Acto de entrega do XV Premio de Poesía Victoriano Taibo
Sábado, 16 de marzo ás 19:30h
Auditorio Lois Tobío (Gondomar)
O Concello de Gondomar, a editorial Galaxia e o Instituto de Estudos Miñoráns convocan as persoas interesadas a asistiren ao acto de entrega do XV Premio de Poesía Victoriano Taibo, galardón que recaeu na poeta viguesa Masha Álvarez polo poemario titulado Dakota, publicado pola Editorial Galaxia.
Esta obra, que constitúe o debut literario de María Álvarez Martínez, Masha, vén nacida da súa estancia de dous anos como profesora de castelán nos Estados Unidos, en concreto na localidade de Sioux Falls, no estado de Dakota do Sur, que dá nome ao poemario. O xurado definiuna como «unha audaz xeopoética do desarraigamento onde se destaca a memoria da infancia, os lazos familiares e os espazos compartidos coas mulleres e homes que a precederon. Unha acertada descrición da saudade, que revoga os tópicos da emigración cun revelador diálogo interxeracional. Destaca asemade o emprego dunha linguaxe aparentemente coloquial que acaba desvelando un profundo lirismo. Unha obra, en fin, onde os patios representan o espazo sensitivo e familiar onde acubillarse do xeado estrañamento da distancia». En palabras da propia autora sobre esa xeopoética: «En Dakota volvo á vila onde vivín dous anos, Sioux Falls, SD. Falo do frío e da neve, dos quilómetros, das ruínas e das flores, dunha historia de amor dun cura da miña familia, dos santos da igrexa de Crecente, dos estados norteamericanos que están delimitados por liñas rectas nas súas fronteiras, do home de Bermés que inventou o metro nas Pitiusas, dos indios que beben na estrada de Whiteclay, Nebraska, do Mississippi e dos pobres cos que vivín porta con porta nun edificio de protección oficial. Dakota é un acubillo de lugares, de preguntas e tamén de oracións, de olores e fotografías que non saquei. Por iso escribo. Para que queden aquí, nalgún sitio. Porque, como di meu irmán, “a xeografía física xa é poética de por si”».
A autora
María Álvarez Martínez, “Masha”, Vigo 1983, é Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo. Actualmente exerce como profesora de secundaria no IES Martaguisela do Barco de Valdeorras. Leva toda a súa traxectoria ligada ao ensino secundario, residindo dous anos nos Estados Unidos e desenvolvendo o seu labor en colexios de inmersión lingüística, como o Rosa Parks ou o Sonia Sotomayor, pertencentes ao Sioux Falls School District en Dakota do Sur, o que sen dúbida inspirou o poemario gañador do XV Premio de Poesía Victoriano Taibo de 2023. A autora xa ten acadado galardóns coma o primeiro premio do I Certame Ínsua e o Liño en 2021 e o terceiro premio no XXXIII Certame Internacional de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro de Cornellà en 2020, compartindo elenco con voces xa consagradas da nosa literatura, como Lupe Gómez, Marcus Daniel Cabada e Fran Fernández Davila, gañador do XII Victoriano Taibo no ano 2019.
Natural de Vigo e con vínculos co Rosal e A Guarda, Masha Álvarez vive dende hai dous anos e medio a cabalo entre Arcade e Lalín «porque, como din nos EEUU, home is where the heart is». Tamén compaxina o seu labor profesional cunha carreira musical dentro do grupo Os Residuos Atractivas, onde toca a gaita dende hai 13 anos. Segundo ela mesma afirma, «gústalle a poesía humilde, pasmar, pensar e escribir cando hai necesidade, porque ela, coma John Dunbar, tamén sente a pulsión de ir ver a fronteira, antes de que desapareza».
Dende o Instituto de Estudos Miñoráns queremos ofrecerlle a Masha a nosa máis calorosa benvida á familia do Premio Victoriano Taibo, alegrándonos ademais de que a súa primeira publicación sexa nunha plataforma tan sobranceira coma a Colección Dombate da Editorial Galaxia.
Desenvolvemento do acto
O acto será presentado e conducido por Pedro Rodríguez, director de Teatro do Ar. O premio está dotado con 4000 € e unha peza escultórica, obra do artista miñorán Fino Lorenzo e fabricada desinteresadamente pola carpintería Meixoeiro. Este evento cultural, que terá lugar no auditorio Lois Tobío, en Gondomar, o sábado 16 de marzo ás 19:30 horas, estará amenizado pola pianista Lucía Doval. Neste acto intervirán o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira; o director do IEM, Juan Hermida; Miguel Mouriño, presidente do xurado e Marcos Calveiro, Director de Edicións da Editorial Galaxia. Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros
terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural. Foi poeta das Irmandades da Fala, en cuxo movemento participou de xeito moi activo. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Á parte dunha abundantísima obra espallada, publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lendas (1956); deixou inéditos dous volumes de poemas, Abicedoe Cabrinfollas, publicados en 2008 por Armando Requeixo; neste mesmo ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do mundo da cultura.