O antigo hospital de Sancti Spiritus de Baiona e a súa arquitectura barroca, por Xaime Garrido.
Texto orixinal publicado na Revista Nº2 do IEM(ano 2002) da autoría do arquitecto Xaime Garrido.
A NOTICIA.
O correspondente de La Voz de Galicia, Vicente Montejano, dicía no seu xornal o 3 de xuño de 1979: “DEMOLIDO EL HOSPITAL DE BAYONA PARA HACER LA CASA DE LA CULTURA. Instituído en 1645, era uno de los monumentos bayoneses con más tradición. Experimentó sucesivas reformas en 1679, 1759 Y 1806 … “. O mesmo correspondente, o 14 de agosto de 1979, co título “Con la demolición del Hospital de Caridad desaparece una pieza importante del patrimonio histórico baionés”, esténdese en máis detalles tomados de Crónicas Históricas de la Villa de Bayona, de Herminio González Ramos. Ao confusionismo do seu relato histórico, súmanse os erros de impresión e, o que é peor, a procura nos titulares dun sensacionalismo que non se corresponde exactamente coa realidade posterior.
{jathumbnail off}
Todos nos alarmamos un pouco ao principio e fomos correndo ao lugar do “delito”, podendo comprobar que as fachadas máis importantes, a norte e a do leste que dá á rúa, seguían en pé, o mesmo que o gran muro cego do sur que dá fronte á ex colexiata de Santa María. O que ocorría dentro non era visible desde o exterior.
Cun presuposto inicial de catorce millóns de pesetas doados polo Ministerio de Cultura para establecer unha Casa da Cultura en Baiona, o Concello decide restaurar o antigo hospital de Sancti Spiritus, que tiña partes ruinosas e outras con muros adicionais e entullos. O proxecto foi elaborado con toda urxencia, modificado posteriormente a medida que se realizaban as obras, polo arquitecto municipal Jesús Freijeiro Martínez. Actuou de conselleiro e aparellador das mesmas o tamén municipal Francisco Garcés Sánchez (autor das fotografías que se exhiben anteriores á restauración), e foron executadas por Construcciones ODEIN.
O 1 de marzo de 1980, no 487 aniversario da arribada á vila de Baiona da carabela “La Pinta” e II Día de las Provincias Gallegas, lévase a cabo con diversos actos e festexos a súa inauguración polo entón ministro de Cultura, Ricardo de la Cierva. Pero as obras non estiveron totalmente rematadas deica o 14 de agosto, en que se celebra no seu recinto a exposición Atlántica 80 sobre as últimas tendencias das artes plásticas en Galicia (arquitectura, escultura e pintura).
Con esta exposición, acompañada de conferencias relativas ao tema, os visitantes tiveron ocasión de comprobar o marco incomparable que ofrecía esta casa magnificamente restaurada cos seus salóns, vellas escaleiras de pedra, patio interior e zonas porticadas ao xardín, desde onde se observa, ao fondo, a silueta da antiga Colexiata medieval de Santa María.
Dende entón son moitas e interesantes as exposicións que se levaron a cabo nesta nova Casa da Cultura, aproveitada de tres antigos hospitais:
a.-Hospital Sancti-Spiritus
b.-Hospital de Sta. Ma Magdalena
c.-Hospitaliño do Apóstolo Santiago
A HISTORIA

Avila y Lacueva, que pasou a súa vida entregado ao estudo da zona sur de Pontevedra, no tomo 2° da súa obra Historia Civil y Eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado (inexplicablemente inédita desde o ano 1852) ao referirse a Baiona achéganos os datos máis antigos coñecidos do Hospital de Sancti Spiritus. Di: ” … también goza la Villa de un Hospital de pobres regularmente dotado con la invocación de Sancti Spiritus, el que antiguamente estuvo dividido en dos, el uno con dicho título, y el otro con el de Sta. María Magdalena según consta por el testamento que otorgó María Alfonso mujer de Vasco Yáñez vecina de la villa de la Guardia en el año 1458, pues en él deja algunas limosnas a ambos hospitales por las siguientes cláusulas: ltem mando al Hospital de Sancti Spiritus de Bayona; Item mando al otro Hospital de Sta. María Magdalena que está cerca de Sta. María de Bayona, cuyo testamento existe en el archivo de la casa de los Correas Señores de Goyán donde lo hemos leído”.
Se Avila y Lacueva nos achega a primeira noticia, é Herminio Ramos González, que ao seu paso pola alcaldía de Baiona se dedicou a investigar longos anos nos arquivos municipais, quen nos proporciona máis datos.
O primitivo Hospital de Sancti Spiritus estaba situado no que se denominaba Vila Vella, que viña albergar no século XVI e metade do XVII o maior grupo de poboación, e situábase no que hoxe chamamos campo da Palma, entre o convento de monxas dominicas e as murallas do recinto fortificado de Monterreal. Para asegurar a defensa da fortaleza, entre 1664 e 1665 levouse a cabo o derribo de máis de 400 casas que constituían a citada Vila Vella. Con anterioridade fórano o templo da Misericordia, o hospital Sancti Spiritus e a Casa Consistorial. A decadencia de Baiona faise máis patente aínda: de 2.000 veciños (uns 10.000 habitantes) que tiña na súa época de esplendor (século XVI), redúcese agora, con motivo dos derrubamentos, a 240.
En 1671 foi adquirida a dona Grimanesa Pereira de Castro, viúva do capitán Gerónimo Gómez de Meneses, unha casa con horta detrás e con saída á rúa Costanilla (hoxe M. Valverde ou do Hospital) por 400 ducados de vellón para Hospital de pobres do Espírito Santo. O licenciado e mordomo do Hospital, Juan Pereira Gallegos, principal artífice da citada compra, pagou en 1679 ao canteiro Domingo Fernández 816 reais por facer a parede frontispicio e entrada da porta principal do hospital. Desta data máis ou menos debe ser a construción da espadana ou campanario, así como a unión dos dous hospitais que cita Avila y Lacueva, o de Santa María Magdalena, que ben podería ser a casiña que fai esquina co patio interior pero sen horta (casa B no plano), e a casa adquirida (A no plano), de meirandes dimensións e con horta. Ao ano seguinte, en 1680, os frades de San Juan de Dios, que desde moi antigo rexentaban este establecemento, cedérono ao Concello para que o administrase. Daba sustento e aloxamento a oito pobres. O hospital de Sancti Spiritus tiña unha confraría do mesmo nome que o gobernaba, e cónstanos que xa existía en 1585, segundo documentos do arquivo dos

Señores de Cadaval de Nigrán.
No plano da praza de Baiona, datado n’A Coruña o 20 de agosto de 1790 e firmado por Antonio Bocarro co visto e prace de Fernando de Gaver, que se encontra no arquivo do Servicio Histórico do Exército, figuran como lindeiros o hospital de Santiago e o de Sancti Spiritus, estando o primeiro máis próximo á Colexiata.
A confraría do Apóstolo Santiago, que xa existía en 1571 segundo Herminio Ramos, posuía unha horta fronte á Colexiata, de par do hospital de Sancti Spiritus, onde se situaba o hospitaliño chamada de Santiago, que servía para dar abeiro aos peregrinos e pobres. Con toda seguranza, este hospitaliño con horta, onde existe hoxe unha vella e alta palmeira, sería o que figura como casa C nos planos que se acompañan do estado anterior á última reforma para a creación da Casa da Cultura.
Con motivo das reformas que se ían realizar no hospital de Sancti Spiritus, por encontrarse xa en ruína desde 1779, foi doada esta horta e hospitaliño ao antedito hospital en 1796, quedando así ampliado o solar ao que se nos ofrece na actualidade.
Transcribo a continuación a descrición que fai Avila y Lacueva da penúltima reforma que chegou deica os nosos días: “… y bajo la referida planta permaneció por mucho tiempo hasta el Pontificado del Sr. Ilmo. D. Juan García Benito, que este digno prelado reedificó el edificio para otro fin muy diverso, y ha sido para hospital y cura de enfermos pobres, fabricando al efecto dos buenas enfermerías para hombres y mujeres, y otra separada para personas de distinción, como también cerca de las mismas oficinas una habitación capaz para el capellán Mayordomo todas propias de un establecimiento de su clase, cuya obra estaba ya efectuada en junio de 1806; dándole por constituciones para su régimen y gobierno las que había formado para el de la Ciudad de Tuy, y para perpetuar memoria de esta nueva planta a que redujo el indicado Hospital se grabó un rótulo sobre una puerta interior de uno de los zaguanes o entradas en los términos siguientes: “El Ilmo. D. Juan Benito obispo y Señor de Tuy fundó y mandó hacer este Santo Hospital de Caridad en el año de 1806“. Este letreiro, esculpido nunha lousa de granito, consérvase no mesmo sitio na actualidade.
Madoz, no seu Diccionario geográfico estadístico de 1856, dinos que en Baiona se sostén un hospital que presta de continuo os seus auxilios a 405 enfermos. É de supor que fosen anuais.
O hospital sostíñase principalmente de doazóns e esmolas, así como das rendas que lle producían as súas propiedades repartidas en todo o Val Miñor (hortas, viñedos, etc.). O corso de Baiona contribuía así mesmo ao seu sostemento.
José de Santiago e Ulpiano Nogueira, no seu libro Bayona, antigua y moderna, de 1902, fannos o seguinte relato: “El modesto edificio tiene un espacioso patio y un huertecito contiguo; reina un perfecto aseo y limpieza en todos sus departamentos. Recordando su advocación del Espíritu Santo, existe sobre la puerta principal un pequeño camarín y hornacina que contenía una paloma radiante, símbolo del nombre que lleva el hospital”.
O 9 de xaneiro de 1907, por R. O. do Ministerio de Gobernación, é declarado de beneficencia municipal e administrado polo Concello. Polo 1912 as freiras franciscanas hospitalarias da Inmaculada Concepción instálanse nel para a asistencia e coidado de pobres e enfermos, e ultimamente dedicábanse ao ensino de párvulos.


A CASA.
Independentemente dos planos realizados polo arquitecto Manuel J. Freijeiro Martínez, autor da restauración do Hospital de Caridade para transformalo en Casa da Cultura, debuxei aparte outros, relativos ao edificio antigo, baseándome nos seus e nas fotografías tomadas polo Sr. Garcés, simplificándoos de tabiquerías e denominacións sobre os seus usos, para comprender mellor as sucesivas adicións e reformas. Na observación destes planos (planta baixa e primeira) distínguense claramente, polos seus muros de carga de grande espesor, tres edificacións distintas que se enumeran coas letras A, B e C e que se corresponden co relato histórico precedente.
Visto desde o exterior, o edificio parece un só, e isto é debido ás reformas que se fixeron nel nos anos 1679 e 1806, sobre todo nesta última data, na que se lle deu unidade ao conxunto, realizando entre outras cousas o muro s-m como continuidade do r-s.
A casa A, de baixo e primeiro piso, con 205 m2 de superficie cerrada en planta (total 410 m2), cun muro central de carga formando unha dobre cruxía con vans de 6 m. e unha zona porticada en formación dunha ampla terraza ou solaina ao xardín do fondo, é a que foi adquirida en 1671 a Dona. Grimanesa Pereira de Castro para instalar nela o Hospital Sancti Spiritus, que daquela carecía de local onde albergar os pobres. A fronte dá á antiga rúa da Costanilla (hoxe do Hospital), dúas das súas fachadas ao xardín e a cuarta parede, ao sur, sería cega ata as obras realizadas en 1679, en que se anexaría a casa B co seu patio e dependencias (D) que o rodeaban e que posiblemente servirían para cortes.
Esta casa B, formando esquina coa rúa do Hospital e a de Sta. Liberata, que pasa por diante da Colexiata, sería a do Hospital de Sta. María Magdalena; o seu solar en forma de cuadrilátero (k-p-u-I) ten un total de 250 m2 A súa fachada dá fronte ás escalinatas da rúa do Hospital que salvan un desnivel superior a 2 m. ; de aí o antigo nome de Costanilla. Isto obrigou a que a planta baixa dispoña de 36 m2 de superficie cerrada fronte aos 77 m2 en primeira planta, á que se entra tamén pola mesma rúa. Dispón dun balcón ao patio e unhas escaleiras de pedra que ben poden ser as primitivas. É de supor que a superficie restante e primeira (k-o-z-y-x-s-m-k) non foi habilitada ata 1806, en que se anexou a casa C e se realizou o muro (m-s) de distinta fábrica que os restantes. O muro de peche (z-y-x) é de perpiaño, o que proba a súa recente construción.


Finalmente, temos a casa e de 36 m2 de mala cachotería e coa súa horta, limitando ao leste co muro M e ao norte cun desnivel de terreo sostido por un muro de contención de máis de dous metros. Esta era a casa e xardín do hospitaliño do Apóstolo Santiago, doado pola confrarÍa do mesmo nome en 1796 para ampliación do entón futuro Hospital de Caridade, que terminou por englobar tres hospitais distintos. Esta casa, dada a súa pouca importancia arquitectónica, fíxose desaparecer na última restauración.

Se ben se descoñece a orixe exacta de cada casa, si coñecemos, tal como vimos de ver, as sucesivas ampliacións e obras realizadas nesta edificación que na actualidade, ao igualar todos os muros, recercados de ventás e continuidade de pórticos, nos sería totalmente imposible imaxinar non fose unha unidade no seu conxunto.
O camiño portugués da Costa pasaba por Baiona e o máis probable era que se destinase a hospital de peregrinos o chamado Hospitaliño do Apóstolo Santiago, xa que no interior do antigo Hospital Sancti-Spititus se conservan dúas tallas en pedra. Unha representa un peregrino e a outra é unha efixie do Apóstolo Santiago diante de Xesús Cristo crucificado. Todo este conxunto está enriba dun pedestal que máis ben parece un altar. Quizais sexa o que se erixiu en 1514 por bula do Papa León X, facultando o antigo Hospital a dicir misa no seu recinto para os pobres que albergaba.
As características arquitectónicas do edificio que chegou a nós son as propias da arquitectura civil galega da segunda metade do século XVII. Encadrado no estilo barroco, o seu elemento ornamental máis significativo constitúeo a espadana coas súas formas curvadas en espiral do pináculo e dos laterais, en forma de orelleiras. Outras peculiaridades que o identifican coa arquitectura pacega e de casas solarengas coetáneas son as seguintes:
a) En canto á súa planta, a existencia dunha gran balconada ou solaina cara á horta ou xardín, co piso formado por grandes lousas de pedra (2 m.) que se apoian en bastas trabes e piares de granito, de sección cadrada e sen labrar. Na parte superior os piares fanse máis esveltos, cadradas e con esquinas chanfradas.
b) A súa estructura está composta de muros combinados de cantería e cachotería, de grande espesor, coroados nas súas fachadas con ampla cornixa e saínte beiral constituído por dúas fiadas de tellas superpostas. A cantería utilízase nos esquinais, en pilastras verticais de enlace con muros transversais de carga, baseamentos, recercado de ocos e entablamento superior.
c) No seu aspecto decorativo destaca a carencia da exuberancia decorativa do barroco que é máis propia da arquitectura oficial e relixiosa, limitándose aquí aos resaltes da cantería vista: recercados de ventás con acobadados nos catro ángulos e na parte superior das portas, zócolo con dúas fiadas, esquinais e pilastras que a modo de capiteis sobresaen un par de centímetros sobre o entablamento, constituído á súa vez por un arquitrabe liso e unha cornixa con molduras en cuarto bocel (cuarto circular convexo) e en caveto (cuarto circular cóncavo).
A REFORMA.
Nas obras de restauración mantivéronse iguais as fachadas máis importantes: a do leste (á rúa) e a do norte. Ao primitivo muro cego de peche do sur non se lle tocou, simplemente rebaixouse a pendente do tellado cara ao lado da construción C que foi derribada, ofrecendo desta forma unha mellor perspectiva da ex-Colexiata. Polo que respecta á fachada oeste, mantívose a mesma solaina do edificio grande, coa súa columnata que se prolongou ao longo de toda a fachada, mellorando así o aspecto inicial e proporcionando desta forma unha unidade a todo o edificio. O patio central tampouco variou na súa estrutura, soamente se substituíron dous muros da parte alta recercando as súas fiestras igual que as das fachadas. Acondicionáronse os baixos, que estaban cheos de entullos, e demoleuse un muro antigo para ampliación dos locais. No edificio principal, o A, derribouse o muro de carga central para conseguir amplos salóns.
É de lamentar a substitución das interesantes varandas de ferro fundido das balconadas e escaleiras, que foron cambiadas por outras de ferro de barras lisas moi delgadas que resultan un tanto insulsas. Talvez fose motivado por un esaxerado afán de igualación do conxunto. Tamén desafortunadamente se fixo desaparecer a gran cheminea de granito coa súa correspondente lareira.
Na nova distribución disponse de amplos locais para gardería infantil, almacéns e instalacións en planta baixa, e para biblioteca, exposicións e conferencias no piso superior. O aspecto xeral da restauración é francamente bo e ofrece un marco extraordinario, como se puido comprobar coa exposición Atlántica 80, para todo tipo de actividades culturais.


BIBLIOGRAFíA CONSULTADA:
Arquivo do Servicio Histórico do Exército, Madrid.
Avila y Lacueva, Historia Civil y Eclesiástica de la Ciudad de Tuy y su Obispado, tomo 20, manuscrito de 1852.
Barreiro Troncoso, H., “Haciendo historia” (sobre o Hospital Sancti Spiritus), Faro de Vigo, marzo 1980.
Bonet Correa, A., La arquitectura en Calicia durante el siglo XVII, Madrid, 1966.
González Ramos, H., Crónicas históricas de la Villa de Bayona, Madrid, 1925.
Madoz, P., Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones en ultramar, Madrid, 1856.
Pereira Molares, A.M. , La arquitectura del pazo en Vigo y su comarca, Madrid, 1979.
Santiago, 1. de e Noqueira, U., Bayona. antigua y moderna, Madrid, 1902.
La Voz de Gaficia, 3 xuño e 14 agosto 1979.
Amor Moreno, Grato e Amor e Outros. “El Camino Portugués de la Costa”. 2002
Etiqueta:Hospital de Caridade, Hospital Sancti Spiritus