Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

IV Mostra de teatro afeccionado do Val Miñor e Oia. Dende o 12 de xaneiro ata o 2 de febreiro.

 

A partir do vindeiro sábado 12 de xaneiro o Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar acollerá a IV Mostra de teatro afeccionado do Val Miñor e Oia.
Organizado polo Instituto de Estudos Miñoráns co apoio do Concello de Gondomar fomentarán e potenciarán a creatividade teatral e a representación neste mes de xaneiro que abre as portas a un ano de celebración dos 20 anos do IEM.
A programación constará dun total de oito pezas teatrais interpretadas por Vichelocrego, Tranghallada teatro, Bertorella, Pritis- Guomins, A Moura, Os cabalos rosas brincan no patín, O mellor de cada casa e Arredemo.
A entrada será gratuíta e para todos os públicos.

Programación

Sábado 12 de xaneiro- 19.30h
Jansel e Ponsel, representada por Tranghallada teatro de Nigrán.

Domingo 13 de xaneiro- 18.00h
Mamasiña que medo!, representada por Bertorella de Morgadáns.

Sábado 19 de xaneiro- 19.30h

Cóncavo-convexo, representada por Vichelocrego de Gondomar.

Domingo 20 de xaneiro- 18.00h

Rosa rosae, representada por Pritis- Guomins de Aula teatro Gondomar.

Sábado 26 de xaneiro- 19.30h
A revirada, representada por A Moura de Chaín.

Domingo 27 de xaneiro- 18.00h

Cousas da vida, representada por O mellor de cada casa de Viladesuso.

Sábado 2 de febreiro- 19.30h

O restaurante Farruco representada por Os cabalos rosas brincan no patín de Viladesuso.
Maruxas 3.0, representada por Arredemo de Gondomar.
Está en:  Inicio Xeiras Calendario XEIRAS IEM 2018- GONDOMAR- O Camiño da Nosa Sra. do Norte. Da Capela dos Remedios ao Pazo do Conde de Gondomar. Xoves 12 de xullo ás 18:30 h.
Skip to content
XEIRAS IEM 2018- GONDOMAR- O Camiño da Nosa Sra. do Norte. Da Capela dos Remedios ao Pazo do Conde de Gondomar. Xoves 12 de xullo ás 18:30 h. PDF Imprimir Correo-e

Xeiras - Calendario
Escrito por IEM -Sec   
Venres, 06 Xullo 2018 16:48
3 xeira

O vindeiro xoves 12 de xullo ás 18:30h terá lugar a terceira xeira de verán polo concello de Gondomar O Camiño da Nosa Señora do Norte. Da Capela dos Remedios o Pazo do Conde de Gondomar, dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello de Gondomar, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

O punto de encontro será no Auditorio Lois Tobio. Gondomar.

POLA FORCA DE LOBOS ATA O PAZO DO CONDE.
O CAMIÑO DA NOSA SEÑORA DO NORTE
Guía
ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO
Ao longo desta xeira, continuidade da que a semana pasada fixemos en terras de Couso, veremos e comentaremos unha vez máis retallos dun importante patrimonio histórico, etnográfico e artístico e volveremos a preocuparnos pola deriva paisaxística que está a enfilar a contorna por mor de especies arbóreas invasoras e outras razóns non vexetais. Trataremos arquitectura vernácula, tan ben imbricada no territorio e como tantas veces non moi ben atendida, volveremos a comprobar a secular dependencia do campesiñado respecto da ga, visitaremos un recinto feiral dos máis antigos do Val no que outra vez queda patente a evidencia de ritos e costumes que naceron para aplacar medos e angustias emocionais da xente do rural, citarémonos con topónimos evocadores e case sempre reveladores, transitaremos a un tempo dous dos camiños historicamente máis importantes de Val de Miñor, e por último volveremos a toparnos con restos históricos e construídos deixados pola fidalguía e a alta nobreza do Antigo Réxime no condado. Todo durante as tres horas que nos levará percorrer os 4,20 quilómetros do tramo de camiño que atravesa a parroquia de Gondomar; un traxecto afectado de pouca dificultade. O punto de encontro é o Auditorio Lois Tobío, na vila de Gondomar. Prégase puntualidade. O percorrido será acompañado de intérprete de lingua de signos.
O camiño é un elemento básico na ordenación do territorio, podendo presentarse con diferentes rangos e categorías. Hoxe novamente vamos centrarnos nun dos de xerarquía superior para o contexto que atravesa dende, cando menos, o medievo.
O Camiño de Nosa Señora do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo, Camiña e Vila Nova de Cerveira entra en Galicia por Goián. A primitiva barca tiña desembarcadoiro ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o Pazo-Torre dos Correa a vía pasa a Estás e logo ao Mosteiro e ao Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende 1295. A continuación tira cara a Tebra e a seguir sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Pasa pola capela dos Remedios e dende aquí segue baixando por Forca de Lobos ata Feira da Doce, na Estrada. Bordeando o Pazo do Conde de Gondomar continúa por Pousada ata o pé da parroquial de Mañufe e dende aí vai o barrio da Ponte para atravesar o Río Miñor (neste punto parece existiu un antigo hospitaliño). Continúa polo Cruceiro do Acordo, pasa polo Pazo de Fontán e xa entra na parroquia de Vilaza polo Cruceiro do Portelo. Segue polo treito empedrado ante o Pazo de Pampillón e chega á Areiña, lugar a partir do cal vai coincidir coa estrada real de Baiona ao Porriño ata O Tumbio, en Vincios, logo de atravesar nese lugar o río agora coñecido como Zamáns pero citado en documentos medievais como Miñor. A continuación polo barrio da Rocha chega ao Muiño Gaiteiro e dende alí, por detrás da Pasaxe, entra no actual concello de Vigo ante un antigo marco recolocado que indica o inicio de Valadares. O camiño continúa polas Furnas e a zona alta da igrexa de Castrelos para cruzar a Gran Vía e por Romil, a Falperra e Alfonso XII chegar á Colexiata. Dende aquí segue polo Areal ata a vila de Redondela onde volve enlazar co camiño central a Compostela.