Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

SUSPENSIÓN DO FALADOIRO DE ADRIANA NOGUEIRA POR MOTIVOS DE SAÚDE.

POR MOTIVOS DE SAÚDE DE ADRIANA NOGUEIRA, QUEDA CANCELADO O FALADOIRO ESTE MÉRCORES 22 DE NOVEMBRO.

O IEM AGRADECE O SEU INTERESE E PREGA DISCULPEN AS MOLESTIAS OCASIONADAS.

Está en:  Inicio Xeografía e historia
Skip to content
Discurso de Carlos Méixome na presentación do libro Memoria de Peitieiros. PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Martes, 11 Xaneiro 2011 22:44
PORTADA4
Download this file (Veciños e veciñas de Peitieiros Libro.pdf)
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Veciños e veciñas de Peitieiros
Amigos e amigas
A ben seguro que se houbera moura na croa do castro de Peroleira, rodeada de fermosas vasillas cobreadas, mentres peiteaba os seus lasos cabelos louros estaría a sorrir fachendosa do labor delicado dos seus veciños e veciñas que foron quen de erguer un novo e fermoso traballo comunal xuntándose arredor das vellas imaxes fixadas da memoria e recuperar estas LEMBRANZAS DE PEITIEIROS.

Tamén nós, o Instituto de Estudos Miñoranos, estamos ben fachendosos, de que aquela idea inicial de mesturar imaxes fotográficas de finais do século XIX, as máis difíciles de atopar, e das primeiras décadas do século pasado e acompañalas dun texto escrito por veciños e veciñas do Val Miñor tivese tan boa acollida, ademais de permitir salvar instantáneas que poderían desaparecer en calquera momento.

Foi en 2003 cando fixemos o primeiro, Imaxes para a memoria. Daquela decatámonos de que un libro destas características tiña que xuntar deseño atractivo e calidade de impresión, xa que ademais do valor da salvagarda das imaxes debería converterse nun libro-obxecto, no mellor senso da expresión, nun libro agasallo, nun libro que espertase o desexo de conservalo para sempre. No 2004, engadímoslle, aumentando substancialmente o anterior, o dedicado a Baiona, que se rematou chamando, Baiona, nas ondas do tempo. Ao ano seguinte veu o lume Gondomar, o son do río. Similar en extensión e concepción ao anterior. Naquela altura xa a algúns amigos e amigas de Peitieiros, agrupados no Centro Cultural e Recreativo da parroquia, se lles ocorrera a posibilidade de, en continuidade coa liña deseñada, preparar unha recollida de imaxes da parroquia que algún día se convertese nun libro de fotografías peneiradas polas palabras das xentes de Peitieiros. Aquel traballo dos vosos veciños e veciñas concretárase nunha exposición fotográfica que tivera lugar neste mesmo local. Por motivos que agora nin lembro, nin veñen ao caso, a concreción daquel intenso traballo non se plasmara en libro. Mais agora e por iniciativa da Comunidade de Montes fíxose realidade. Xa que logo os nosos máis expresivos parabéns a Xunta Directiva da Comunidade de Montes e ao seu presidente Carlos Misa.

Despois dos tres volumes iniciais aos que nos referimos, estas iniciativas detivéronse durante un tempo ata que, no pasado ano, a Asociación Novos Aires de Couso achegouse ás nosas propostas para facer o titulado Memorias de Couso. No comezo do remate festeiro de 2010, tivemos nas nosas mans Morgadáns, o andar da pedra, impulsado pola Asociación Cultural San Roque. E agora, na resaca festeira e no albor do novo ano podemos agasallar os nosos ollos con estas imaxes, as nosas mentes con fermosas palabras e o noso tacto ao poder acariñar estas Lembranzas de Peitieiros.

Máis de 200 fotografías foron procuradas e recuperadas como o tesouro que son e delas a fotógrafa Paula Pérez seleccionou 45 que se acompañan de cadanseu texto. Máis os amigos e amigas de Peitieiros incluíron sete textos máis longos que ficaron iluminados por 13 fotos máis e xa que logo o libro, recupera, para sempre, 58 imaxes da parroquia nas que non falta ningún dos momentos importantes vividos e lembrados, dende o curro á matanza do porco, dende a voda á procesión, dende picar pedra para o camiño ata botar unha placa, dende as costureiras no traballo ata o grupo de mozas espelidas, dende os peiteados e disciplinados escolantes ata os musicais mozos gorentosos de xolda.
Mais como poderedes ver hai un espazo que domina o libro, este mesmo no que estamos, o adro da igrexa e que representa a permanencia ao longo da historia da parroquia, pois sabemos por documento citado por Avila y La Cueva que xa era nomeada, en 1196, como Peitieiros e con anterioridade aparece citada como San Miguel de Morgadáns. Ben sabedes que no Miñor non somos moi abondosos en igrexas de traza románica, aínda que as que temos son ben salientabeis: Donas, Parada, a colexiata de Baiona e San Miguel de Peitieiros, alterada polo raio que a levou naquela galerna á que se fai referencia neste libro e que as xentes da parroquia a souberon restaurar con bastante tino, afortunadamente, siso que non tiveron cando chantaron ese moderno pendello que altera a substancia do que foi durante séculos o centro da parroquia.

Foi Peitieiros, sen embargo, terra de señorío civil, nomeadamente da casa de Piñeiro, en estado absolutamente ruinoso, no barrio do mesmo que tivo, no seu tempo, xurisdición civil e criminal e foi o seu primeiro dono don Tristán de Oia que faleceu en 1545 e deixou un testamento no que, ademais de ordenar que o enterren en San Vicente de Mañufe por estar alí soterrado o seu avó, Álvaro de Oia, entre outras cláusulas curiosas establece que fagan cinco ofrendas co seu corpo nas que entren tres carneiros en pe e que as outras dúas sexan de peixe cun cuarto dunha vaca que sexa bo e pan e viño conforme á carne e ao peixe e o que merece a súa persoa. Ordena tamén unha cuarterola de aceite para cada unha das igrexas de San Bieito de Gondomar, San Miguel de Peitieiros e San Vicente de Mañufe "para que alumen a esta mi alma pecadora para que lleve la carrera del Paraíso". O bo, ou non tanto, Tristán de Oia, debería ser home acostumado a contraer débedas, xa que ademais de recoñecer as que tiña coa súa criada, por trinta e catro reais e medio, di que si algunha persoa di que lle debe cantidades por debaixo dos mil maravedís e o xurase que se lle paguen. Tamén se preocupa, no seu testamento, da súa filla e deixa escrito e recoñece o bo siso da súa meller:

"Item digo e mando que por cuanto esta sin casar Beatriz Vazquez mi hija ruego a mi muger e mis yernos Diego Troncoso e Juan de Castro que le hallen marido e la casen con persona igual que ellos.
Item digo que por cuanto la dicha mi muger es muger de mucho recado e confianza a la cual nombro e dejo por tutora e curadora de las personas e bienes de mi hija Beatriz Vazquez e de mi hijo Álvaro de Oya"

O señorío chegou a don Gregorio de Castro e Oia que foi capitán durante trinta e dous anos da fortaleza de Monterreal, rexedor de Baiona e alcalde maior da vila de Gondomar. Faleceu en 1638 e no seu testamento gabábase da súa amizade con don Diego Sarmiento de Acuña e cos condes de Gondomar cos que compartían señorío sobre as terras de Peitieiros. Un dos doce fillos de Gregorio de Castro e Oia foi Pedro de Castro, médico e pedagogo que demostrou a capacidade de aprendizaxe dos xordo-mudos en Italia e ten un praza dedicada na vila de Baiona que ven sendo a que sempre se chamou Praza da Fruita. Descendentes desta familia emparentaron coa casa de Vilarés en Vilaza.
Nos Amados, na Area, no Barreiro, na Fonte, na Gándara, nos Muíños Novos, na Peroleira e no Piñeiro tamén sorriran, como a moura loura peiteándose na beira do río, cando teñan entre as súas mans este novo tesouro.
Parabéns e grazas a todos