![](https://iem.gal/wp-content/uploads/2024/02/pres.jpg)
Presentacións desta semana: Revista de Estudos Miñoráns Nº23 e Campo de Pullas
O vindeiro xoves 22 de febreiro deste 2024 ás 20h terá lugar a presentación da Revista de Estudos Miñoráns Nº23 (2024) no local do IEM.
O acto será presentado por Xosé Ramón García e participarán ademáis 5 dos autores que publicaron na revista deste ano, algúns deles farán un breve relato da súa aportación. Contaremos con acompañamento músical a cargo de Son do Val.
![🗓️](https://static.xx.fbcdn.net/images/emoji.php/v9/t5c/1/16/1f5d3.png)
![📍](https://static.xx.fbcdn.net/images/emoji.php/v9/t2d/1/16/1f4cd.png)
![🕗](https://static.xx.fbcdn.net/images/emoji.php/v9/t2f/1/16/1f557.png)
![](https://iem.gal/wp-content/uploads/2024/02/REM-23-683x1024.jpg)
![🗓️](https://static.xx.fbcdn.net/images/emoji.php/v9/t5c/1/16/1f5d3.png)
![📍](https://static.xx.fbcdn.net/images/emoji.php/v9/t2d/1/16/1f4cd.png)
![🕗](https://static.xx.fbcdn.net/images/emoji.php/v9/t2f/1/16/1f557.png)
ENTREVISTA IEM
PREGUNTAS AUTORAS/ES CICLO LITERARIO MIÑORÁN
- Que te inspira a escribir?
Un amplo conxunto de sensacións e actitudes, entre os que non é o máis pequeno o meu compromiso coa lingua.
- Cal é a palabra que máis che proe?
Desgaleguización. A velocidade á que avanza é vertixinosa. Na miña vida adulta puiden constatar a desaparición práctica de ducias de palabras, aínda que sigan estando no dicionario e as sigamos usando os “iniciados”.
- Como elixes os temas para as túas historias?
Son sempre experiencias vividas, sublimadas, dentro da miña capacidade, no caso da poesía ou adaptadas ao lector cando se trata de narrativa.
- Poderías compartir algunha anécdota relacionada coa creación dun dos teus libros?
A inocente anécdota que me quedou máis gravada foi cando os meus alumnos leron “Os Arriscados”. Elixín para os protagonistas e intervenientes nomes correntes na altura, e moitos agradecíanme que os “puxese no libro” e outros botábanme en cara non facelo. En realidade, a coincidencia ou non dos nomes non presupuñan nada.
- Cal é o teu libro favorito entre os que escribiches e por que?
É difícil elixir. Teño un poemario para cada neto, e eses son os meus preferidos. Se tivese que precisar máis, talvez me decidise po Gondomar de Pablo, que foi o primeiro.
- Que é o máis bonito que che dixeron sobre a túa obra?
Gabanzas tiven bastantes, porque teño moitos amigos. O que recordo con máis cariño é a mensaxe dunha profesora de lingua, que, sen coñecérmonos, escribiume dándome as grazas porque o meu libro lle resultaba pracenteiro e ademais útil na aula. Era O Reino ideal.
- Cóntanos un momento particularmente desafiante que enfrontaches ao escribir e como o superaches.
Sen dúbida foi o reto de buscar información para reunir e comentar os poemas satíricos dos poetas do Século de Ouro. Buscar os textos orixinais foi o máis doado. As interpretación eran menos abundantes, e, en moitos casos, se non posúes as claves non entendes parte das sátiras, mesmo ás veces non entendes nada. Afortunadamente, as máis difíciles de interpretar estaban ben documentadas. Pero en moitas non había nada, ou m oi pouco, e non me quedou máis remedio que pescudar na literatura da época, e nos dicionarios, as palabras ou xiros que non comprendía. Pero pagou a pena; refírome á miña satisfacción, non pretendo con isto valorar o libro.
- Hai algunha mensaxe ou lección importante que esperas que as/os lectoras/es atopen nas túas obras?
Se algo me gustaría que transcendese dos meus escritos é a necesidade de comprometerse coa lingua, que está pedindo a berros a axuda dos falantes, dos escritores, da igrexa, do comercio, da banca e da administración. Sen iso ten pouca esperanza de vida.
- Que libro estás a ler estes días?
Neste momento estou a repasar Escola de menciñeiros, de Cunqueiro.
- Se tiveses que escoller unha peza musical para un dos teus libros, que libro sería e cal sería a peza?
Xa está escollida, e non quero traizoar un dos meus libros. É Lela, con letra de Castelao e música de Rosendo Mato Hermida, na interpretación de Dulce Pontes. Cítoa n’Os Arriscados”.
- Se a túa paixón non fose a escrita, cal sería?
A música. Encántame cantar e gustaríame tocar o saxofón.
- Como manexas o equilibrio entre vida persoal e escritura?
Non hai moito equilibrio. A balanza inclínase xenerosamente pola vida persoal. Emporiso, cando teño un proxecto saco tempo de onde sexa, mesmo do sono.
- Tes algunha superstición ou hábito peculiar que acompañe o teu proceso na escrita?
Superstición ningunha, en ningún ámbito. Polo menos, non son consciente de tela. Canto á escrita, teño estratexias, como supoño que terán os demais. A miña consiste (e seguro que non son orixinal), basicamente, en darlle moitas voltas na cabeza ao tema que estea afrontando antes de sentarme diante do papel. Iso si, tomo notas, pequenas, onde podo, que logo teño que organizar.
- Que papel xoga a túa contorna e as túas experiencias persoais nos teus libros?
Como dixen antes, inspíranme as experiencias vividas, xa que logo a contorna xoga un papel principal.
- Que cambios deberían implementarse na industria editorial para que as/os escritoras/es poidan adicarse exclusivamente a escribir, sen preocupacións financeiras?
As editoras e librarías buscan, en xeral, o negocio, e, xa que logo, van publicar e vender o produto que a xente demanda. Se un escritor quere vivir só das súas creacións en galego, teno case imposible. Os casos que coñecemos escriben tamén en castelán, ou publican ao mesmo tempo nos dous idiomas, ademais de colaborar con outros medios. E quede claro que non estou a criticar.
- Cal sería a pregunta que quererías che formulasen durante unha entrevista?
Coido que esta entrevista é moi completa e cumpre máis expectativas das que eu puidese ter.