
O IEM participa na X XORNADA DE ONOMÁSTICA GALEGA: “Os nomes do mar”
Organizada pola REAL ACADEMIA GALEGA DA LINGUA, nesta X XORNADA DE ONOMÁSTICA a RAG salientou a urxencia na X Xornada de Onomástica Galega, que dedicou a este patrimonio cultural. O encontro reuniu hoxe no Museo de Pontevedra especialistas no estudo da talasonimia como Xosé Lois Vilar Pedreira, subdirector do IEM, e xente traballadora do mar, como o patrón de pesca José Benito Rodríguez González “Tito Chirro” e Lucía López Lires, axente do Servizo de Gardacostas de Galicia e antes mariscadora.
Preme na ligazón para acceder ao vídeo na nosa canle de Youtube:
https://youtu.be/u-2583hxty0
Sobre as marcas do mar falou o patrón de pesca José Benito Rodríguez González, coñecido como “Tito Chirro”, que se referiu ao caso das creadas polos vellos mariñeiros da Guarda, onde el mesmo naceu hai case oitenta anos. “O Chirro” comezou de neno na baixura, andou a costa galega de sur a norte, e tamén pescou na costa portuguesa e en África, ata se xubilar como patrón de pesca no Índico, pero segue moi activo como divulgador en proxectos como o da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro.
Con el compartiu mesa Xosé Lois Vilar Pedreira, neto doutro mariñeiro, Manolo o Gardés, e autor entre outros traballos, de Talasonimia da costa sur de Galicia. Divulgador incansable, Vilar louva a gran memoria de persoas como José Benito Rodríguez, que saben aínda hoxe nomear e localizar con precisión centos de talasónimos, mais advirte que o traballo do investigador non debe limitarse a rexistrar o nome e situalo no mapa. Cómpre insistir nas preguntas, guialas ben para descartar que un novo estea a tapar o tradicional, e tamén indagar as motivacións e historias que agochan.
Parte destas palabras son de significado escuro, pero moitas outras demostran a capacidade de observación e o coñecemento da natureza dos seus creadores: evocan o son do mar batendo nas pedras (A Bombardeira, A Pedra que Bole, A Roncadeira…); a riqueza do lugar en determinada especie O Laño do Congro, O Pracer do Rodaballo, O Porto das Caramuxas, O Baleal… Son tamén habituais nomes que lembran antigos protagonistas da vida cotiá local, antropónimos que identifican homes e mulleres que descubriron ou usaron eses lugares, como A Laxe da Felicia, onde se estendía o argazo a secar; ou puntos onde aconteceu algún naufraxio, como O Peito Ancho, alcuño da familia propietaria da lancha La Regente de Baiona, que se afundiu en 1900, repasa Xosé Lois Vilar.