polo noso propio ben e polo da propia natureza que nos dá esta regalía de produtos naturais, cada vez máis buscados.
. 1- Saír con alguén que coñeza as distintas especies e teña experiencia contrastada, para irse iniciando dun xeito ordenado no mundo dos cogomelos.
. 2- Facerse cunha boa guía ilustrada, preferentemente con fotos, para coñecer aspectos básicos que nos van servir de axuda.
. 3- Saír ao monte coa idea de aprender e coñecer, valorar e respectar, non converténdonos en depredadores e esquilmadores de especies. Colleremos só os que vaiamos consumir e coñezamos con certeza.
.4- Non destruír, pisar, romper aqueles que non coñecemos ou non nos gustan. Cada especie ten a súa función no equilibrio natural do monte ou o lugar no que nace, e debemos respectalas.
.5- Cortar cunha navalla o talo ou pé. Non arrincar as especies, é moi importante para a pervivencia dos cogomelos e poder recoller en anos sucesivos no mesmo lugar outros exemplares.
.6- Levar unha cesta de vimbio ou salgueiro, para que os cogomelos non se deterioren, respiren e se conserven ben ata chegar a casa.
.7- Gozar do paseo e non estragar o medio. Deixar algo para outro día e coller só o que vaiamos comer.
.8- Se se ten cámara de fotos, facer fotos, serán una boa lembranza e unha axuda para seguir aprendendo despois na casa, analizando e comparando, vendo guías e informacións de páxinas web especializadas.
.9- Ante a dúbida, non coller un exemplar do que non estamos absolutamente seguros de que é comestible.É preferible deixalo no monte que sufrir as consecuencias dun erro de identificación que pode ser mortal.
10. Compartir con amigos a saída e, por suposto, a preparación dos cogomelos. Comelos en compañía e compartir receitas é unha máis das satisfaccións que nos pode dar o tempo dos cogomelos.
Tentaremos facer unha saída común para compartir experiencias e aprender algo máis sobre os cogomelos. Hai moitas historias e contos, que forman parte da nosa cultura, na que os cogomelos son os protagonistas . Estade atentos á páxina do IEM na que iremos informando. Polo de agora, a gozar do outono e do tempo dos cogomelos .