DESTRUÍNDO O PATRIMONIO: AS AGRESIÓNS Ó PATRIMONIO COS PARQUES EÓLICOS NA GROBA
DESTRUÍNDO O PATRIMONIO
AS AGRESIÓNS Ó PATRIMONIO COS PARQUES EÓLICOS NA GROBA
No IEM levamos moitos anos denunciando as agresións ó patrimonio e cada ano que pasa comprobamos que, no canto de ir a menos, a pesares das moitas leis que se levan publicado, van a máis e moitas destas agresións son promovidas e aceptadas pola propia administración, o organismo encargado de velar que non sucedan.
Na Serra da Groba temos unha paisaxe cultural e patrimonial moi densa en xacementos e bens, algúns deles xa catalogados e outros moitos sen catalogar. Hai estudos e publicacións que así o veñen denunciando nos últimos anos. A Xunta de Galicia, que é o organismo superior que debería velar por que todo ese rico patrimonio fose coñecido e protexido, solo mira cara os intereses das empresas promotoras e permite que estas emitan os seus informes baseados en datos erróneos ou mesmamente incompletos a man tenta para poder seguir adiante cos seus proxectos empresariais.
E cando os propios informes empresariais recoñecen as agresións e afeccións ao patrimonio, inhíbense ou valoran positivamente os proxectos facendo valoracións de corrección de danos cunhas medidas mínimas de sinalización ou control arqueolóxico presencial que, en ningún caso que nós saibamos, ten parado as obras permitindo así que o territorio, a paisaxe e os bens que nela se conteñen se modifiquen e se alteren substancialmente e de xeito irreparable.
Os informes sectoriais dos que temos coñecemento referidos aos últimos parques eólicos con DIAs desfavorables na Serra da Groba, o PE Albariño I e o PE Merendón, non chegan a nós pola nosa condición de “parte interesada” nos procedementos. A pesares de ter solicitado e recoñecido reiteradamente a nosa condición de “parte interesada” a Xunta négase sistematicamente a proporcionarnos a información completa á que temos dereito.
A Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, non ve problema ningún nas propostas empresariais e cun “control arqueolóxico” e o marcado do ben afectado con cinta de obra, sen preservar toda a súa contorna, arranxan o problema.
Como se esta fose a forma de protexer unha mámoa ou petróglifo!
Por outra banda, todo o patrimonio que non está recollido no Plan Básico Autonómico non existe para a Xunta ou, o que é aínda peor, moito do recollido está desprazado ou mal localizado ademais de mal nomeado, algo moi común na Serra da Groba (constatado polos investigadores locais).
Estes erros son recollidos, non detectados e non subsanados polas empresas pomotoras que, loxicamente, arriman a brasa a súa sardiña.
A quen lle fai caso a Xunta?
Que defende a Xunta de Galicia?
Que garantía temos os cidadáns de que se se está a defender e protexer o noso patrimonio?
A resposta a estas preguntas está nos informes sectoriais maioritariamente favorables que emiten as administracións e nas DIA,s favorables que se se están a dar por todo o noso país.
Na Serra da Groba a sociedade civil mobilizada está a facer alegacións , denuncias e traballando arreo para que non se afecte máis patrimonio do que xa se leva destruído nos últimos anos. Para que, dunha vez por todas, a Xunta catalogue e protexa axeitadamente a inxente cantidade de Patrimonio Cultural que atesoura esta serra para así cumprir coa nosa obriga de legarlle ás futuras xeracións unha terra en mellor estado do que a recibimos, protexendo as pegadas da historia para que poidamos entender mellor de onde vimos e cara a onde imos.
Cando quen ten que protexer o patrimonio non o protexe, somos nós, a sociedade civil organizada, quen temos que tomar a palabra e denuncialo. E actuar, con datos e con firmeza.
E iso queremos facer hoxe con esta denuncia pública, ante a nova ameaza que supón a publicación no DOG do pasado 3 de marzo dun novo proxecto industrial eólico na Serra da Groba: o PE Torroña I, que está a exposición pública e ao que se poden achegar alegacións ata o próximo 17 de abril.
O IEM ten na súa páxina web un modelo de alegación que se pode descargar.
Modelo alegación Parque Eólico TORROÑA I (Baiona, Oia e Tomiño)
Como noutras ocasións, no IEM contamos cun equipo de persoas especialistas en cada unha das materias que traballan para documentar e argumentar todas as alegacións presentadas.
Denunciamos tamén diante das consellerías de Cultura e Patrimonio e a de Industria as eivas no informe de patrimonio da empresa promotora así como os puntos arqueolóxicos non documentados e afectados demostrando, unha vez máis, que este parque eólico é inviábel polo grande impacto que ocasionaría en todo o seu territorio.
Animamos á cidadanía a que presente as súas alegacións e a que non renuncie á defensa do noso Patrimonio Común.
Val de Miñor , 17 de marzo de 2023
IEM/SOS GROBA
- Xuntamos, a xeito de exemplo, tres fotos con tres elementos patrimoniais que se
verían destruídos pola a construción deste P.E Torroña I:
- 1. A Mámoa do Niño do Corvo. Viladesuso.
- 2. O petróglifo da Pedra Ancha. Burgueira
1 Comentario
En Amil nun polígono xa aprobado atopamos un esta semana que VAN DESTRUIR próximamente: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/2023/03/20/denuncian-obras-parque-eolico-amilponen-riesgo-petroglifos-catalogados/00031679300384291464752.htm
Este polígono aprobouse cuns análises precarios de todo, cando aínda facían o que querían, sin avisar a nadie nin promocionar nada. Van desfacer parte dun humidal e poñer en perigo a auga potable de Pontevedra e 7 concellos.
Ánimo, tedes todo o noso apoio!