Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XVIII XEIRA ALÉN MIÑOR A CORUÑA E A MARIÑA CORUÑESA (24-25 de novembro)

As primitivas dimensións da Coruña ocupaban o que hoxe se coñece como Cidade Vella. Era A Coruña intramuros, e tanto o seu trazado como a súa arquitectura explican a historia desta cidade.A Cidade Vella fíxose á medida humana.Pedra, vidro e madeira mesturáronse para dar acubillo a fidalgos como a artesáns ou mariñeiros. A Porta Real foi a primeira entrada á primitiva cidade.

Moito que ver ou recoñecer nesta cidade vella, acompañados por un guía que é un dos referentes da cultura contemporánea do país, Felipe Senén.

A sede oficial da Real Academia (edificio dezaoitesco), noutro tempo propiedade de Pardo Bazán, moi preto da Colexiata de Santa María (principios do sc. XIV) que foi a igrexa dos gremios do mar e do comercio

Na contorna sitúase a Praza de Azcárraga. Está trazada sobre dous planos diferentes. No máis elevado enmárcase a antiga praza da Fariña, en cuxa bonita bóveda se acubilla a fonte do Desexo; no plano inferior está o palacio neoclásico da rexión militar noroeste, que data de 1740 e que acolleu a constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, con motivo do alzamento coruñés contra as tropas napoleónicas.

O Convento de Santo Domingo levantouse a finais do século XIII, foi incendiado polos homes de Francis Drake a fins do XVII. A Igrexa data do século XVII e é de estilo barroco galego.

Moitos persoeiros, aventureiros, escritores, filósofos, científicos, ou persoas sen título como María Pita, que se enfrontou a Drake ou lideraron a resistencia ós franceses, viviron ou tiveron relación coa cidade. O Duque de Toscana, Cosme de Medicis, nunha das súas viaxes de coñecemento, o mariño Alejandro Malaspina, militares ou estadistas, como Porlier ou Melchor de Macanaz. Sir John Moore (repousa nos xardíns de San Carlos). Personaxes, espíritos da cidade ou simples cidadáns que inspiraron á Condesa de Pardo Bazán en "A Pedra Angular" ou a obra de Murguía e de Rosalía, os que xogaron co neno Pablo Picasso, que iluminaron o pensamento de Wenceslao Fernández Flórez ou de Salvador de Madariaga.

A cidade vella agocha máis recunchos queridos polos seus veciños, como o A Praza e O Convento das Bárbaras, próximos o Castelo de San Antón (hoxe Museo Arqueolóxico), antiga fortaleza do século XVI que se edificou sobre unha illa para protexer a entrada da ría dos ataques do pirata Drake. Ou o arquivo do Reino De Galicia (1775), que está encargado da recollida, custodia e posta a disposición do público da documentación de ámbito galego e provincial, xerada por diversos organismos de carácter xudicial ou administrativo con sede na provincia da Coruña.

 

Está en:  Inicio Xeiras Calendario Roteiro ecolóxico pola Serra da Groba.
Skip to content
Roteiro ecolóxico pola Serra da Groba. PDF Imprimir Correo-e

Xeiras - Calendario
Venres, 11 Marzo 2011 21:37
chan-da-valga

O vindeiro domingo 20 de marzo, as asociacións S.O.S. Groba, Instituto de Estudos Miñoranos e Verdegaia organizarán un novo roteiro do programa de roteiros mensuais de Verdegaia "Vai de roteiros!" pola Serra da Groba, a serra mareira máis meridional da Galiza. A nosa intención é amosar as particulares características faunísticas, florísticas, xeolóxicas, arqueolóxicas, etnográficas e a singular beleza deste espazo natural ó mesmo tempo que analizamos as agresións e ameazas que padece. A saída será as 9:45 h. da estación de autobuses de Vigo ou ás 11 h. da porta do Parador de Baiona dende onde se subirá en coches particulares á parte alta da serra. O roteiro durará todo o día, polo que se recomenda levar auga, comida e algo de conversa. É imprescindible a inscrición previa.
O programa Vai de rotieros! abrangue a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.
Así, cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.
Como dixemos, o roteiro comezará en autobús para os residentes en Vigo, evitando deste xeito o uso do vehículo privado. Comezaremos camiñando no Curro da Valga para dirixirnos ós petróglifos e turbeira de Gordobalo. Máis tarde pasaremos por mámoas, muíños, cruceiros e marcos divisorios para chegar á turbeira de Os Salgueiriños. Unha vez aquí, seguiremos camiñando cara as turbeiras do Campo dos Sapos e do Curro vello, gozaremos das fermosas augas do regato da Quiringosta, e camiñaremos pola Boca da Costa de Seixán, o Monte de A Bandeira, e o Alto do Castelo. O roteiro finalizará na antiga caseta forestal para voltar de novo ó Curro da Valga .
Entre os valores naturais do espazo natural salientan a grande riqueza avifaunística coa que conta a Serra da Groba na que habitan nove especies de aves incluídas no Anexo I da Directiva Aves da UE a parte doutras moitas incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, especies de animais catalogadas coma de interese comunitario pola Directiva Hábitats da UE (tres de mamíferos e nove de anfibios e réptiles), as numerosas especies de animais incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, os hábitats catalogados coma prioritarios pola Directiva Hábitats da UE ("Breixeiras húmidas atlánticas meridionais de Erica ciliaris e E. tetralix", Formacións herbosas con Nardus e "Turbeiras ácidas de esfagnos"), os hábitats catalogados coma de interese comunitario pola Directiva Hábitats da UE ("Breixeiras secas", "Vexetación casmofítica de pendentes rochosas. Subtipo silícola" e "Pastos pioneiros en superficies rochosas"), as charcas estacionais,...
Durante o roteiro tamén teremos a oportunidade de coñecer outros valores cos que conta serra tais coma as mámoas, os petróglifos, os curros (a serra constitúe o hábitat da mellor poboación galega de cabalo de monte cunha cabana de 2.500 cabezas de grande riqueza xenética), as numerosas lendas de transmisión oral, a gran calidade ambiental coa que conta este espazo...
Por todos estes valores, en 2008 e co apoio doutros 15 colectivos ecoloxistas e conservacionistas, Verdegaia presentou perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia unha proposta de inclusión do espazo natural dentro da Rede natura 2.000 da que a día de hoxe aínda non se ten resposta.
Entre as agresións e ameazas que sofre este prezado espazo natural salientan os proxectos de parques eólicos e campo de golf, as plantacións de eucalipto, a caza, a apertura indiscriminada de pistas, os lumes forestais,... que analizaremos ó longo da xornada.
Nesta actividade contaremos cun guía especializado (bo coñecedor da serra e os seus valores) que realizará paradas explicativas. A actividade durará todo o día polo que cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberta e gratuíta para todas e todos. 
Ademais, o roteiro organízase en transporte público colectivo para non empregar o vehículo privado e así non contribuír ao avanzo da mudanza climática.

 

Máis información e inscricións: Diego R. Vieites, responsable da Área de Biodiversidade e Secretario Xeral de Verdegaia (670 784 919, Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ).