Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Resolución do II Certame Escolar de Creación Dramática.

Reunidos os membros do xurado integrado por Miguel Anxo Mouriño Fernández, escritor e membro do IEM, Fátima Granxa Paz, en representación dos grupos da sección de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns e Luís Carballo Moure, membro do IEM, que actuou como secretario, acordaron por unanimidade a concesión do premio do II Certame Escolar de Creación Dramática, que convoca o IEM en colaboración co concello de Gondomar ao CEIP Souto Donas (Gondomar) pola obra Día de pesadelo.

A obra foi escrita polas alumnas Carolina Figueroa Granxa, Erea Estévez Vilar e Zayra Costasde 6° curso de E.P.

O xurado, tamén acordou conceder accésit as seguintes obras:

Vaia tres na arribada! CEIP De Mallón

A casa embruxada. CEP Sabarís

Unha historia de piratas. C.E.I.P. Serra- Vincios

O premio consta de tres partes: un lote de libros, a publicación da obra na web do IEM e a súa representación polo grupo de teatro "A Moura" de Chaín, no colexio de Souto-Donas.

Ademais, o xurado decide entregar a cada participante un diploma acreditativo de participación no certame escolar de creación dramática.

Gondomar a 30 de marzo de 2019.

Está en:  Inicio Xeiras Artigos Xeira nocturna Monteferro: Mércores 21 Xullo
Skip to content
Xeira nocturna Monteferro: Mércores 21 Xullo PDF Imprimir Correo-e

Xeiras - Artigos
Martes, 20 Xullo 2010 21:26
Monteferro.-Al-fondo-las-islas-Cies
Download this file (Folleto Xeira 3 de 2010 maqueta 2.doc)
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Punto de encontro: Tras Residencia Tempo Libre Patos 22h.

Guía: Xosé Lois Vilar

POLA BEIRA DO MAR. MONTEFERRO. UN MAR DE NOMES

Entre o ano 2004 e o 2005 Roberto Rodríguez Álvarez e Xosé Lois Vilar Pedreira, membros do Instituto de Estudos Miñoranos levaron a cabo un traballo pioneiro en Galicia: a recollida dos nomes do mar nun gran treito de costa. A área de traballo comezou na parroquia de Salcidos, dentro do río Miño e rematou na de Panxón abranguendo diversos ambientes marítimo-fluviais. Nestes máis de 60 km de costa temos o esteiro do maior río galego, varios portos, costa rectilínea e costa recortada, penínsulas, illas, illotes, faros, areais, ...
Hoxe comezamos pola zona máis setentrional desta recollida que comeza na Area das Canas e A Punta do Caranquexo e que nos levará ate o extremo oeste da península de Monteferro e as illas Estelas cun cento de topónimos marítimos: talasónimos.
A case totalidade de Monteferro está composta pola gran veta de xisto que vén desde o norte de Portugal pola Serra do Argalo, A Groba e Lourido en pregues oprimidos, rebentados e ergueitos dispostos de norte a sur que condicionan a paisaxe e a toponimia xa que esta disposición xeolóxica fai que se creen regos ( O Rego de Castaño, O Rego de Carreiro), furnas (A Furna, A Cova Xabel), illotes (A Garza), areais (A Cansadoura, O Andarín, Seixos Negros)...
A excepción ao xisto témola no extremo occidental cunha banda granítica adosada a este e que formas os cantís de San Benito, A Herbeira, O Centulo, ... onde aparece a única arte rupestre da península panxoneira. Desde os cantís unha visión das Illas Estelas cara ás Serralleiras e A Negra e o farol da Pedra que Bole que temos que concibir libre de auga hai uns 13.000 anos cando cos bandazos da última glaciación o nivel do mar baixara uns 40 metros respecto do nivel actual polo que habería que procurar o refresco das augas ou o marisqueo a varios quilómetros do hábitat de hoxe.

UN MAR DE NAUFRAXIOS

Un cento de naufraxios fronte ou na costa da ría de Baiona e Panxón. Nun tempo sen GPS, con menos seguridade marítima, con máis necesidade de saír pescar.
Naufraxios que, ás veces, deixaron mortos, viúvas, orfos, riqueza, e que tamén deixaron talasónimos. Na última pedra emerxente que ollamos, A Negra, o 9/9/29 pouco máis da 1h da madrugada o barco de carga mixta Highland Pride enxurrou e detivo a súa travesía cara Sudamérica, non morreu ninguén pero o barco afundiríase totalmente no lugar que os mariñeiros coñecen como O Mar do Pride. De bandeira inglesa tiña 7460 tm de desprazamento bruto, 123 de eslora e levaba 59 pasaxeiros, e 98 tripulantes; en Vigo cargou conservas e peixe salgado, de Inglaterra traía touros sementais, ovellas e carneiros de Bresford, galos e galiñas de raza selecta con destino en Arxentina.
Entre A Illa e As Estelas agardaba O Conde de Barbate, un día de neboeiro vasto, para entrar en Marín a descargar sal. Embestiuno o transatlántico francés Colombie que partiu o cargueiro e só deixou cinco sobreviventes. Foi o día 11 de outubro de 1955 ás 14h30', desde aquela creouse un pesqueiro cos restos do barco, coñecido o lugar como O Barbate ou O Barco do Sal que marca polo mogote das Mariñas a unha cortada de Silleiro e o Pedestal da Pedra que Bole á caída do sur da Roca.

O Aslaug non deixou nome. Enxurrou na Noiteboa de 1929 no Poste do Norte dos Carallóns e faleceron os seus máis de 20 tripulantes. Barco noruego que viña descargar 1.500 fardos de bacallau a Vigo procedente de Reiquiavic. Bordeou as Cíes e entrou pola Boca Sur da Ría de Vigo espetándose nos Carallóns. Un mes máis tarde unha marusía botou varios cadáveres en Sansón, A Cuncheira e A Praia dos Frades.

A MAR DE MUÍÑOS

A banda occidental de Monteferro é unha amálgama de pregues de distintas naturezas xistosas e graníticas, estas últimas constitúen a fachada mariña que soporta as embestidas do mar aberto desde o Centulo ou A Meda, onde está a lanterna, ate As Gateiras no sur. Nesta banda granítica os habitantes da prehistoria recente deixaron pegadas moi evidentes. No propio Centulo ou A Meda (non Lameda como figura en moitas cartas náuticas) nun lugar de acceso difícil e emprazamento perigoso enriba do cantil hai un grupo de muíños naviculares de soporte fixo e volvemos ter outro grupo no sur por baixo das Pinisas Pequenas ou A Porta, aquí cóntanse uns 19 muíños, coviñas e varias pegadas espidas de pés humanos dun número 38.
Este tipo de muíños naviculares, non circulares, coñécense en Galicia desde hai máis de 6000 anos, chegaron aquí da par da neolitización, é dicir, da domesticación de plantas e animais. Necesarios polo tanto para moer os cereais e proceder á súa panificación. Estes muíños aparecen nas aldeas da época, nos enterramentos e son móbiles, transportables, sen embargo os que nos ocupan son de soporte fixo –a rocha base- e aparecen moitas veces compartindo o entorno ou a mesma superficie con arte (petróglifos) e algunhas veces dentro de covas ou abrigueiros. É curioso tamén a súa presenza nunha banda achegada ó mar desde Valença e Caminha, polo momento, ate a península do Morrazo. Coñecémolos en Tomiño, Tui, Redondela, ... pero no resto de Galicia só dous casos, un en Carnota e outro en Agolada.

 

Consulta o diptico adxunto

Attachments:
Diptico Xeira Monteferro[ ]581 Kb