
O PARQUE EÓLICO TORROÑA I: UNHA AMEAZA MAÍS PARA OS GARRANOS DA GROBA.
O PARQUE EÓLICO TORROÑA I
UNHA AMEAZA MAÍS PARA OS GARRANOS DA GROBA,
AS NOSAS BESTAS
Este pasado venres día 3 saíu no DOG a publicación para a exposición pública e período de
alegacións o Parque Eólico Torroña I. Unha ameaza máis para todo o patrimonio natural e
cultural da Serra da Groba, e nomeadamente para a pervivencia dos garranos, burras ou
bestas do monte e consecuentemente para a milenaria festa etnográfica dos curros.
Estes días que vemos en medios de comunicación de todo o mundo a gran incidencia que tivo
a premiada película de Sorogoyen “As bestas”, e as súas verbas de denuncia e apoio
pronunciadas na gala dos premios do cine español dos Goya, congratulámonos cos amigos de
Sabucedo dese apoio recibido, e volvemos tamén as nosas denuncias.
A gran ameaza que esta a sufrir o patrimonio natural e cultural do noso país non ten parangón,
agás o andazo dos lumes, só que neste caso concreto está apoiado pola propia administración
que dun xeito descarado axuda as empresas promotoras sen contar cos veciños nin cos
milleiros de queixas, denuncias e alegacións que veñen facendo todo o tecido asociativo
ecoloxista e veciñal, mesmo o Consello da Cultura Galega, a Universidade e a propia U.E, que
veñen sistematicamente denunciando o feble empeño que pon a Xunta en protexer as paraxes
naturais, brañas, fauna, flora, paisaxe… Fanse leis que logo non se cumpren ou se obvian.
Na Serra da Groba temos a ameaza continua da pretensións de varias empresas de instalar
varios parques eólicos. Dun xeito fraudulento, dividiron toda a serra en dúas ADEs e un área de
investigación en reserva, e ata foron recollidos no Plano Eólico de Galicia sete proxectos e as
súas poligonais, nas que se levan promovendo ata o de agora os parque eólicos do Rosal, O
Merendón, Toroña , Albariño I e agora o Torroña I. Co movemento opositor dos veciños e de
moitas asociacións e co apoio dos plenos dos concellos de Nigrán, Baiona, Gondomar, Tomiño
e O Rosal, agás o de Oia que non se pronunciou en pleno e que saibamos, tampouco fixo
informes sectoriais negativos, lévanse parado todas as iniciativas por renuncia ou por
Declaracións de Impacto Ambientáis desfavorables .
Agora temos no DOG un máis, o Torroña I, e nos documentos sometidos a exposición pública
non vemos que o EsIA recolla as afeccións e ameazas ó mellor e máis grande patrimonio vivo
que temos na Serra da Groba, as burras do monte, os garranos Equus ferus atlánticus, as
nosas bestas.
Tódolos estudos dos parques eólicos que temos visto, feitos e pagos polas empresas
promotoras, esquecen en maior ou menor medida, o maior patrimonio natural e cultural que
hai no sur da provincia de Pontevedra. Co noso apoio e solidariedade por diante, envexamos
aos amigos de Sabucedo que foron quen de pór no foco as súas bestas. Tiveron a
oportunidade e souberon aproveitala. Pero nós tamén denunciamos, (e non só hoxe e agora)
levamos moitos anos facéndoo, o grande perigo que supón para as nosas bestas este novo
parque eólico que nos queren instalar con torres xigantescas nos cumes do Arieiro e das
Aradelas, nas terras de Viladesuso e Burgueira, cunha extensa rede de evacuación que
atravesa toda a Groba ata Barrantes, onde proxectan a subestación e onde principiará outra aldraxe coa evacuacion eléctrica aérea ata o Rosal.
Teñen que vir os de fóra para pór no foco as nosas burras e a súa importancia,. Estes días nas
redes vemos como os nosos amigos norteamericanos falan de nós e das nosas burras, e se fan
eco das ameazas e dos valores que teñen, e nos lembran os estudos que levan feito e
publicados como o último de Jhon Jr, Hartigan, que nos visitou no 2016 e estivo vendo os
nosos curros e falando cos nosos besteiros e veciños, para este pasado 2020 publicar o seu
impresionante estudo:
Shaving the Beasts: Wild Horse and Ritual in Spain 1 . Editorial : University of
Minnesota Press (17 noviembre 2020).
Ou a visita que nos fixo a prestixiosa xornalísta e naturalista de Massachusetts Wendy
WIlliams, no 2014 e que publicou no libro: The Horse. The epic history of our noble companion 2 . Scientific American / Farrar, Straus and Girou. 2016.
Ou o amigo Victor Ros, que estuda os cabalos salvaxes en todo o mundo 3 e que nos visitou
cos seus alumnos para facer unha estadía de estudo e vixiancia dos nosos garranos nas serras
galegas, e que estes días está seguindo a problemática coa que nos atopamos coas ameazas
aos espazos e habitáts dos nosos garranos.
Temos na Serra da Groba a poboación máis numerosa de cabalos salvaxes do mundo, e a
máis xenuína, segundo os científicos. Arredor de 1.200 exemplares entran nos nosos curros
cada ano, e ocupan todos os nosos montes, axudando coa súa presenza ao mantemento do
mato baixo e á convivencia con outras especies vexetais e animais. Nos anos 70 do pasado
século XX tiñamos na Groba 2.100 garranos, e en Sabucedo 340. No ano 2.022 tiñamos na
Groba 1.100 e en Sabucedo un máximo de 300. O declive no número de exemplares e tan
evidente como alarmante e son múltiples as razóns desta mingua, pero no que todo o mundo
esta de acordo e que a presión antrópica sobre os espazos nos que habitan e unha das máis
salientables. Dende a Universidade da Coruña no ano 2.021 un equipo multidisciplinar dirixido
polo biólogo Jaime Fagúndez , coa doutora Laura Lagos, José A. Cortés e Flavia Canastra,
realizou para a U.E o estudo, no que fomos parceiros:
1 https://www.upress.umn.edu/book-division/books/shaving-the-
beasts#:~:text=Wild%20horses%20still%20roam%20the,shave%20their%20manes%20and%20tails.
2 https://www.scientificamerican.com/podcast/episode/the-epic-history-of-the-horse/
3 https://www.facebook.com/wildequus1
Los caballos salvajes de Galicia. Contexto socioeconómico y beneficios ambientales: el
caso de estudio de Galicia en el proyecto GrazeLIFE 4 (LIFE18 PRE NL 002)
Nas conclusións deste estudo fálase das ameazas e do perigo de desaparición destes animais e
do grande valor que teñen no mantemento dos ecosistemas, nomeadamente das urceiras
húmidas atlánticas e da súa importancia na absorción do carbono así como outros beneficos
ambientais e sociais para as poboacións que contan con estes animais nos montes.
No ano 2.017 o Instituto de Estudos Miñoráns levou a todos os grupos parlamentarios daquela
no parlamento de Galicia, unha proposta, acompañada dun extenso traballo de
documentación e recopilación de información ao respecto, onde se propuña crear unha
comisión de expertos e científicos que elaboraran un traballo no que se identificaran todos os
valores, problemas e posibilidades dos garranos en toda Galicia, para promover unha iniciativa
parlamentaria consensuada na que se propuxese un regulamento específico para o
mantemento dos garranos nos nosos montes e serras. Un regulamente necesario no que se
contemplasen todas as singularidades e potencialidades e se protexese un dos máis
interesantes animais da nosa terra, que ten presenza ininterrumpida dende a última glaciación
Würm que comezou hai uns 110. 000 anos e rematou arredor do 9.700 a. C., dando paso
ao Holoceno, o periodo de clima temperado actual, e que están representados en múltiples
gravados rupestres nos mesmo lugares nos que habitan e habitaron.
Mentres todo esto sucede no mundo cultural e científico , a Xunta de Galicia mira para outro
lado e pasa dos garranos e dos seus habitáts e despreza o que en todo o mundo se valora. Por
ignorar, ni tan sequera é comunicada a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias
Agroalimentarias, para que emita un informe sectorial que analice as afeccións e ameazas
sobre ésta especie dos proxectos eólicos actuais. Para a Xunta os garranos simplemente non
existen. Por que será?
Non podemos deixar que veñan de fóra, ou de onde veñan, a explotar os nosos recursos e
perdamos un dos maiores valores naturais e culturais sen que ninguén faga nada para parar o
seu declive. As nosas bestas levan aí moito máis tempo que o que nós levamos, e non
podemos permitir a industrialización salvaxe das nosas serras ameazando a súa
supervivencvia.
Val de Miñor, marzo de 2023
4 https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/29540