MARTA DACOSTA PECHA O CICLO LITERARIO MIÑORÁN DO 2023
MARTA DACOSTA PECHA O CICLO LITERARIO MIÑORÁN DO 2023
O Instituto de Estudos Miñoráns celebra este venres 15 de decembro coa poeta Marta Dacosta, acompañada de Fran Fernández Davila.
A escritora miñorá máis galardoada pecha o Ciclo Literario Miñorán de 2023 cunha conversa e un recital poético o vindeiro venres 15 de decembro. Ás súas obras “Crear o mar en Compostela” premio de poesía O Grelo 1993; “Pel de ameixa” Premio González Garcés 1995; “Setembro”, premio Martín Códax 1998; “En atalaia alerta”, accésit do Premio Esquío 1999; “As Amantes de Hamlet” (2003); “Cinza” (2009); “Acuática alma” (2011) ; “Argola”, Premio de poesía O Figurante 2013, “Dun lago escuro”, Premio Johán Carballeira, 2013 (2014), “Na casa da avoa” (2017), “Labirinto ou memoria” (2018), “Notas sobre a extinción” (2021), mestúranse entre libros de viaxes como Baixo Miño, traballos de investigación sobre a sintaxe do galego medieval, estudos sobre a obra poética de Manuel María, X. L. Méndez Ferrín ou Victoriano Taibo ou a antoloxía de xénero “Así fala Penélope”. A súa última obra “Papaventos abismados”, aínda inédita, vén de gañar o IV Premio de Poesía Filomena Dato no Concello de Bergondo.
Os actos, de acceso libre ata completar aforo, comenzarán ás 20 h nas instalaciones do IEM.
O Ciclo Literario Miñorán é un reflexo do compromiso do Grupo de Promoción do Uso do Galego co enriquecemento cultural e a difusión da literatura no Val de Miñor.
ENTREVISTA A MARTA DACOSTA
1. Que che inspira a escribir?
Escribir é un impulso. Talvez a necesidade de reter unha emoción e, ao tempo, de enfrontala, colocala fóra de nós, para comprender as súas dimensións e consecuencias.
Se a pregunta é que motor pon en marcha ese mecanismo, son múltiples, todos os que producen un desequilibrio descendente ou ascendente: as inxustizas e a beleza, a dor ou a calma.
2. Cal é a palabra que mais che proe?
A lingua é tan rica que non me podo quedar con unha.
3. Como elixes os temas para as túas historias?
Xorden desa necesidade de capturar esa emoción. Na escrita poética ás veces é o tema o que nos atopa a nós. Quero dicir que non imos atrás dun tema que queiramos tratar, senón que os textos nacen e, daquela, descubrimos os temas que nos ocupan. Outras veces si que ideamos un fío argumental e temático que imos percorrendo, mais, no meu caso, non é o proceso habitual.
4. Poderías compartir algunha anécdota relacionada coa creación dun dos teus
libros?
En relación coa pregunta anterior, cabería sinalar que a escrita de Argola foi deliberada e planificada, un libro que se escribiu nun outono cunha protagonista e unha historia que, cos avances arqueolóxicos, acabou por se adaptar ao lugar en que a imaxinei, a costa de Oia.
5. Cal é o teu libro favorito entre os que escribiches e por que?
Non teño un. Normalmente o último, porque te vas desprendendo dos anteriores até lelos coma se non fosen teus e recoñeces neles o que xa non escribirías.
6. Que é o máis bonito que che dixeron sobre a túa obra?
Pois non lembraba estas palabras do colega e amigo Rafa Vilar, mais revisando os inicios atopeinas. Escribiu isto en 2004 para a reedición do meu primeiro libro: “A poesía de Marta Dacosta é unha poesía intelixente en si mesma, que non abusa da carga retórica nin tampouco da tentación do sentimentalismo. Posúe unha gran forza expresiva, dada por unha construción da linguaxe na que o ritmo é crucial. En paralelo a isto, aborda os temas (tanto os universais como os máis propios e íntimos) con absoluta implicación, entregando uns poemas que zumegan autenticidade, lonxe de imposturas ou artificios vans.”
7. Cóntanos un momento particularmente desafiante que enfrentaches ao escribir e como o superaches.
Na poesía o desafío é teimar en construír un libro a sabendas de que a publicación será difícil, talvez por iso unha acaba por recorrer a un premio literario do que comproba, en primeiro lugar, se haberá publicación e, mesmo, que editora publicará.
Houbo un momento na miña traxectoria en que valorei enviar un libro a unha editorial, que amabelmente declinou a publicación do meu libro, eu presenteino a un certame literario e resultou gañador, falo de Setembro. Anos máis tarde, volvín tentar publicar coa mesma editorial e volvín recibir outra resposta amábel, o libro quedou no caixón e se publicou un par de anos máis tarde e aínda lin recentemente un fermoso comentario dunha lectora. Falo de Labirinto ou memoria.
8. Hai algunha mensaxe ou lección importante que esperas que as/os lectoras/es atopen nas túas obras?
Agardo que conecten co tema que trato e as e os convide a reflexionar.
9. Que libro estás a ler estes días?
Unha novela histórica, Inês de Castro de Isabel Stilwell, e o poemario Libre de libro do Leo.
10. Se tiveses que escoller unha peza musical para un dos teus libros, que libro sería e cal sería a peza?
Sherezade de Korsakov para Na casa da avoa
11. Se a túa paixón non fose a escrita, cal sería?
A interpretación.
12. Como manexas o equilibrio entre vida persoal e escritura?
Desatendendo as tarefas domésticas. Suponse que, sendo muller, deberían preocuparme moito e non deixalas de lado. Mais necesito tempo para outras actividades que si son construtivas para min. Así que, como non se pode atender a todo, eu desatendo o doméstico. Era esta a pregunta?
13. Tes algunha superstición ou hábito peculiar que acompañe o teu proceso na escrita?
Cada vez menos. En tempos escribía nunha libreta a man. Agora escribo en calquera soporte, moitas veces na aplicación keep do teléfono.
14. Que papel xoga a túa contorna e as túas experiencias personais nos teus libros?
En fin, eu fago boa aquela frase de que non convén ter unha escritora na familia, porque se aproveita de todo canto pasa por diante de si para escribir, sexa a lingua ou a vida. E con toda a lexitimidade, porque niso coincido con Ferrín, en que todo pode ser materia literaria.
15. Que cambios deberían implementarse na industria editorial para que as/os escritoras/es poidan adicarse exclusivamente a escribir, sen preocupacións financieiras?
Tería que haber unha industria editorial que traballase dese xeito, pero creo que nin en Galiza, nin polos arredores, atopamos iso. Só hai casos contados de autoras/es que lles son rendíbeis á editorial e/ou que tiveron fortuna e conseguen compaxinar a escrita con outras actividades ligadas ao literario que lles permiten sobrevivir con algunha dignidade. Mais son fabas contadas. Non só tería que cambiar a industria editorial, senón que tería que mudar a consideración da cultura, o valor que se lle dá, o apoio que recibe das institucións, etc. Non pode depender só do mercado ao que se somete unha empresa, que iso é o que é unha editorial.
16. Cal sería a pregunta que quiseras che formulasen durante unha entrevista?
Pois talvez cabería preguntarme: cres que o teu compromiso e a túa transparencia á hora de manifestar as túas opinións e ideas favorece ou prexudica a túa práctica literaria?