Panxón Romano-Texto nº4 de Xosé Lois Vilar Pedreira
Tecer a historia dos pobos é un labor acumulativo dependente da cantidade e calidade dos recursos investigadores dedicados a tal mester. Saber que fomos e como e porqué estamos aquí vivindo implantados nun territorio no que devagar modelamos unha paisaxe é cousa que interesa á maioría. Pero hai pasados de pobos e territorios que están sen escribir ou a medio escribir. Os medios para facelo pasan polo estudo bibliográfico, documental e pasa polo traballo arqueolóxico. Sabemos que Panxón ten un pasado castrexo e que ten un pasado romano. Cada vez que se fura no seu chan as evidencias son clarísimas. Temos unha ara adicada a Mercurio, deus do comercio; evidencias romanizadoras no Crasto; escavacións na zona urbana que o verifican; restos de tégula, ánfora e xambas e linteis decorados desfeitos sen control arqueolóxico e tirados no monte na outra beira do Pego … Todo indica da necesidade de arbitrar unhas pautas especiais de actuación neste porto milenario.
Sabes en que parte de Panxón hai unhas pías romanas de amasar barro? Están escavadas e visibles.