EL PUERTO DEL MUELLE-Texto nº9 de Xosé Lois Vilar Pedreira.
No mércores 31 houbo unha sonora xeira en Parada. Románico, Anxo, Ester, igrexa. O percorrido botánico foi polo río da man de Xosé Ramón.
Mapas indican e persoas reproducen río Muíños. Xamais se chamou así. Baixa das entrañas da terra en Pracíns, é Río de Táboas en Camos, ó pouco de Súaigrexa e no actual polígono industrial e de servizos é o do Porto do Molle, nome que recibe do muíño deixado da man das autoridades que recadan millóns de euros da venda dos Barxíos e esquecen a orixe do nome. Na rotonda había un marco de pedra de xaveluna onde estremaban, aínda hoxe, as freguesías de Nigrán, Parada e Camos. O marco levouno o progreso.
É logo O Río dos Barxíos e continúa cara o océano por zona de muíños e os lugares son ricos en nomes relacionados coa industria fariñeira: Os Muíños do Mallón, A Torneira, O Río Novo, A Ponte Muíña, O Río Vello… e o río apaña o penúltimo nome: do Mallón e no treito final é o Río de Canido pola fartura de canas. Aínda que a explicación popular fala dun can que fuxiu ó outro lado do río, un can-ido.
Na xeira guiada por Antonio Soliño este 6 de agosto, coa axuda de Anxo, houbo unha ducia de persoas xordas que o día de Parada, no canto de ir ó Porto do Molle, apareceron en Panxón en El Puerto del Muelle e perderon a botánica e sonora xeira.
Hai máis topónimos alusivos a zonas con vexetación hidrófila en Panxón e San Pedro. Saberías cales?. Nunha dispensan saúde, noutra facían formigón e na outra cocían pan.