OS COTOS DOS CALDEIRÓNS-Texto nº7 de Xosé Lois Vilar Pedreira
Para un mariñeiro posicionarse no mar enriba dun pesqueiro usaba, e usa, marcas por terra. O sistema usado consiste na triangulación tirando dúas liñas imaxinarias que converxen no punto buscado. Cada unha destas liñas confórmase con dous puntos en terra, un, o mais arredado é a marca primaria, máis estable, e a outra, a marca secundaria á beira do mar, incluso nunha illa, illote ou pedra; canto máis próxima máis precisa (verbo) a marca.
A Serra do Galiñeiro que fecha O Val de Miñor polo nacente é unha liña que no cumio pasa, pouco, dos 700m. de altura e que comeza no Fillo do Galiñeiro (Vincios) e remata na Marca de Roldán entre Couso e Tebra. Na zona central, en Morgadáns, entre as aldeas serreiras de Vilas e Prado está O Costal de Chenlo. Ó pé deles Antonio da Brulla fixo perpiaños cortando Os Cotos Gordos. Hoxe fica o sitio. O Costal é coñecido polos mariñeiros como A Marca de Muíños. Debaixo dela están Os Cotos dos Caldeiróns. Un noso tocaio dos Padróns de Morgadáns transmitiunos, de boca da avoa, que hai un sitio entre Os Ulleiros e Liñares, onde unha moura nova encantada, lindísima, toma o sol, espida, á tardiña. Para rachar o meigallo precísase un home valente que se achegue á laxe, a media noite, cunha fouciña afiada por se lle aparece unha serpe enorme gardiana do tesouro. Coa punta da fouciña hai que picar o rabo da serpe e liberar a moza do meigallo e levar a fortuna; quen non o consiga, …
Coñeces a narración coa presenza de moura e tesouro na túa aldea?
“Graciñas tocaio, graciñas Esperanza da Roxa”.