Novembro con Taibo- Calros Solla
Calros Solla (Pontevedra, 1971)
Un urro esconxurador
«Vivo en Vigo e son profesor. A tormenta perfecta. Antes de dedicarme á docencia, fun tamborileiro e bombeiro forestal. Colecciono amuletos tradicionais e un dos meus bens máis prezados é a cruz de santo André, que herdei da miña titía Isolina “a Gheiteira”. A cruz de santo André exímeme de peregrinar a Teixido unha vez morto, transmutado quizais en lagarto ou miñoca. A colección de amuletos consta dunhas cincocentas pezas».
En palabras de Armando Requeixo «Os textos de Solla emparentan naturalmente co Far-west de Carlos Negro e a Mongólia de Igor Lugrís, constituíndo estes a tríade dos mellores poetas sociais galegos do século XXI, herdeiros, por dereito propio, da estirpe currosiana, leiraspulpeiriana, celsoemiliana».
No ano 2011, Calros Solla, traballador polifacético, dedicara moitas enerxías a recuperar o «verbo xido», a fala fermosa, o latín dos canteiros. Froito das súas investigacións foi o libro «O vervo xido. Vervo xulicado de arghinas de Carouvo» ou, o que é mesmo, «O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo». Cando se lle fixo entrega do premio dedicoulle o libro a Miguel Anxo Mouriño nesa fala.
Miguel Anxo recorda que «abraiou o auditorio porque, cando chegou o momento do breve recital sobre o seu libro, non se limitou a ler ou declamar, como era esperable. El interpretou. E púxose tráxico, simpático, enfadado, cantou… Foi unha grande actuación».
Na súa crítica do libro, Armando Requeixo di que «Holocausto zacoe non un é libro de versos ao uso, é un urro esconxurador, o gargallo que cospe á cara dos seus executores o condenado a morte na súa derradeira xeira. Os poemas deste libro denuncian a actual doma e castración da nación zacoe, a súa sumarísima devastación por parte do Estado Maior das ZZ e o seu brazo armado, a Oficina de Asuntos Indíxenas, encargados de reducir a cinza a etnia aborixe zacoefalante».
Etiqueta:Calros Solla, Novembro con Taibo