Non aos Parques Eólicos na Serra da Groba e do Galiñeiro!
O IEM retoma a súa campaña informativa no Val de Miñor e no Baixo Miño
Coincidindo coa suavización das restricións COVID19 de mobilidade e reunión o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) retoma a súa campaña informativa interrumpida nos derradeiros meses a causa das limitacións establecidas polo goberno galego.
A instalación de 7 parques eólicos no Val de Miñor e o Baixo Miño, 6 deles (44 aeroxeradores) na Serra da Groba e outro máis (13 aeroxeradores) no Galiñeiro supón unha ameaza real que preocupa a unha poboación que, cada día con máis interese, reclama información veraz e detallada.
O IEM ponse a disposición das entidades e colectivos (Comunidades de montes, asociacións de veciños e veciñas, centros de ensino -profesorado e alumnado tanto de primaria como de secundaria-, ANPA,s…) do Val de Miñor e do Baixo Miño interesadas e se ofrece para a organización de faladoiros ou charlas informativas nas que se detalla a realidade inmediata desde cada comunidade local ou parroquia ata ofrecer unha visión global de Galicia e mesmo do estado español analizando o actual modelo enerxético, valorando as avantaxes e inconvenientes da enerxía eólica, informando sobre os cambios no marco xurídico e a dubidosa legalidade dos procedementos administrativos promovidos pola Xunta de Galicia, e ofrecendo alternativas adaptadas á nosa realidade.
E se nun futuro inmediato as condicións COVID o permitisen organizaríanse obradoiros, saídas didácticas e xeiras (visitas guiadas) pola Serra da Groba.
O obxectivo fundamental desta campaña é alertar dos prexuízos á cidadanía, ao Medio Ambiente e ao Patrimonio así como das irregularidades na tramitación dun gran parque eólico na Serra da Groba coa fragmentación fraudulenta do megaproxecto en seis unidades máis pequenas (parques eólicos “Albariño I”, “Rosal”, “Merendón”, “Toroña”, “Torroña I” e Torroña III”) que comparten espazo físico e infraestruturas coa evidente intención de esquivar a lexislación vixente na procura do mellor beneficio para as empresas promotoras.
Paralelamente o IEM continúa coa súa actividade investigadora e de divulgación no seu espazo web iem.gal , a través das súas RRSS e coa recollida de sinaturas en formato papel e tamén en http://chng.it/vZsv2DBtQC
Val de Miñor, marzo de 2021