MUÍÑOS NAVICULARES DE SOPORTE FIXO- Texto nº2 Xosé Lois Vilar Pedreira.
Panxón aséntase sobre un enorme dique xistoso orientado N/S que vén desde Portugal (Covas, Vilar de Mouros, …) e continúa cara a Sanxenxo. Entre os xeólogos é coñecido como a formación metasedimentaria O Rosal-Monteferro. Asociado a el hai numerosas explotacións auríferas romanas na Serra da Groba e na do Argalo que chegan ata Sabarís e Belesar. Monteferro está formado polos mesmos materiais, agás o extremo oeste, granítico, que o defende da erosión mariña. Estoutra composición vai desde A Meda até A Punta da Mexiloeira no sur e é aquí onde teñen soporte dous grupos arqueolóxicos. O máis meridional emprázase nas Pinisas Pequenas ou A Porta, unha superficie inclinada ó sur con 21 muíños naviculares de soporte fixo acompañados de coviñas, microcoviñas, un rebaixe cuadrangular, uns óvalos concéntricos e tamén varias pegadas humanas de pés esquerdos e dereitos descalzos do tamaño equivalente a un número 39 de calzado.
Onde está o outro grupo arqueolóxico tamén de muíños naviculares de soporte fixo?