AS LERIAS DO MOUCHO CON XOSÉ LOIS VILAR
AS LERIAS DO MOUCHO E A GAVELA DO GUILLADE.
A radio do IEM
Así comezou o IEM a facerse ouvir no Val de Miñor, aló polo ano 2000. Primeiro na emisora local da Radio de Nigrán coas “Lerias do moucho”, e despois na emisora de Onda Cero de Baiona coa “Gavela do Guillade”.
Neste ano 2024 que encetamos hai uns días o Instituto de Estudos Miñoráns esta de aniversario. Van aló 25 anos dende que nacera esta asociación cultural que neste camiño leva feito un bo fato de actividades a prol da cultura e a lingua galega. Dende o local ao universal, homes e mulleres que traballan para estudar, coñecer, defender e divulgar o noso patrimonio en toda a súa extensión.
Este será un ano de facer memoria e de ir lembrando de onde vimos e cara onde imos. Do feito e do que queda por facer, e de ir amosando algunhas das cousas que xa forman parte da historia do noso Val de Miñor. De lembrar ás amigas e amigos que xa non están con nós, e de agradecer a todas e todos os que nos acompañaron e acompañan nas nosas actividades. De agradecer o apoio de amigos e institucións, das socias e socios que están sempre aí e dos compañeiros/as que ao longo deste anos tiveron a ben dedicar o seu tempo ao común, sempre de xeito altruísta e sen pedir nada a cambio.
A radio local de Nigrán foi un dos primeiros altofalantes nos que se escoitou o nome do IEM, da man de Juan González, Lino Pellitero e Carlos Méixome, membros da primeira directiva do recen nado Instituto de Estudos Miñoráns.
É Lino Pellitero o que nos lembra con este texto ese intre:
O nacemento do IEM acontece xusto no cambio de século. Daquela, en Nigrán existía, dende un lustro antes, unha emisora municipal. As súas ondas regaban todo o Val de Miñor e, por tanto, consideramos que a súa existencia era una fantástica oportunidade para de cumprir co principal obxectivo do IEM: a difusión da cultura galega. Entusiasmo, enerxía, iniciativas, propostas… estaban intactos na época, e desde a concellaría de cultura de Nigrán abriron as portas a nosa colaboración, que se materializou ao través dun programa nocturno que se deu en chamar “As Lerias do Moucho”. Título acaído para unha proposta radiofónica de conversas e información cultural. Os mouchos teñen representado no devir da historia de moitas civilización a tradición oral, a intelixencia e a cultura.
O Concello de Nigrán cedía as instalación, puña a nosa disposición aos técnicos que axiña se implicaron no proxecto. Tres éramos os habituais presentadores. Carlos Méixome adoitaba facer as análises literarias, o perfil humano e social dos convidados, os contextos históricos… Juan González dáballe un verniz humano, cordial, ameno que calquera entrevista debe ter. A min correspondíame mergullarme nas biografías, nas publicacións nos medios, nos contornos persoais, para procurar que o programa tivese orixinalidade, profundidade e mesmo, sorprendese, aos nosos convidados.
Foi unha experiencia fantástica. Gozábamos coa presencia, sabedoría, traxectoria… dos nosos convidados. Carlos Casares, Del Riego, Marta Dacosta, Cristina Fernández, Xosé Lois Vilar, Alfonso A. Cáccamo… foron algúns dos convidados que padeceron os nosos interrogatorios. Mais a verdade, teño a impresión que todos eles se sentiron moi cómodos e tamén implicados coas “Lerias do Moucho” e, por tanto, do IEM.
A fin da Radio Municipal de Nigrán no 2000 significou a fin das “Leria dos Moucho” unha tranquila, apracible e relaxada sintonía nocturna que xa tiña os seus adeptos.
Mais a vocación radiofónica do IEM, resucitou ao pouco en Baiona, baixo o título de “A Gavela do Guillade”, na emisora local de “Onda 0”. O inesquecible correspondente de Atlántico Diario, Pepe Costas, foi o noso valedor na emisora e fiel acompañante nas radiodifusións. Tamén tivemos una nova incorporación do IEM: María Xosé González Chamorro, acotío debullaba a orixe dos topónimos do Val de Miñor, sendo o nexo de conexión entre as diferentes intervencións.
A emisión desde Baiona, permitiu incorporar a axenda dos programas, momentos e vivencias máis intimistas cos convidados cando remataban as gravacións. Alí, nun bar da Rúa Ventura Misa, os faladoiros deixaron inesquecibles pousos de agradable sabor intenso.
Neste mes iniciamos a reprodución na nosa páxina web e na nosa canle de YouTube dos programas daquela emitidos. Comezaremos por orde cronolóxica cunha frecuencia de dous por semana, os días luns e venres, ata rematar. Unha vez subidos todos estarán ao dispor de quen os queira ouvir na nosa páxina.
Primeiro episodio das Lerias do Moucho con Xosé Lois Vilar como invitado o 23 de agosto 2000.
Fai click AQUÍ ou na imaxe para acceder á primeira parte do episodio.
Fai click AQUÍ ou na imaxe para acceder á segunda parte do episodio.