A GAMELA-Texto nº11 de Xosé Lois Vilar Pedreira.
É unha embarcación de fondo plano, proa e popa cortadas que se usaba con vela e remos no sur galego entre Cangas e A Guarda. É a embarcación de Panxón fóra lanchas e barcos.
Non imos repasar a nomenclatura descritiva do vehículo e elementos auxiliares pero sabede que son ducias os termos que despezan unha gamela entre o gaviete e a estampa de popa. Auxiliares son a poutada, o espello, o bicheiro, o sebeiro, o compás, … e imprescindibles os aparellos, as artes de pesca. Si artes.
Tampouco entraremos agora nas estratexias de dominio do medio que pasan polo coñecemento acumulado e transmitido durante xeracións.
Si queriamos anotar e indicar os paralelismos entre embarcacións, recipientes e elementos orográficos. É unha familia enorme de palabras. Se comezamos pola nosa gamela a riqueza atinxe as tres familias citadas, xa que é embarcación, en latín “camella” significa artesa que é a arca ou caixón troncopiramidal truncado e invertido para amasar o pan, levedar e gardar logo de cocido. Pero artesa ten aplicación toponímica como zona deprimida, así en Lleida hai Artesa de Segre. Axuntar que en Baiona as gamelas son bacías, co seseo pertinente, que son tamén as arcas de amasar o pan, as pías de darlle de comer os animais e o terreo que verte augas cara a un río o mesmo que artesa, cunca hidrográfica, vertente hídrica, …
A maseira é o recipiente de darlle de comer os bichos pero é embarcación pequena en Âncora e Caminha. Na Arousa toda, que é moito mundo, e moitos mundos mariñeiros nun, Ons e a ría de Marín tamén, alí a nosa gamela é dorna, de fondo con quilla, bances de calime ou de tope. Proa redonda e popa chata, remos, vela de relinga, motoriño. E dorna é o recipiente de pisar a uva , é topónimo do país, incluso en diminutivo como Dornelas en Mos. No Dorne de Cotobade cazou Víctor Lis Quibén a Ignacio Seoane e levouno ó paredón. Era o 36.
Na toponimia miñorá hai O Barco en Nande e nos Casás de Vincios, máis grande El Barco de Ávila.
Hai anos, máis dunha ducia, Uxío Allo da Illa (de Arousa) emprestounos unha buceta de Carnota para amosarlla a nenos, nenas e maiores.
O bote é un recipiente e tamén unha embarcación pequena.
Como nas linguas hai variacións diatópicas e diastráticas, que é buceta alén mar na fala brasileira?