DO INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORÁNS (IEM)
CAPÍTULO I : DO INSTITUTO EN XERAL
Artigo 1. CONSTITUCIÓN
A Asociación sen fin lucrativo denominada Instituto de Estudos Miñoráns, constituída en Panxón (Nigrán) o día 27 de outubro de 1999 , ao abeiro do establecido na lexislación vixente coas particularidades contidas nestes Estatutos, e inscrita inicialmente en data 10 de xaneiro de 2000 no Rexistro Público de Asociacións da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais nº 5134 Secc. 1ª con NIF G 36867471, ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar. A Asociación terá duración indefinida e disolverase só por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria ou por calquera das causas previstas nas leis e nos presentes Estatutos.
Acordou en Asemblea Xeral de data 9 de decembro de 2016 a modificación do seu réxime xurídico, de conformidade co establecido no artigo 48 do Real Decreto 949/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.
Artigo 2. RÉXIME XURÍDICO
O IEM rexerase polos presentes Estatutos, pola Xunta Directiva e pola Asemblea Xeral, que sempre será decisiva para interpretar os preceptos destes Estatutos, e sempre someténdose á normativa legal que estea vixente en materia de asociacións.
Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante os acordos que validamente adopten, dentro das súas respectivas competencias, a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.
Artigo 3. DOMICILIO SOCIAL
O domicilio social queda establecido na Aula de Cultura “Ponte de Rosas”, Avenida da Feira, 10, baixo, 36380 Gondomar.
Artigo 4. ÁMBITO TERRITORIAL
O seu ámbito preferente de actividades será a Comarca do Val Miñor e Galicia. Ademais, farao noutros ámbitos territoriais que, por afinidade coa cultura galega, ou outras circunstancias, conveña facelo.
Artigo 5. LINGUA
O idioma propio de IEM é o galego que se rexe pola normativa oficial vixente Todos os seus documentos serán redactados en galego, salvo aqueles que impliquen unha relación coa Administración Central do Estado ou con organismos non radicados en Galicia, que serán bilingües, galego e castelán.
Artigo 6. OBRIGAS DOCUMENTAIS
A Asociación disporá dos seguintes documentos:
- Unha relación actualizada das persoas asociadas.
- Documentación contable que permita obter a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da Asociación, así como das actividades realizadas. Tal contabilidade levarase de conformidade coa normativa especifica que resulte de aplicación.
- Inventario dos seus bens.
- Libro das Actas das Reunións dos seus órganos de goberno e representación.
CAPÍTULO II : FINS, SECCIÓNS E ACTIVIDADES
Artigo 7. FINS
Promover, fomentar e realizar aquelas accións voluntarias orientadas ao estudo, investigación, conservación, mantemento, divulgación e defensa de todos aqueles valores históricos, artísticos, antropolóxicos, etnográficos, naturais, etc., que dan contido de seu e singularidade á Comarca do Val Miñor e a Galicia, prestando unha especial atención á defensa e promoción da lingua galega.
Artigo 8. SECCIÓNS
Para o cumprimento dos seus fins poderán crearse cantas Seccións de Traballo estimen convenientes tanto a Xunta Directiva como a Asemblea Xeral.
O Instituto estrutúrase inicialmente nas seguintes Seccións:
- -Xeografía e Historia, Arqueoloxía e Etnografía
- -Filoloxía e Literatura
- -Arte, Arquitectura e Urbanismo
- -Ciencias Físico-Naturais e Estudo do Medio
- -Arquivo Fotográfico e Fonográfico
- -Arquivo de Documentación
- -Toponimia
- -Biblioteca
- -Teatro
Os membros do IEM poderán participar nas Seccións máis acordes aos seus intereses.
Cada Sección elixirá o seu Director, que será responsable do bo funcionamento ante a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
Os posibles beneficios obtidos polo IEM, derivados do exercicio de calquera actividade, deberán destinarse exclusivamente ao cumprimento dos seus fins.
Artigo 9. ACTIVIDADES
Para levar a cabo os seus fins, o IEM valerase, a título meramente enunciativo, das seguintes actividades e medios:
Actos, xornadas, seminarios, cursos, encontros, exposicións, mesas redondas, etc., sobre materias relacionadas, directa ou indirectamente, cos fins do IEM.
Unha páxina Web e os correos electrónicos dos asociados como medio de difusión e intercomunicación entre a Asociación, a Xunta Directiva e os asociados.
Unha Biblioteca que reúna toda a documentación e información posible sobre o Val Miñor, para convertela na Biblioteca de referencia sobre el. E ademais procurará tamén ter outras publicacións pertinentes relacionadas coas seccións.
A consecución de publicacións, comunicacións, noticias, estudos, traballos, investigacións, etc, para a súa Biblioteca.
A firma de Convenios de Colaboración con particulares, Asociacións e Institucións Públicas ou Privadas, que permitan o desenvolvemento de proxectos, investigacións e traballos relacionados co seu obxecto social.
Constitución de Comisións de traballo, de estudo, de análise e de reflexión.
Produción e uso de todo tipo de materiais audiovisuais e impresos.
Publicación da Revista anual (REM) sobre o Val Miñor, recollendo as actividades desenvolvidas polo Instituto nese período.
Publicar primordialmente obras que estuden os diversos aspectos do Val Miñor e obras de creación literaria de autores nados ou afincados no noso Val e aquelas que a Xunta Directiva estime oportuno.
Formulación, proposición e reclamación de actuacións públicas e privadas que defendan o patrimonio material e inmaterial do Val Miñor e da súa contorna.
Organizar viaxes, xeiras, visitas, andainas, actividades educativas, etc., para dar a coñecer todos os valores do Val Miñor e ouros lugares de interese.
Promoción de premios que estimulen a creatividade.
Asesoramento aos concellos do Val Miñor e contorna.
CAPÍTULO III : DOS MEMBROS
Artigo 10. REQUISITOS
Para adquirir a condición de persoa asociada requírese ser persoa física ou xurídica e ter interese no desenvolvemento dos fins da Asociación.
As persoas físicas deben ser maiores de idade ou menores emancipados con capacidade de obrar e non estar suxeitas a inhabilitación ou condición legal para o exercicio do dereito ou consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade
Os menores de máis de 14 anos non emancipados necesitan o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade.
As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán o acordo expreso do seu órgano competente, e as de natureza institucional, o acordo do seu órgano reitor.
Poderán ser persoas asociadas aquelas que sexan admitidas pola Xunta Directiva.
As persoas solicitantes rexeitadas poderán recorrer diante da Asemblea Xeral.
Artigo 11. TIPOS
Haberá tres clases de persoas asociadas :
Ordinarias
a) As persoas xurídicas legalmente constituídas cuxo obxecto social sexa a realización dalgunha actividade relacionada cos fins do IEM ou que concorden con eles. Estas estarán representadas pola persoa designada a tal efecto pola Institución.
b) As persoas físicas que teñan interese en participar pasiva ou activamente nos seus fins.
Protectoras
Ademais dos requisitos das anteriores, deberán prestar desinteresadamente un especial apoio económico, funcional ou material ao IEM.
De Honra
Son aquelas persoas ou Institucións que, gozando dun destacado prestixio intelectual, cultural e social, sexan propostas pola Xunta Directiva.
Artigo 12. DEREITOS
As persoas asociadas terán dereito a :
Participaren activamente nas actividades que desenvolva e promova o IEM e nos Órganos de Goberno e Representación, así como a asistiren á Asemblea Xeral, de acordo cos Estatutos, e aos actos sociais e institucionais que se organicen para todos os socios.
Seren electoras e elixibles para ocuparen cargos na Xunta Directiva
Seren informadas sobre a composición dos Órganos de Goberno e representación do IEM.
Seren convocadas, asistiren e exercitaren o dereito de voz e voto nas Asembleas Xerais.
Formularen suxestións, propostas e inquedanzas encadrables dentro dos fins do IEM, así como elevar proxectos, ideas, investigacións e alertas que consideren de interese xeral.
Participaren nas actividades organizadas polo IEM.
Recibiren comunicacións por email e por outros medios que envíe a Xunta Directiva ou outro órgano dela dependente.
Seren informadas dos acordos adoptados polos Órganos Directivos que afecten ás actividades e fins xerais do IEM ou especificamente á persoa solicitante.
Seren ouvidas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e seren informadas dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
Impugnaren os acordos dos órganos do IEM que estimen contrarios á lei ou aos Estatutos
Dárense de baixa en calquera intre.
Artigo 13. OBRIGAS
Compartiren as finalidades do IEM e colaborar, desinteresadamente e na forma que cada un desexe, para a súa consecución.
Aboaren as cotas que acorde a Asemblea Xeral para o financiamento das actividades que realice o IEM.
Acataren e cumpriren os acordos validamente adoptados polos Órganos de Goberno e Representación do IEM e os presentes Estatutos.
Desempeñaren con fidelidade as obrigas inherentes ao posto para o que fosen elixidos.
Artigo 14. RÉXIME SANCIONADOR
As persoas asociadas do IEM non poderán ser separadas del salvo que concorra algunha das situacións previstas como causa de baixa, e logo do procedemento establecido neste artigo. A baixa dunha persoa asociada no IEM é competencia da Asemblea Xeral, que decidirá segundo o caso, e de acordo co establecido no presente artigo.
Serán causas de baixa como persoa asociada do IEM :
A solicitude de baixa da persoa interesada, que será comunicada por escrito pola persoa ou Institución interesada á Xunta Directiva.
O incumprimento reiterado das súas obrigas económicas co Instituto. As baixas por este motivo serán aprobadas pola Asemblea Xeral logo de proposta motivada da Xunta Directiva, que deberá previamente dar audiencia á parte interesada, e previa inclusión expresa do asunto na orde do día.
As actuacións contrarias aos principios que inspiran e rexen o Instituto contidos nos presentes Estatutos e que o prexudiquen manifestamente poderán considerarse na Asemblea Xeral, logo da instrución do correspondente Expediente Informativo.
A iniciación do Expediente realizarase por acordo da Xunta Directiva, que nomeará instrutor/a e secretario/a entre as persoas do Instituto. Nas actuacións será ouvida a parte interesada, que poderá formular descargos e propor probas.
O expediente será resolto pola Xunta Directiva nun prazo non superior a seis meses e levado á Asemblea Xeral, cuxa resolución será inapelable.
CAPÍTULO IV : ÓRGANOS DE GOBERNO E REPRESENTACIÓN
Artigo 15. ORGANIZACIÓN
Os órganos de goberno e representación da Asociación son a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, que adoptan os seus acordos de conformidade co principio maioritario ou de democracia interna.
Artigo 16. ASEMBLEA XERAL
A Asemblea Xeral é o órgano de expresión da vontade do IEM e o órgano decisorio supremo. Os seus acordos son vinculantes para todos os demais órganos e ten a facultade de elixir todos os cargos directivos e revogalos, inclusive antes do remate do seu mandato normal, mediante o procedemento de Moción de Censura regulado no artigo 18.
Está integrada por todas as persoas socias do IEM que asistan á súa convocatoria. O Director/a e o Secretario/a da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.
Haberá dúas clases de Asembleas Xerais :
A Asemblea Xeral Ordinaria, que se reunirá con carácter ordinario no primeiro trimestre do ano. Aprobará, se procede, a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do exercicio correspondente ao ano anterior, e aprobará, tamén se procede, o plan de actuación e o orzamento de ingresos e gastos do ano seguinte e a Memoria de Xestión que presentará a Xunta Directiva sobre a súa actuación nese ano. Tamén elixirá aqueles cargos que estatutariamente teñan que renovarse. Debaterá as proposicións presentadas polos membros por escrito, dirixidas ao Director/a, polo menos, sete días antes da Asemblea Xeral.
Tratará ademais aqueles temas que a Xunta Directiva introduza na Orde do Día.
A Asemblea Xeral Extraordinaria, que se reunirá cando así o acorde a Xunta Directiva e obrigatoriamente para coñecer sobre a disposición ou alleamento de bens, modificación dos Estatutos, disolución do Instituto, e por razóns de urxencia ou necesidade que, sendo competencia da asemblea Xeral ordinaria, non poidan agardar a súa convocatoria, e cando así o soliciten por escrito o 10% das persoas asociadas.
Cando a Asemblea Xeral Extraordinaria se convoque a petición do 10% dos seus membros, a Orde do Día será exclusivamente a que se conteña na solicitude de reunión.
As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, faranse por escrito, expresando o lugar, a data e a hora da reunión e a Orde do Día, e comunicaranse ás persoas socias polas canles habituais e no taboleiro do local social.
Achegarase a documentación necesaria para que os debates e decisións teñan lugar co debido coñecemento de causa.
As convocatorias remitiranse, polo menos, quince días naturais antes da data sinalada para a reunión.
As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando estean presentes a maioría das persoas asociadas; de non se cumprir este requisito, reuniranse en segunda convocatoria media hora máis tarde e sen necesitar dito requisito para a súa validación.
Os acordos das Asembleas Xerais tomaranse por maioría simple de votos das persoas presentes, a excepción da disolución do Instituto e do alleamento de bens, reguladas nos artigos 23 e 24, respectivamente, así como o establecido no art. 22, de modificación dos Estatutos, asuntos para os que se necesitará o voto favorable das dúas terceiras partes das persoas asociadas presentes.
Non se admitirán votos delegados nin se poderán adoptar acordos sobre cuestións non incluídas expresamente na orde do día.
Actuará como Secretario/a da Asemblea Xeral o/a que o sexa da Xunta Directiva.
Artigo 17. XUNTA DIRECTIVA
O IEM estará rexido por unha Xunta Directiva integrada por un Director/a e, polo menos, un Subdirector/a, un Secretario/a, un Administrador/a, e os/as vogais que estes determinen.
Os cargos da Xunta Directiva estarán desempeñados por persoas asociadas do IEM e elixiranse pola Xunta Directiva, non serán remunerados, terán un período de duración de catro anos e poderán ser reelixidos/as. Así mesmo, formarán parte da Xunta Directiva as persoas titulares dos tres Concellos miñoráns ou persoa na que deleguen.
A súa elección farase segundo o protocolo que figura como Anexo 1 destes Estatutos.
É función da Xunta Directiva :
Representar o IEM a todos os efectos, ante as Administracións Públicas, organismos oficiais, autoridades, institucións e calquera outra entidade ou persoa coa que se relacione o IEM.
Impulsar e levar a iniciativa para o cumprimento do obxecto social, formular as prioridades do IEM e definir como tal a súa posición fronte aos problemas xerais.
Aprobar o programa de actuación do Instituto, dirixir as actividades sociais, organizar e dirixir a xestión administrativa e económica, someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento de ingresos e gastos, o estado de contas do ano anterior, e todas aquelas accións necesarias para o normal funcionamento do Instituto que lle encargue ou delegue expresamente a Asemblea Xeral.
Cumprir e facer cumprir os acordos asemblearios e os da Xunta Directiva.
Admitir ou rexeitar novos socios, aínda que estes poidan acudir en recurso ante a Asemblea Xeral.
Acordar a convocatoria da Asemblea Xeral Ordinaria e das Asembleas Xerais Extraordinarias que estime conveniente aos intereses do IEM.
Propoñer á Asemblea Xeral a creación e modificación de Seccións, a súa organización e regulamento, ou a súa supresión.
Administrar os bens e rendas do IEM.
Seleccionar o persoal necesario, bolseiros, etc. que ha contratar o IEM.
Aprobar os convenios de colaboración a que se chegue con outras institucións, colectivos e particulares.
Caso de se estimar conveniente, redactar un Regulamento de Réxime Interno que organice o funcionamento do IEM, fixe os cometidos da Xunta Directiva, así como calquera outro aspecto da vida do IEM non contemplado suficientemente nestes Estatutos. A Asemblea Xeral deberá aprobar dito Regulamento que poderá ser modificado en calquera momento pola Xunta Directiva. As reformas realizadas deberán ser notificadas na seguinte Asemblea Xeral para que esta proceda á súa ratificación ou modificación.
Manterá, polo menos, unha sesión ordinaria mensual, que será convocada polo Secretario/a por orde do Director/a, cun mínimo de sete días de antelación á data da súa realización, e da que se enviará a Orde do Día.
Poderá manter sesións extraordinarias por iniciativa do Director/a ou pola solicitude da maioría dos seus compoñentes. Neste caso, a reunión terá lugar, como máximo, dentro dos cinco días seguintes á súa petición.
As sesións serán presididas polo Director/a, e en ausencia del, polo Subdirector/a. Perante a falta deste, polo Vogal presente de máis idade.
As vacantes que poidan producirse na Xunta Directiva serán cubertas provisionalmente polo acordo da propia Xunta, adoptándoo por maioría absoluta dos seus membros entre as persoas asociadas que reúnan os requisitos de idoneidade, dispoñibilidade, formación e experiencia afín ao posto a cubrir. Estas serán ratificadas ou renovadas, no seu caso, na primeira Asemblea que celebre o IEM.
Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados por maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, de cinco dos seus membros.
En caso de empate nas votacións, decidirá o voto de calidade de quen faga de Director/a.
De todas as sesións levantará acta a Secretaría ou, no seu defecto, o/a Vogal presente de menos idade.
Para as actas levarase o libro correspondente.
Artigo 18.MOCIÓN DE CENSURA
Constitúe o medio de control dos membros sobre a xestión da Xunta Directiva.
Será admitida a trámite cando se propoña, polo menos, polo vinte e cinco por cento dos membros dos grupos a) e b) do punto 1 do artigo 11. Tramitarase por escrito no que se farán constar nome, número de carné de persoa asociada ou do D.N.I. das persoas asinantes, data e fundamentos da Moción. Será presentada en exemplar duplicado no domicilio social do IEM ante o Secretario/a que, previo datado e rexistro, faraa chegar á Xunta Directiva, devolvéndoselle a copia, selada, aos seus promotores. A Xunta Directiva, unha vez recibida esta proposta, deberá redactar a convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria nun prazo máximo de sete días, figurando dita moción como único punto da Orde do Día. A celebración desta sesión extraordinaria deberá de se facer dentro dos trinta días seguintes á convocatoria.
Para a súa aprobación requirirase o voto favorable de, polo menos, os dous terzos dos membros asistentes.
De prosperar a Moción de Censura, a Xunta Directiva cesará nas súas funcións a partir deste intre e realizará o seu traspaso á Comisión Xestora, quen se fará cargo da dirección do IEM de modo provisional e convocará eleccións nun prazo máximo de trinta días. A ditas eleccións non poderá presentarse como candidato ningún dos membros da Xunta Directiva censurada.
Artigo 19.COMISIÓN XESTORA
A Comisión Xestora é o Órgano de Dirección do IEM que, de modo provisional, exerce dita función para resolver situacións transitorias derivadas da inexistencia dunha Xunta Directiva.
A Comisión Xestora estará formada por cinco persoas elixidas pola Asemblea.
Fará as veces de Director/a da Comisión Xestora a persoa máis antiga. Os acordos da Comisión decidiranse por maioría simple de votos dos asistentes, e caso de empate, decidirá o voto de calidade do Director/a.
A Comisión Xestora farase cargo, durante o seu mandato, do goberno do IEM, limitándose as súas atribucións, de modo exclusivo, ao cumprimento das súas obrigas e ao despacho dos asuntos de trámite.
Estará obrigada, nun prazo máximo de trinta días a contar dende o seu nomeamento, a convocar Asemblea Xeral Extraordinaria para á elección de nova Xunta Directiva.
Artigo 20.ÓRGANOS UNIPERSOAIS
DIRECTOR/A
Correspóndenlle as seguintes funcións :
Convocar, dirixir e presidir as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, decidindo co voto de calidade no caso de empate.
Propoñer o seu plan de actividades para o Instituto á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
Ordenar os pagamentos acordados validamente.
Representar o IEM perante calquera organismo público ou privado.
Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos do Instituto xunto co Secretario/a ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
Resolver por si mesmo os casos urxentes e imprevistos, dando conta deles na próxima sesión da Xunta Directiva.
Dar conta á Asemblea Xeral Ordinaria dunha Memoria das actividades desenvolvidas polo IEM durante o exercicio anterior, expoñendo o Programa que a Xunta Directiva elabore para o exercicio seguinte.
Executar e facer que se executen os acordos da Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
SUBDIRECTOR/A
Correspóndenlle as seguintes funcións :
Asistir ao Director nas súas funcións e substituílo nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade e, sempre que así o estime conveniente o/a Director/a.
SECRETARIO/A
Incumbirá ao Secretario/a, de maneira específica, recibir e tramitar as propostas de ingreso de novas persoas, levar o ficheiro e o libro de rexistro destes e das persoas asociadas do IEM, rexistrar as actividades realizadas, redactar o inventario de bens do Instituto, elaborar e custodiar as actas dos Órganos de Goberno e Representación, custodiar os libros oficiais do IEM e executar aqueles acordos ou traballos que lle encomende o Director/a ou a Xunta Directiva.
Tamén velará polo cumprimento das disposicións legais vixentes, custodiando a documentación oficial da entidade e facendo que se cursen as comunicacións preceptivas ás diferentes instancias administrativas.
A persoa que ostenta a Secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituída por outro membro da Xunta Directiva designado pola persoa que ostenta a Dirección.
ADMINISTRADOR/A
O/A Administrador/a dirixirá a contabilidade, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos sociais, intervindo en todas as operacións de orde económica.
Recadará e custodiará os fondos pertencentes ao IEM e dará cumprimento ás ordes de pago que expida a Dirección da Xunta Directiva.
Intervirá coa súa sinatura todos os documentos de cobros e pagos co visto e prace do Director/a.
Formalizará o orzamento anual de ingresos e gastos, previamente debatido e aprobado nas súas liñas básicas pola Xunta Directiva, así como a liquidación dos orzamentos do ano anterior, que someterá á aprobación da Asemblea Xeral.
VOGAIS
Son as súas obrigas realizar programas e propostas na súa área de actuación e os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.
A Xunta Directiva poderá designar entre os vogais un BIBLIOTECARIO, que terá as seguintes funcións :
Que a Biblioteca estea inventariada e catalogadas as súas existencias para poñer o seu fondo a disposición dos interesados.
Controlar a consulta e préstamo de ditos fondos.
Controlar os ingresos e baixas dos documentos depositados na Biblioteca.
CAPÍTULO V : RÉXIME ECONÓMICO PATRIMONIAL
Artigo 21. RÉXIME ECONÓMICO PATRIMONIAL
Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos cometidos sociais son os seguintes:
As cotas periódicas que entreguen os seus membros, ou outras persoas individuais, entidades, asociacións, corporacións ou sociedades, tanto sexan públicas como privadas, sen que en ningún caso ditas contribucións impliquen ningunha dependencia que non sexa a de estrito carácter derivado administrativo ou contractual.
Os produtos dos bens e dereitos que correspondan por calquera título ao IEM.
As subvencións, legados e doazóns que poida recibir.
Os ingresos que se obteñan mediante as actividades lícitas que, dentro dos fins estatutarios, acorde realizar o IEM.
As doazóns, legados ou mandas e depósitos que terceiras persoas ou institucións puidesen destinar ao IEM serán aceptadas, coa obriga de destinalas integramente aos fins propios do IEM nas condicións que os doantes poidan facer constar no correspondente documento.
Calquera outro recurso que, como tal, sexa no seu día aprobado ou aceptado pola Asemblea Xeral.
Destinaranse á realización dos fins sociais non menos do 70 por cento das rendas e ingresos percibidos pola explotación económica que desenvolva o IEM, dos derivados da transmisión de bens ou dereitos da súa titularidade, salvo no caso de transmisión onerosa de bens inmobles nos que radique a súa actividade propia, sempre que se reinvistan en bens e dereitos nos que concorra tal circunstancia, e de calquera outro ingreso percibido, unha vez deducidos os gastos necesarios para a súa obtención e sempre que non fosen contribucións ou doazóns recibidas en concepto de dotación patrimonial.
A administración dos fondos do IEM levarase a cabo sometida a publicidade suficiente para que os seus membros poidan ter coñecemento do destino deses fondos, sen prexuízo, ademais, do dereito a este respecto consignado no art. 9.
Anualmente, e con referencia ao último día do exercicio económico, elaboraranse as contas anuais, expresivas da situación patrimonial e contable do Instituto, así como unha memoria das actividades realizadas. Esta documentación estará a disposición das persoas asociadas durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a súa aprobación en Asemblea.
CAPÍTULO VI : MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS
Artigo 22. MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS
Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou dun 25% das persoas asociadas do IEM nunha Asemblea Xeral Extraordinaria. A convocatoria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de quince días para que calquera membro poida dirixir ao Director/a ou ao Secretaria/o as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de tres días á súa realización da mesma.
Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable dos 2/3 dos membros do IEM en primeira convocatoria, e da maioría absoluta dos presentes nunha segunda.
CAPÍTULO VII : DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN
Artigo 23. DISOLUCIÓN
O Instituto disolverase por vontade das persoas asociadas coa mesma maioría no terceiro parágrafo do artigo 18, polas causas previstas no artigo 39 do Código Civil ou por sentencia xudicial firme.
Artigo 24. LIQUIDACIÓN
No caso de se disolver o IEM, a Asemblea Xeral nomeará unha Comisión composta por polo menos tres membros da Xunta Directiva, que se fará cargo dos fondos que existan e procederá a satisfacer as obrigas legais. Os fondos de titularidade do IEM pasarán a ser de propiedade plena de quen decida a Asemblea Xeral a proposta da Xunta Directiva ou a Comisión.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais disposicións complementarias.
ANEXO 1 : REGULAMENTO ELECTORAL
Artigo 1. XUNTA DIRECTIVA
O/A Director/a e demais membros da Xunta Directiva, conformada de acordo ao así regulado no artigo 15 e seguintes, serán elixidos mediante sufraxio universal, persoal, libre, igual, directo e secreto de todos os asociados con dereito a voto.
A elección do/a Director/a e demais membros da Xunta Directiva terá lugar nos seguintes supostos :
Por expiración do mandato.
Por dimisión, renuncia, falecemento ou incapacidade física de mais do 50% dos membros da Xunta Directiva.
Por Moción de Censura contra o/a Director/a e/ou a Xunta Directiva.
De cesar o/a Director/a con anterioridade á expiración do seu mandato, por dimisión, renuncia, falecemento, incapacidade física ou incompatibilidade, substituirao o/a subdirector/a en primeiro lugar; o/a Secretario/a, en segundo lugar; o/a Administrador/a en terceiro lugar; e un/unha vogal elixido/a polos demais membros/as da Xunta Directiva, no último lugar.
Artigo 2. CONVOCATORIA
A Xunta Directiva convocará unha Asemblea Xeral Extraordinaria para a elección de nova Xunta Directiva, deste regulamento electoral, e nun prazo non superior a 1 mes dende o feito que así o demande. A convocatoria farase cunha antelación mínima de 39 días naturais á data de votación.
Na convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria deberá figurar como punto da Orde do Día a elección e nomeamento da nova Xunta Directiva, lugar, data e horario de votación.
Ademais, indicaranse os postos a cubrir, así como o Calendario Electoral, coas datas e prazos seguintes :
-Día 1 : Convocatoria de eleccións un día que sexa luns.
-Día 2 ao 5: Elección e Constitución da Xunta Electoral.
– DÍAS 8 A 13 : Exposición pública do censo electoral na sede do IEM.
-Do 9 ao 11 : Presentación de reclamacións o censo electoral
-Día 14 : Resolución das reclamacións ao censo electoral e exposición do censo electoral definitivo
-Do 15 ao 17 : Presentación de candidaturas
-Do 18 ao 28 : Exposición pública das candidaturas presentadas
-Do 29 ao 32 : Impugnacións e reclamacións ás candidaturas presentadas
-Día 33 : Resolución das reclamacións e publicación das candidaturas definitivas
-Día 40 : Celebración das eleccións: lugar, día e hora para as votacións
Artigo 3. EXPOSICIÓN DO CENSO
A partir do día seguinte á convocatoria de eleccións exporase na sede do IEM a listaxe dos/as asociados/as con dereito a voto, para que os/as interesados/as poidan interpoñer as reclamacións oportunas.
Artigo 4. XUNTA ELECTORAL
Do desenvolvemento e control das eleccións ocuparase a Xunta Electoral, que se constituirá na sede do IEM o quinto día de iniciarse o Proceso Electoral e permanecerá actuante ata a súa finalización. Ante ela presentaranse as reclamacións, dúbidas, etc., relativas ao Proceso Electoral en tempo e forma.
Estará integrada por 3 asociados elixidos ao chou entre os membros do IEM que se presenten voluntarios/as, e non sexan candidatos/as ás eleccións. A tal fin e entre as 00,00 horas do día 2 e as 20,00 horas do día 3 do Proceso Electoral, enviarán á sede do IEM un correo electrónico os asociados interesados, postulándose para a Xunta Electoral. A Xunta Directiva actual fará o sorteo entre os presentados/as, e caso de fallar algún posto a cubrir, será elixido por dita Xunta Directiva. Unha vez formada a Xunta Electoral, os seus compoñentes elixirán un presidente/a, un secretario/a e un vogal de entre eles.
As súas función son :
a)Verificar que os candidatos reúnen os requisitos establecidos nos Estatutos e no presente Regulamento Electoral.
b) Admitir e proclamar as Candidaturas, facéndoas públicas na sede do IEM, na páxina web, e remitíndoas aos asociados por correo electrónico, xunto coa posible propaganda electoral de cada unha enviada a esta Xunta Electoral.
c)Resolver as impugnacións presentadas durante todo o proceso electoral, sendo a súa decisión vinculante.
d)Decidir sobre calquera cuestión que afecte ás eleccións, sendo a súa decisión vinculante.
Artigo 5. REQUISITOS DE ELEXIBILIDADE
É necesario reunir os seguintes requisitos :
Ser asociado e con dereito a voto
Figurar no Censo Electoral
Non estar suxeito a sanción ou sentencia xudicial firme, que o inhabilite para ocupar cargos sociais.
Estar ao corrente no pago das cotas sociais
Artigo 6. REQUISITOS PARA SER ELECTOR/A
Son electores todos os asociados/as con dereito a voto e que figuren no Censo Electoral e ao corrente no pago das cotas sociais.
Artigo 7. CANDIDATURAS
A composición de cada candidatura constará dos membros sinalados no artigo 17 destes Estatutos.
Presentaranse mediante documento escrito dirixido á Xunta Electoral. Serán listas pechadas, contendo o nome, apelidos, DNI, posto ao que se presenta para cubrir, e a sinatura de cada aspirante.
A Xunta Electoral facilitará ás candidaturas admitidas un espazo do IEM para realizar a súa propaganda electoral.
Artigo 8. MESA ELECTORAL
O día da votación constituirase a Mesa Electoral, que estará formada polo Secretario/a da Xunta Directiva actual e dous asociados/as presentes na sala de votación, para presidir as eleccións. Ante ela, as Candidaturas presentadas poderán designar un Interventor/a para a defensa dos seus intereses e asinará á Acta de escrutinio, caso de así o aceptar, xunto cos membros da Mesa Electoral.
As súas funcións serán :
Presentar as Candidaturas, as cales poderán durante 15 minutos expoñer o seu Programa.
Comprobar a identidade dos votantes.
Recoller as papeletas de voto e depositalas nas urnas.
Proceder ao reconto de votos.
Levantar e asinar a Acta da sesión, onde constarán as candidaturas presentadas, os votos emitidos, os resultados e as incidencias e reclamacións se as houber, facendo constar o número de votos obtidos por cada Candidatura.
Anunciar a Candidatura gañadora á Asemblea Xeral, quen a proclamará como nova Xunta Directiva.
Remitir á Xunta Electoral a Acta das votacións.
A tal fin, e pola Xunta Electoral, facilitaránselle o censo de votantes, xunto coas Candidaturas presentadas, ademais de todos os medios necesarios para levar a cabo as súas funcións.
Artigo 9. URNAS DE VOTACIÓN
A Xunta Directiva poñerá a disposición da Mesa Electoral a urna de votación, sendo esta dun material preferentemente transparente.
Artigo 10. VOTACIÓNS
As votacións celebraranse :
a)Presencialmente, na sede de votación o día e hora anunciados. Serán por sufraxio directo e secreto. Para depositar o voto, os electores/as deberán acreditar o seu dereito a exercelo mediante a presentación do DNI e carné de persoa asociada, se o houber.
As papeletas de voto coas Candidaturas presentadas serán impresas polo IEM e facilitadas aos electores.
b)Por correo postal ou correo electrónico, cumprimentando o formulario e os requisitos técnicos elaborados ao efecto polo IEM publicados na páxina web do Instituto, e facéndoos chegar, xunto co DNI e a súa sinatura orixinal, á sede do IEM e dirixidos á Xunta Electoral, cunha antelación máxima de 1 día á celebración da xornada electoral.
Para o caso de non se presentar máis dunha Candidatura, esta deberá ser ratificada o día das eleccións como nova Xunta Directiva pola Asemblea
No caso de non presentación de Candidaturas, o día das eleccións a Asemblea Xeral Extraordinaria poderá prolongar o mandato da actual Xunta Directiva por seis meses, caso de esta as o aceptar, ou facultar a Xunta Directiva actual para a convocatoria, nun prazo non superior a un mes, dun novo proceso de eleccións.
Declarada validamente constituída a Asemblea Xeral Extraordinaria, o dereito ao voto será exercitado polos electores/as presentes na sede de votación baixo o control da Mesa Electoral, que comprobará a identidade e o dereito a voto do/a votante, mediante á introdución polo Presidente/a da Mesa Electoral da papeleta de voto do elector na urna disposta ao efecto.
Rematada a votación presencial, a Mesa Electoral procederá ao escrutinio das papeletas depositadas na urna de votación e das remitidas por correo postal e correo electrónico. Serán declaradas nulas aquelas papeletas que presenten algunha alteración sobre a orixinal subministrada pola Mesa Electoral.
Resolto o escrutinio, o secretario/a da Mesa Electoral levantará acta da sesión, subscrita polos compoñentes da Mesa Electoral e, se así o fixesen, os Interventores/as das Candidaturas.
A Xunta Electoral, que estará presente e nun lugar visible durante as votacións, resolverá con carácter inmediato en dita Asemblea Xeral Extraordinaria as reclamacións ou observacións que se poidan presentar, tanto pola Mesa Electoral, os Interventores/as das Candidaturas, ou por calquera membro do IEM presente.
Unha vez resoltas estas, caso de se presentar, o secretario/a da Mesa Electoral procederá a anunciar o resultado, subscrito polos compoñentes da Xunta Electoral, quedando así nomeada como nova Xunta Directiva pola Asemblea Xeral Extraordinaria a Candidatura que obtivese o maior número de votos.
Artigo 11. TOMA DE POSESIÓN
Os candidatos/as electos tomarán posesión dos seus cargos na primeira sesión de constitución da nova Xunta Directiva, que terá lugar antes dun mes despois das eleccións.
DILIXENCIA :
Don Xulián Maure Rivas, Director e Dona María Lemos Cerqueira, Secretaria do Instituto de Estudos Miñoráns, fan constar que estes Estatutos foron modificados en Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada en Gondomar o 9 de decembro de 2016, co obxecto de adaptalos aos requisitos establecidos ao procedemento previsto no Real Decreto 949/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.
En Gondomar , a 9 de decembro de 2016