Novembro con Taibo- Xosé Iglesias Lamela
Xosé Iglesias Lamela (Cee, 1974)
«Creo no mar, útero azul, patria dos ronseis».
Titulado patrón de pesca de altura e capitán de pesca, Xosé Iglesias é patrón dun barco de baixura comprado cos aforros de cando andaba embarcado no Gran Sol. Sae cada día do porto coruñés de Oza volvendo ao peirao, tras doce horas de faena, «con máis poemas que peixe». «Cando navego, pásanme metáforas pola cabeza. O mar é libre e por iso escápolle ás rimas».
Reivindica con orgullo a súa calidade de mariñeiro, como o seu amigo e valedor Paco Souto, que tiña a honra ser percebeiro. No acto de entrega calou o gorro que usa no barco, falou con entusiasmo e, para rematar o seu discurso, sacou unha buguina, que lle regalaría a Miguel Anxo Mouriño, e fíxoa soar para acabar co seu berro preferido: «Medre o mar!».
O poemario A relixión do mar, con versos con recendo a marusía e tatuados de salitre, é un conmovedor tratado sobre a vida no mar; unha homenaxe á fe infinita que teñen os mariñeiros por ese anaco do océano que é a Costa da Morte, ás distintas artes de pesca e navegación e ás mans que constrúen os barcos. «Creo no mar / útero azul / patria dos ronseis». Son tamén versos de loita, das adversidades do mar e das contradicións de sentirse libre navegando «Merquei nove metros de liberdade / a cambio de ser escravo do mar».
O propio Ramón Nicolás declárase «un verdadeiro apaixonado deste libro», engadindo que «Xosé Iglesias pertence, por dereito propio, a esta estirpe de salitre e salseiros, que souberon sentir o mar e nolo ensinaron con outra ollada. Constrúe unha cartografía singular, identitaria, persoal e colectiva, nun ronsel que vai dos trobadores medievais a Gonzalo López Abente, Avilés de Taramancos, Manuel Antonio, Bernardino Graña, Alexandre Nerium ou Miro Villar entre outras voces».
https://gl.wikipedia.org/wiki/Xos%C3%A9_Iglesias
https://elpais.com/ccaa/2014/07/07/galicia/1404735349_542965.html
Etiqueta:Novembro con Taibo, Xosé Iglesias Lamela