BAR MOGIMES-Texto nº10 de Xosé Lois Vilar Pedreira.
Cando embarquemos en Panxón o martes 13, para percorrer mares de naufraxios e talasónimos a mares, treparemos lugares con memoria, neste porto é milenaria, comunicado, por cabotaxe, co Mediterráneo, o primeiro bo abrigueiro natural en moitas millas. Damos por suposto descargas de peixe, calafateo de gamelas, palangres a alistir, redes a secar e usos turísticos actuais. A memoria é menos obvia e ignora que, polo menos, durante 1938 aquí houbo o “Batallón de Trabajadores nº 21” e sabemos da relación nominal de vinte homes de distintos sitios de Galicia e do estado. A listaxe de presos era distinta da listaxe dos militantes que facían gardas cos carabineiros do posto de Panxón.
Homo homini lupus.
Uns cobraban 3 pesetas diarias por vixiar os que traballaban na estrada de subida a Monteferro e lle controlaban a súa vida: visitas, paquetes, correspondencia, horarios, asistencia a misa, zona de paseo, …
- estando prohibido dejarlos hablar con personas ajenas al servicio
- El recinto para pasear los detenidos comprende desde el Bar hasta la casa que tiene el anuncio de España y sus Colonias.
- la vigilancia de uno de los militantes, que estará atento a la conversación no permitiendo que lo hagan en voz baja.
Aquí, onde os presos non podían falar en voz baixa, até xullo do 36, houbo un potente sindicato mariñeiro que defendía dereitos laborais, sanitarios, … Catro dos seus mariñeiros foron asasinados o 16 de outubro do 36 na Volta dos Nove. Nin falar baixiño nin erguer o puño, pero o san Xoán Bautista saúda brazo en alto, man extendida en exhibición pública con música de militares e acompañamento civil e eclesiástico no 2019.
De que ano será a imaxe? Sabédelo?