Concurso fotográfico IEM. Paisaxe e territorio.
Este concurso pretende ser un punto de encontro para afeccionados á fotografía e sensibles ás temáticas relacionadas co medio, co entorno e o patrimonio natural.
Participantes
Poderán concorrer a este concurso as persoas afeccionados/as á fotografía, maiores de idade, sempre que os seus traballos se axusten ás bases do mesmo.
Establécese unha categoría avaliada polo xurado e outra avaliada na rede social facebook polo público que o desexe.
Temática
A paisaxe e o territorio: Na serra do Galiñeiro e na serra da Groba/A Valga
Valorarase
Orixinalidade da proposta, capacidade para provocar emocións cara á temática, calidade estética e técnica.
As fotografías deberán ser orixinais e inéditas.
Poderán ser en branco e negro ou a cor.
As fotografías presentaranse en formato dixital en tamaño 30×45 cm (300 píxeles por polgada).
Os participantes poderán enviar dúas fotografías como máximo.
As fotografías serán da propiedade do autor/a que se presente ó concurso.
Limitacións
As fotografías non levarán marcas de auga, palabras ou nomes que as identifiquen.
En ningún caso se admitirán fotografías que supoñan un prexuízo a integridade física ou moral de persoas individuais ou de todo tipo de colectivos.
Non se terán en conta para o concurso as fotografías que sexan fotomontaxes.
Presentación
Por correo electrónico (oficina@iem.gal)
Titularase cada fotografía cun nome.
No correo electrónico aparecerán tamén os datos persoais do autor/a (nome e apelidos, DNI e teléfono).
Os participantes cumprimentarán e asinarán a folla modelo que aparece no anexo destas bases, onde se autoriza a exhibición e publicación da súas fotografías na exposición posterior ó fallo do xurado e nas redes sociais do IEM.
Prazo para presentación de fotografías: 20 de setembro ó 14 de novembro ás 24 horas.
Xurado
Estará formado por fotógrafos profesionais e por integrantes da xunta de goberno do IEM.
O xurado resérvase o dereito da interpretación das bases do presente concurso e da resolución dos casos non contemplados, de acordo co seu criterio.
Entregaranse dous premios, un que falle o xurado e outro do público, atendendo ás votacións do público no facebook do IEM (máis me gusta). No caso de que o xurado falle a favor da mesma fotografía que o público na rede social facebook, premiarase a segunda fotografía mais votada polo público na rede.
Os nomes dos premiados publicaranse nas redes sociais e na web do IEMa partir do 7 de decembro.
Premios e exposición
Premio Xurado: 250 € + revelado en 40×60 + publicación na REM
Premio Público: 150 € + revelado en 40×60 + publicación na REM
2 accésit Xurado: Revelado 30×45 + publicación na REM
2 accésit Público: Revelado 30×45 + publicación na REM
14 Finalistas: Publicaranse as súas fotografías na exposición e na revista REM
O IEM revelará as fotografías premiadas en tamaño 30×45 para a súa exposición.
O IEM resérvase os dereitos da exposición e reprodución das fotografías premiadas, así como os dereitos de imaxe das persoas fotografadas que aparezan nelas, dando por feito que as persoas están ó tanto e aceptan ser expostos no salón de actos do IEM, nas redes sociais ou nos locais que o IEM contacte para tal fin.
Período de votación no facebok do IEM para o premio do público: 17 de novembro ao 21 de novembro do 2021 hasta as 24:00h.
A entrega de premios e a inauguración da exposición fotográfica será o día 17 de decembro do 2021 no auditorio do concello de Nigrán.
Observacións
A participación neste concurso implica a total aceptación das bases reguladoras do mesmo por parte dos participantes.
Facebook queda completamente exento de toda responsabilidade e non avala, administra nin está asociado a este concurso.
IDEARIO
As serras do Val de Miñor orientadas de norte a sur, nomeadamente Galiñeiro e A Groba/ A Valga, cordais vertebradores da ría de Vigo e o esteiro do Miño, forman unha abraiante paisaxe de pedra, auga e mato. Teñen unha rica comunidade biolóxica, con variados hábitats prioritarios que favorecen a biodiversidade. Xunto coa serra do Galleiro , na Louriña, son un corredor ecolóxico para moitas especies.
O seu perfil esgrevio é sinal de identidade para toda a bisbarra, desde O Morrazo, A Louriña, Baixo Miño, O Condado ata Viana.
Podemos afirmar que a sensación de amplitude nestes cimos sobranceiros, de espazo aberto cando camiñamos por elas é moi reconfortante. Teñen moitos nexos comúns: a homoxeneidade morfolóxica, os cotos, as chans, as devesas, as panasqueiras, os afloramentos graníticos, os abrigueiros, as cavidades, os réximes hidrolóxicos con regueiras estreitas e encostadas, as levadas, os mitos e lendas, os garranos…
Cando os ventos dominantes limpan de neboeiros o confín, o espello do mar reflicte nos rochedos, nos teitos de pedra. Desde eles apréciase o infinito.
Hai compoñentes da paisaxe que non percibimos pola vista unicamente, senón por outros sentidos e pola sensibilidade e a predisposición que teñamos cara o medio natural. Quen non percibiu o aroma do bosque, do tromentelo, do son da fervenza, o cantar dunha regueira, do sal do mar…?
A presión que os humanos exercemos sobre o medio, o despoboamento do rural e a desaparición dos cultivos tradicionais favorecendo o modelo de xestión forestal unicamente produtivista, os incendios e queimas, a mala ordenación do territorio cun incremento desmesurado de canteiras, construcións, estradas e infraestruturas variadas (liñas de tensión, eólicos etc) así como movementos de terras sen sentido en lugares que pola súas características deberían estar protexidos, favorecen a degradación dos solos e a mutación da paisaxe a un escenario onde o medio natural está practicamente antropizado e industrializado. Moitas destas feridas son case irreversibles, ameazando o patrimonio natural, cultural e a identidade territorial á que temos dereito.
A rica e variada paisaxe en mosaico galega pasou a ter monocromía de cores, favorecida polos monocultivos e a expansión humana cara o medio máis salvaxe. Cambiou o modelo territorial, expandindo as cidades e os seus servizos.
Levamos, coma especie, case 300.000 anos por estas terras, gran parte dese tempo vivimos vencellados e en harmonía co medio. O patrimonio herdado nos une ou arreda dos devanceiros.
Esiximos que as nosas serras recuperen, na medida posible, a súa forma natural, o seu cariz matricial. Non son instalacións industriais que transforman a natureza en lugares inhóspitos e desacougantes.
Con certeza confiamos que este concurso axude a espallar o sentimento irrenunciable de que en estas Terras de Turonio o seus habitantes temos un compromiso coa terra, coa paisaxe e o territorio.
MODELO A CUBRIR POLOS PARTICIPANTES NO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA
Título da obra:
Nome e apelidos do autor:
D.N.I:
Teléfono de contacto:
Correo electrónico do autor:
O autor da fotografía autoriza a exhibición e a publicación da mesma nas exposicións e na rede social Facebok así coma nas redes sociais do Instituto de Estudos Miñoráns.
A participación neste concurso implica a total aceptación das bases reguladoras do mesmo.
Sinatura do/a autor/a
Etiqueta:Concurso fotográfico IEM, IEM fotografía