Micos e Bandullos – Textos de Xosé Lois Vilar Pedreira
Foi o 17 de xullo a bordo do Pirata de Sías, da compañía Nabia, saímos de visita talasonímica desde Baiona, o porto dos micos. Este, micos, é o xentilicio lúdico aplicado ós baioneses. Do mesmo xeito que unha persoa recibe un nome (ou varios) e un par de apelidos, non era raro que recibira nun momento ou outro da vida, máis cedo que tarde, un alcuño que tiña a función de identificalo sen confusión doutros antonios, xosés ou xans. Este outro nome era atopado nalgunha circunstancia vital do nomeado: chata, costume, fala, …
Pois un nacido en Panxón é un panxoneiro pero para os de Baiona é tamén un bandullo ou bandulleiro que dis que cando mataban os carneiros polas festas tiraban os bandullos ó mar e chegaban en ribazón á beira contraria. Non teño claro en que festas e se de Baiona ou Panxón.
Ben, temos outro barco o 13 de agosto cunha derrota marítima titulada: Polo mar de Panxón. Unha volta ás Estelas.Se a mar nos deixa deixaremos Laxes e A Negra por babor ou por estribor e pasaremos pola Porta ata Parede e A Meda tentando explicar os nomes do mar: a talasonimia do mar dos bandulleiros.
Para adubar a visita entre o día 1 e o 13 de agosto publicaremos nesta páxina do IEM un pequeno relato relacionado con Panxón que rematará cunha pregunta contestable.