A PUNTA DA MEDA-Texto nº3 de Xosé Lois Vilar Pedreira
Os que leron A Praia dos Afogados de Domingo Villar saben que foi aquí onde botaron ó mar a Xusto Castelo, O Rubio. Os que leron esta obra de ficción saben tamén que o topónimo do sitio aparece como Punta Lameda, tirado das cartas náuticas editadas fóra do país e nunha nefasta castelanización. É A Meda, do latín meta,o poste fincado da chegada nas carreiras no circo romano. A evolución fonética produce a meda (de palla), o topónimo As Medas como minas de ouro ou o diminutivo As Médulas, a pesar do enorme tamaño da explotación. Quizais de meta proceda madorra e medoña, palabras que nomean mámoas. Orograficamente é un outeiro granítico rechamante na paisaxe, até o punto de estar emprazado un sinal lumínico verde no outeiro, que despide cara o norte unha restinga de pedras perigosa para a navegación e que os micos chaman A Parede e os bandullos dividen en : Rapachaquetas, O Baixo de Sudoeste, A Laxe e O Baixo Alto. Pero como lle chaman os baioneses á Punta da Meda? Hai un penedo co mesmo nome en Ons. O Rubio foi botado ó mar “nunha poza”, non creo que Domingo Villar soubera que si hai A Poza da Cavosa onde morreu Eugenio da Lama hai cinco lustros.