
FRÍO ITALIANO-Texto nº8 de Xosé Lois Vilar Pedreira.
O Antártico era un barco matriculado no porto italiano de La Spezia que finou diante do Faro de Laxes, na zona de maior densidade de naufraxios do mar miñorán. Aquí bateron: o H.P., o Cackeren, o Aslaug, o Aralar, o Skogland, … Non é doado navegar por estes mares sementados de illotes. A fileira principal despídea Monteferro, leste/oeste coas dúas Estelas e a prolongación a Laxes que ten restinga granítica cara ó norte e cara ó sur. Para arriba A Negra e as súas Fillas até afundirse en Rabudasnos e para abaixo os temidos Carallóns.
Nun principio, como amosan fotos de Folgar, o barco, ferrovello en vida, ficou pousado nas pedras, logo partiu como ollades na fotografía. Ó redor dun naufraxio hai embarcación e tripulantes en primeira instancia e acompañando armador, consignataria, aseguradora, cónsul, autoridades portuarias, … E hai tamén mariñeiros de Panxón e Baiona que interpretan. Temos dúas versións. Unha di que os italianos viñan vendo na tele como xogaban ó baloncesto un equipo deles. No mes de abril proclamárase campión de Europa o Tracer de Milano. Outra versión máis sofisticada, contada por Juan O Cabezalla, di que atoparon unha carta náutica cunha cruz vermella marcando o lugar do naufraxio. Xa eles tiñan previsto rematar alí os días do ferrovello e cobrar da compañía aseguradora. Os Allegue contan isto de afundimentos amañados no Carrumeiro Pequeno fisterrán; barcos gregos vellos como o Manoussis (1920), o Constantino Pateras (1922), o Mont Parnase (1935) e o María Castanau (1938).
E que barco, buque enorme, bateu en Rabudasnos no 76? Barco grande, nome pequeno.