
Parque Eólico “Rosal”. Xa o temos aquí!
O IEM manifestase claramente EN CONTRA do Modelo Enerxético da Xunta de Galicia e posicionase CONTRA a instalación dos PARQUES EÓLICOS da SERRA DA GROBA.
O pasado venres publicouse na web da CMTV (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) da Xunta de Galicia o DOCUMENTO DE INICIO da TRAMITACIÓN AMBIENTAL o Parque Eólico “ROSAL” do que é promotora a mercantil “Green Capital Development VIII S.L.” Este Parque Eólico “ROSAL” é unha das seis pezas nas que se fragmenta a megainstalación que pretende invadir a Serra da Groba con 44 aeroxeradores.
Logo dunha primeira lectura do documento publicado destacamos os seguintes aspectos:
- O Parque Eólico “ROSAL” consta de dous aeroxeradores VESTAS de 5,6 MW cada un (11,2 MW é o total deste parque).
- As coordenadas dos aeroxeradores, da torre meteorolóxica e da subestación coinciden coas publicadas no REXISTRO EÓLICO DE GALICIA da CMTV.
- Os aeroxeradores constan dun poste de 119 m e teñen un diámetro de varrido de 162 m (3 pas de 79,5 m de lonxitude)
- A torre meteorolóxica prevista terá unha altura total de 134 m
- Para soterrar o cableado de interconexión entre os elementos do parque construiranse 1.156 m de gabias de 1,2 m de profundidade.
- As liñas de evacuación da enerxía eléctrica producida neste parque non están contempladas neste documento. Serán posteriormente definidas nun proxecto específico.
- Cada un destes aeroxeradores asentarase nunha base circular de formigón e ferralla de 21,7 m de diámetro e 2,3 m de profundidade.
Desde o IEM seguiremos moi de preto o desenvolvemento dos procedementos administrativos desta aberrante pretensión de inzar a Serra da Groba de aeroxeradores de enerxía eléctrica e opoñerémonos firmemente á construción destes seis parques eólicos.
- Porque as obras de instalación (pistas, movementos de terra, escavacións, explanacións… ) destrozarán para sempre a paisaxe natural da nosa serra
- Porque atentan directamente contra a biodiversidade (fauna, flora) e os cursos de auga da Serra da Groba
- Porque desprezan o noso patrimonio natural, cultural, histórico, arqueolóxico, e etnográfico
- Porque non son alternativa enerxética. Non nos liberarán do consumo de petróleo ou gas
- Porque forman parte dun Plan Eólico amparado pola “Lei de Depredación” e claramente deseñado para favorecer ás grandes empresas a costa da cidadanía
- Porque non é certo que xeneren riqueza nos concellos e comarcas afectados
- Porque non é certo que xeneren postos de traballo estables nin que axuden a fixar poboación no rural
- Porque hai alternativas
- Porque hai outras fontes de enerxía e outros modelos enerxéticos, económicos e sociais!
NON AOS PARQUES EÓLICOS NA SERRA DA GROBA!