Presentación do libro TRAS OS PASOS DO CONDE DE GONDOMAR. UNHA VIAXE ALÉN MIÑOR
O vindeiro venres 17 de xuño, ás 8:30 da tarde, na sede do IEM –n.º 10, baixo, da Avda. da Feira, en Gondomar-, nun acto aberto a quen desexe asistir, Antonio Soliño Troncoso, arquitecto e membro da xunta de goberno do IEM, presentará un libro de viaxe por terras de León e Castela escrito baixo o pseudónimo X Mourisca. O libro, que abrangue personaxes, paisaxes, historia, historias, gastronomía e lendas dos territorios atravesados mesturadas con diferentes vivencias dos compoñentes da viaxe, ten como fío condutor a don Diego Sarmiento de Acuña (1567-1626), I conde de Gondomar. O relato recolle as eventualidades da primeira experiencia da que naquel intre, hai agora un ano, era unha nova sección do IEM, “Xeiras alén Miñor”, que se quixo inaugurar cunha visita guiada polas terras e históricos asentamentos urbanos próximos ao Douro emprazados entre Gondomar e Valladolid,
poboacións, ambas as dúas, nas que Sarmiento de Acuña posuíu residencia propia: o Pazo de Gondomar e a Casa del Sol, respectivamente. O relato complétase cun caderno gráfico a cor que compendia algúns aspectos das antigas vilas e cidades camiñadas ao longo da viaxe e, ao tempo, actúa de notario mudo dos camiñantes.
O autor do libro estará acompañado e será introducido por Miguel Anxo Mouriño, poeta, membro da xunta de goberno do IEM e máximo responsable da sección Filoloxía e Literatura da citada asociación.