O Rego da Moura – Texto nº12 de Xosé Lois Vilar Pedreira.
O portiño de Panxón está ó acobillo dunha punta de xisto que foi lugar habitado na idade do ferro (hai 2500 anos) e quizais antes. Sabémolo polos restos arqueolóxicos e mais polo topónimo: O Crasto. En arqueoloxía coñécense como cabicastros estes asentamentos castrexos en pequenos cabos que ademais ó estaren á beira do mar teñen moitas veces unha cronoloxía que fende as raíces na primeira metade do último milenio antes da nosa era, hai 2600-2800 anos. Os restos que teñen aparecido no da Punta Lagosteira, O Neixón Pequeno, Toralla, A Punta do Muíño, … relacionan estes poboaos co comercio do sur peninsular evidente coa aparición de altares fenicios -catro betilos fincados-.
Polo sur do noso Crasto hai un rego que lle tiran pola Fornaca ou O Rego da Moura, que din que é unha cova longa que chegaba … No Alto de Campo de Lobo polos cumes da Groba, maltratados nos mapas topográficos oficiais con nomes inventados, dislocados e duplicados, pois acolá arriba, a pesar de todo, permanece A Cova da Moura, unha cavidade xa estudada polos membros do Maúxo, con publicación incluída (REM 7/8/9). A cova ten moura e un relato longo que a comunica co castelo baionés. E se baixamos á Torre da Tenaza de Monteboi sempre nos contaron que había un túnel subacuático. Cara onde ía o túnel?