XIX XEIRA ALÉN MIÑOR
O RIBEIRO, 1º PARTE, Ribadavia e bisbarra (2 marzo)
Ribadavia é un claro exemplo de urbe medieval baseada, case en exclusiva, na produción vitícola nos derradeiros 1000 anos. Foi declarada monumento nacional no 1947, grazas principalmente ao conxunto de rúas e prazas con pórticos de fermosa fisionomía.
Tamén destacan os seus templos e pazos de diferentes estilos dende o sc. IX ao XX. A importancia da pegada dos xudeus na vila é moi notoria, principalmente na arquitectura, nos costumes e na toponimia. O Museo Sefardí é unha mostra clara da importancia da cultura, das circunstancias e a historia da poboación que viviu neste lugar durante séculos.
Moitos persoeiros falaron e escribiron prosa e poesía motivados polo encanto desta terra e os seus viños. Castelao, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Alexandre Bóveda, Lope de Vega, Cervantes, Cosme de Médici e moitos outros.
Cunqueiro referíase O Ribeiro como “More philosophico, axeitado para unha filosofía humana, peripatética e sentimental. Apropiado para a nosa forma de ser, para a nosa lentitude dialogante, porque nos aviva e nos estimula”.
Aínda se conservan viñas tradicionais que parten desde case o río e chegan a coroar moitos outeiros. A partires do sc. VIII modificaron a paisaxe enchendo de miradoiros-socalcos as parroquias que miran O Avia, O Varón, O Viñao e O Arnoia. Nalgunhas delas, desleixadas co tempo, o carballo e a vexetación asociada forman unha simbiose naturalizada cos muros senlleiros. Esas castes de uva foron catadas no resto da península, Illas Británicas, Francia e Países Baixos, e posteriormente levadas a América (Arxentina, Uruguai e Cuba).
A importancia e dependencia do viño do Ribeiro foi tal que nos séculos X-XII as rendas do viño axudaron a financiar obras de tanta magnitude como as catedrais de Ourense ou Santiago. Xa no sc XII-XV os cobros dos foros do viño subvencionan en gran medida a reconquista e a construción das cidades de Pontevedra, A Coruña, Santiago e Ourense.
O viño segue sendo un dos motores económicos da bisbarra, aínda que decrecese en extensión cultivada: no ano 1917 no Ribeiro había 10.000 hectáreas cultivadas e na actualidade coa denominación de Orixe Ribeiro hai 2.800.
Lugares (destino/obxecto) da nosa visita
Conxunto histórico da Vila de Ribadavia
Museo Etnolóxico
Convento de Santo Domingo (Construído entre os séculos XIII e XIV. Posúe unha colección de capiteis historiados, ademais de diferentes expresións de arte sepulcral, retablos e imaxes relixiosas. A súa igrexa é considerada unha valiosa mostra da arquitectura gótica dos mendicantes)
Museo Sefardí de Galicia
Museo do viño de Galicia
Mosteiro de San Clodio do Ribeiro de Avia (De orixe altomedieval, os monxes Bieitos estiveron moi vencellados a produción vitivinícola dende séculos )
Igrexa de San Xes de Francelos (Unha das referencias prerrománicas máis importantes de Galicia. Sc IX)
Conxunto histórico artístico de Pazos de Arenteiro (Un dos pobos máis fermosos de Galicia pola súa arquitectura e a súa paisaxe)
|