O IEM exhuma restos que poderían pertencer a un concelleiro d’Arnoia asasinado por falanxistas en 1936.
A solicitude do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución Nº1 de Ponteareas, o Instituto de Estudos Miñoranos desenvolveu traballos de exhumación no cemiterio da parroquia de Filgueira, no concello de Crecente, en auxilio do forense Fernando Serrulla Rech, encargado do operativo. As pericias que tiveron lugar os días 22 e 23 de decembro, tiñan por obxectivo atopar os restos de César Alberto Domínguez, concelleiro d’A Arnoia, asasinado por falanxintas en novembro de 1936. Como resultado dos traballos, atopouse un conxunto de restos óseos correspondentes a un varón coincidente coa localización do emprazamento comunicado polas testemuñas orais recollidas no caso.
César Alberto Domínguez, de profesión carpinteiro foi concelleiro pola Frente Popular no Concello d’A Arnoia durante a República. Casado e pai de seis fillos foi secuestrado na medianoite do 29 de novembro de 1936 por dous membros da falanxe local. Segundo as testemuñas recollidas, o seu corpo apareceu flotando no Río Miño á altura do Vao, na parroquia de Filgueira. O cadáver foi atopado e recoñecido por unha muller que deu conta a unha familia de canteiros da zona.
Logo de intentar infructuosamente que o cadáver recibira sepultura legal no cemiterio parroquial, os tres canteiros (pai e dous fillos), decidiron saír pola noite a fin de soterrar a Domínguez pola súa conta. Tiveron que percorrer un afastado e dificultoso camiño en medio da escuridade para achegar o corpo do represaliado dende a beira do río ata o camposanto.
Para que os represores non se decataran do enterramento clandestino, desmontaron tres pasos dunha escaleira de pedra que comunica o adro da igrexa de Filgueira co antigo cemiterio. Colocaron o cadáver, sen caixón, e procederon a montar novamente a escaleira a fin de non deixar rastros.
A familia de César Domínguez deu conta da desaparición inmediatamente ás autoridades pero só tiveron novas do seu paradoiro doce anos despois. Foi durante un enterro cando Carme, filla do asasinado (nada en 1919), recibiu a información do lugar onde estaba soterrado o seu pai e as circunstancias nas que se fixo o mesmo.
A partir dunha nova denuncia da familia (xa tivera lugar unha causa militar sobre o asasinato do concelleiro que será publicada en breve), a xustiza ordenou a reapertura do caso e practicar as dilixencias pertinentes, dando conta das mesmas ao Ministerio Fiscal. No mesmo auto, encomendou ao IEM o auxilio aos traballos do forense, o que foi acometido pola Sección Arqueolóxica baixo a dirección de campo do arqueólogo Xosé Lois Vilar. Durante a escavación estiveron presentes familiares de César Domínguez.
Os restos atopados están agora a estudo do forense, Fernando Serrulla, do Instituto de Medicina Legal de Galicia. Posteriormente procurarase a identificación destes a través dunha comparativa do ADN cos descendentes de César Domínguez.