
O IEM apoia o Comunicado de Xuízas e Xuíces para a Democracia diante do traslado forzoso da maxistrada Dolores López e do maxistrado Luís Villares.
https://www.calameo.com/read/0062317246420c9d7d280
A Xunta de Goberno do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), asociación cidadá que en colaboración con outros colectivos galegos da sociedade civil organizada ven traballando nos últimos anos na Defensa e Protección do Patrimonio Común, en contra da disparatada e abusiva política enerxética da Xunta de Galicia, nomeadamente en contra da instalación de proxectos industriais eólicos, unha vez coñecido o sorpresivo acordo do pasado 12 de marzo polo que María Azucena Recio, a nova presidenta da Sala do Contencioso Administrativo do TSXG, acorda o traslado forzoso da da maxistrada Dolores López e do maxistrado Luís Villares da 3º á 4ª sección.
ACORDA:
Adherirse ao COMUNICADO DA SECCIÓN TERRITORIAL DE GALICIA DA ASOCIACIÓN XUÍZAS E XUÍCES PARA A DEMOCRACIA no que se amosa a preocupación a propósito dos traslados forzosos acordados na Sección 3ª da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que poden afectar ás garantías de inamobilidade e independencia xudicial.
No citado comunicado destácase como a Sección Terceira foi obxecto constante de presión mediática e política polas súas resolucións relativas á autorización de proxectos eólicos en Galicia.
Sendo que estes acordos gobernativos da nova presidencia da Sala do C-A supoñen de facto desfacer a composición dun órgano xudicial que viña resolvendo asuntos de materias concretas, chama a atención o inusual dun traslado forzoso de tanta envergadura como o producido e das formas coas que se realiza.
Durante os últimos meses e anos foron habituais desmedidas declaracións de determinados responsables políticos e empresariais poñendo en dúbida non só as resolucións da Sección 3ª da Sala do C-A, senón mesmo a profesionalidade dos seus integrantes. Poderíase pensar entón que as reiteradas presións políticas e empresariais finalmente acadaron o resultado perseguido: o cambio da composición da Sección do TSX de Galicia que coñece dos litixios sobre os parques eólicos en Galicia.
Do mesmo xeito cómpre subliñar que este movemento pode socavar a actuación independente dos membros do Tribunal, ao resultaren intimidados pola ameaza de traslados forzosos e outras represalias polo exercicio da función que teñen encomendada constitucionalmente.
É por iso que, ante a entidade dos feitos expostos, desde o Instituto de Estudos Mñoráns (IEM) queremos amosar a nosa preocupación polo risco de afectación ás garantías constitucionais de inamobilidade e independencia, e tamén reclamar aos órganos gobernativos do poder xudicial un coidadoso e prudente exercicio das facultades que teñen encomendadas.
Así mesmo queremos trasladar o noso apoio aos maxistrados/as que ata a data viñeron, en circunstancias especialmente complicadas e nun contexto de reiteradas presións, desempeñando o seu labor na Sección 3ª da Sala do C-A de o TSX de Galicia.




