O termo patrimonio enxerga unha amplitude conceptual que de ningún xeito pretende nin sequera aproximar esta sección. Vexamos. Dende que no Alto Medievo o reino suevo alumeou o xermolo da parroquia xa non existiu en Galicia outra unidade base de organización social e territorial, principalmente para as xentes do rural. Xentes que dende sempre tiveron necesidade de topar solución a dous tipos de inquedanzas: as referidas ao mundo físico e aquelas que atinxen ás emocións, ao mundo intanxible. Para as primeiras, o campesiñado e a xente do mar, dende a parroquia, tentou domar o territorio, ideou unha serie de obras e infraestruturas co fin de acadar unha adecuada ordenación territorial ao tempo que utilizou o enxeño para crear toda unha familia de artefactos arquitectónicos, presididos pola casa vernácula, e así satisfacer as necesidades de acubillo e traballo. Para as segundas, nun ancestral contexto de medo ao descoñecido e ao alén, filtrado por ritos e costumes parcialmente cristianizados, idea unha outra familia de arquitecturas simbólicas presididas pola igrexa parroquial ou matriz. Todo este corpus de intervencións arquitectónicas anónimas e de autor, incluso a escultura e pintura aplicada que puidese existir, é o que se coñece como patrimonio construído. Este é o cerne da sección.
Patrimonio
- Home
- Patrimonio