
O IEM comunica a súa rotunda negativa a manter “consultas e entrevistas” coa empresa ECODES, contratada por ACCIONA ENERGÍA, promotora dos parques eólicos Albariño I e Torroña I
A empresa ECODES, foi contratada por ACCIONA ENERGÍA para avaliar o impacto do parque eólico Albariño I que afectará ós concellos de Baiona, Oia, Tomiño e Gondomar. Para elo, está contactando con colectivos e entidades sociais da contorna co obxectivo de levar a cabo consultas e entrevistas sobre os efectos do proxecto a próxima semana. O IEM foi convidado a esta rolda de consultas, porén, xa lle manifestou a súa rotunda negativa e non asistirá a estas reunións.
O IEM, en reunión co alcalde do concello de Baiona foi informado de que a Xunta de Galicia comunicou a inminente publicación no DOG do proxecto do parque eólico Albariño I. Entre a extensa documentación que se someterá a información pública figura, ademáis do Proxecto de Execución o Estudo de Impacto Ambiental, polo que a empresa promotora do parque tiña que ter feito con anterioridade as correspondentes consultas á cidadanía. Ademáis, tal e como advirte o comunicado da Xunta de Galicia en varias ocasións, a exposición pública do documento tan só durará 15 días en lugar de 30. A voluminosa documentación a revisar e a redución do prazo de exposición pública dificultarán enormemente a posibilidade de que se presenten alegacións ó proxecto, o que indica o pouco interese que teñen a empresa e a administración autonómica polas opinións da cidadanía. “Consideramos un atropelo e unha agresión ós dereitos dos veciños e veciñas e ao seu lexítimo dereito a participar con transparencia e garantías na tramitación pública deste proxecto”
A razón que motiva ó IEM á súa rotunda negativa a participar nas roldas de consultas e entrevistas propostas por ECODES é que considera que non é xa o momento de realizar consultas e entrevistas con veciños e veciñas nin con colectivos e entidades cidadás toda vez que o proxecto será publicado no DOG moi posiblemente a próxima semana. “Nesta rolda de consultas e entrevistas, non vemos outra intención que a de achanzar o terreo e crear un estado de opinión favorable a un proxecto que terá severas e irreversibles consecuencias sobre o patrimonio natural, cultural e socioeconómico”.
O IEM xa manifestou públicamente o seu rexeitamento a estes proxectos eólicos na Serra da Groba, rexeitamento que foi apoiado por miles de veciños e veciñas na manifestación que se levou a cabo o pasado 16 de maio. “Presentaremos as oportunas alegacións en tempo e forma seguindo o procedemento legal establecido, e instamos a todos os veciños e veciñas a presentar alegacións masivamente co obxectivo de expresar un rexeitamento unánime do parque eólico Albariño I”.
