Entrega do XIV Premio de Poesía Victoriano Taibo
O Concello de Gondomar, a editorial Galaxia e o Instituto de Estudos Miñoráns convocan as
persoas interesadas a asistiren ao acto de entrega do XIV Premio de Poesía Victoriano Taibo,
galardón que recaeu no poeta ourensán Javier Rodríguez González polo poemario titulado
Xeración (Breve tratado de males inespecíficos).
O xurado valora que a obra constitúe a crónica dunha xeración que se trascende a si mesma,
chegando a expresar un auténtico manifesto contra a cultura da cancelación na medida en que
a memoria, tamén a recente, marca o momento actual e proxéctase nun diálogo cara ao futuro.
O poemario contén un alto interese histórico-cultural, ao mesmo tempo que se expresa cun
léxico depurado e un ritmo áxil, ofrecendo unha proposta poética do devalar da existencia.
A obra gañadora será publicada na colección Dombate da Editorial Galaxia, onde a
organización deséxalle o mesmo éxito que “Antese”, de Arancha Nogueira, poemario gañador
do ano anterior, que xa vai pola segunda edición. A entrega do premio e a presentación do libro,
editado por Galaxia, terá lugar o día 22 de abril de 2023. O acto será presentado e conducido
por Pedro Rodríguez, director de Teatro do Ar. O premio está dotado con 4000 € e unha peza
escultórica, obra do artista miñorán Fino Lorenzo, fabricada desinteresadamente pola
carpintería Meixoeiro. Neste evento cultural intervirán o alcalde de Gondomar, Francisco
Ferreira, e representantes da Editorial Galaxia e do Instituto de Estudos Miñoráns.
O autor
Javier Rodríguez González naceu en Ourense en 1983 e é licenciado en Filoloxía Hispánica
pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Ciencias Relixiosas pola
Universidade Pontificia de Salamanca. Funcionario de carreira, traballa desde hai anos como
profesor de Ensino Secundario no IES Mariano Quintanilla (Segovia). No seu libro Preludio a
la ceguera (Eurisace, 2014) recóllese gran parte da súa produción escrita en galego e castelán.
Tamén colaborou con poemas, recensións e textos ensaísticos en revistas como “Encrucillada”,
“Pedra de Muíño”, “O Cobaia”, “Rudesindus”, ou “Auriensia”. En galego ten gañado varios
premios, como o VII Certame Literario Concello de Ames (2010), o XXVI Certame de Poesía
Feliciano Rolán (2012), o VI Certame Literario Terras de Chamoso (2013), o Certame a Pipa
Alta Montaña Luguesa (2013), VII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro (2019), III
Premio de Poesía Eduardo Pondal (2021) e o V Premio de Poesía Eloy Lozano (2021). En
castelán destaca o Premio Internacional de Poesía Miguel Hernández-Comunidad Valenciana
(2021).
Victoriano Taibo
Poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século
XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural. Participou moi activamente
no devandito movemento das Irmandades. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da
Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Á parte dunha
abundantísima obra espallada, publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira
(1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lendas (1956); deixou inéditos dous volumes
de poemas, Abicedo e Cabrinfollas, editados por Armando Requeixo e publicados baixo o selo
da Editorial Follas Novas en 2008; neste mesmo ano recibiu unha homenaxe en Morgadáns,
lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo
reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle
interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do
mundo da cultura.